Barreras evita a quebra no último instante

Porta dos estaleiros Barreras, en Vigo © CIG-Metal

A última hora, a poucas horas de se cumprir o prazo xudicial, Barreras presentou no Xulgado Mercantil de Vigo o plan de financiamento que lle permitirá retomar a actividade e evitar a quebra ante a súa grave crise

Ritz-Carlton farase co control da compañía tras presentar in extremis un plan para a reestruturación do financiamento do estaleiro que conta co visto e prace da Compañía Española de Seguros de Crédito á Exportación (Cesce) e que evita a súa entrada en concurso de acredores este luns. 

Ritz-Carlton asume o sobrecusto do cruceiro 'Evrima', cobre o furado de 50 millóns e adquire o 51% das accións en mans de Pemex, que ameazara coa quebra

Modifícase así o contrato inicial do cruceiro Evrima, polo que agora o seu armador, a propia Ritz Carlton, asumirá o seu sobrecusto, duns 70 millóns, cubrindo así o furado de 50 millóns que ten o estaleiro. Ao tempo, a compañía estadounidense podería adquirir o 51% das accións que están en mans de Pemex, logo de que a petroleira estatal mexicana advertira de que ou recibía 13 millóns de euros --o valor dos seus títulos máis os 8 millóns que achegou como garantía de varios contratos-- ou instaba á quebra da empresa

Construción dun cruceiro en Barreras © Hijos de Barreras

O acordo foi tamén posible logo de que as empresas auxiliares do naval acredoras de Barreras e agrupadas en Uninaval acordaran conceder o prazo de tres meses solicitado polo estaleiro ante o "previsible acordo de refinanciamento". A débeda de 25 millóns que o estaleiro mantén con estas compañías debe agora tamén arranxarse mediante un plan de viabilidade, outro atranco máis na difícil singradura da centenaria compañía. 

Do que non hai aínda comunicación oficial é do que pasará cos outros buques que Barreras tiña en carteira, un ferry para a canaria Armas e dous máis para a navieira norueguesa Havila. 

Con este acordo de última hora, Barreras evita a súa liquidación e remata co preconcurso de acredores no que se instalara desde hai catro meses. Mentres, desde México, Pemex solta lastre e pon fin á súa polémica aventura empresarial en Galicia, con dous floteis construídos en Vigo e Ferrol ao 30% da súa capacidade e sen atopar comprador polo seu elevado sobreprezo e cunha denuncia presentada ante a Fiscalía pola compra do estaleiro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.