Preconcurso de acredores no emblema das promesas de Feijóo sobre Pemex

Feijóo, con responsables de Barreras e Pemex -entre eles, o agora investigado Panizzo, á dereita-, no acto de inicio de corte de chapa do flotel construído en Vigo © Xunta

Pouco despois das nove e cuarto da noite do 24 de maio de 2012 o Telexornal da TVG interrompeu o seu ritmo habitual para conectar co salón nobre do Pazo de Raxoi, que a Presidencia da Xunta reserva para as súas recepcións máis solemnes. As cámaras da canle pública mostraron en directo ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rubricando documentos co daquela director xeneral da petroleira estatal mexicana Pemex, Juan José Suárez Copell. Sete anos despois, un dos emblemas daquel acordo, o estaleiro vigués Barreras, acaba de solicitar o preconcurso de acredores.

Os acordos solemnizados por Feijóo con Pemex no ano electoral de 2012 chegaron a roldar a vintena de barcos; finalmente a encarga de dous buques e a entrada no accionariado de Barreras foron as consecuencias máis tanxibles

O que acababan de asinar, dixo Feijóo no solpor daquel día no peor da crise, era "unha das mellores noticias de economía e emprego dos últimos tempos", unha  "alianza estratéxica" para a construción de 14 remolcadores da man de estaleiros galegos, sete integramente en Galicia e outros tantos en colaboración con empresas mexicanas. O primeiro paso dun gran acordo que, de entrada, suporía "máis de 2,6 millóns de horas de traballo" e 2.500 empregos entre directos e indirectos", prometeu.

Poucos meses despois, en setembro do mesmo ano, Feijóo bordeou a lei electoral para solemnizar os que foron presentados como dous primeiros encargos derivados do acordo. Dous floteis (barcos-hotel auxiliares das plataformas petroleiras), un para o estaleiro público Navantia e outro para o privado Barreras, cuxa maioría accionarial acabaría sendo comprada pola propia Pemex en 2013, como adiantou Praza.gal, mentres os barcos prometidos ascendían ata practicamente á vintena.

Emisión ao vivo pola TVG da sinatura do primeiro acordo da Xunta con Pemex, en maio de 2012 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os problemas financeiros de Pemex aceleraron a retirada de promesas de Pemex mentres Feijóo matizaba que, en realidade, aqueles proxectos nunca dependeran da Xunta

En realidade, de todos aqueles anuncios grandilocuentes, que incluían tamén a instalación dunha base de Pemex no porto exterior da Coruña, só se concretaron dous pedidos de barcos, que acumularon fortes atrasos e problemas na súa posterior colocación no mercado. Mentres, outros dous estaleiros galegos -Freire e Armón- participaron con contratos de deseño e compoñentes para outros buques construídos en México. 

Foron encargos relevantes nun momento de forte crise do sector, pero cun peso moi inferior ao dos anuncios oficiais da Xunta. Os problemas financeiros de Pemex aceleraron a retirada de promesas mentres Feijóo matizaba que, en realidade, aqueles proxectos que anunciara ao vivo pola TVG nunca dependeran do Goberno galego.

Paralelamente, o novo executivo mexicano, encabezado por Andrés López Obrador, sinalaba por corrupción a algúns dos protagonistas das fotografías de Feijóo con Pemex para solemnizar os devanditos anuncios. Un deles, Emilio Lozoya, alto directivo da compañía ata 2016, é acusado pola Fiscalía do país americano por delitos como branqueo de capitais no marco da aprobación da compra, por parte de Pemex, de plantas de fertilizantes que, segundo as acusacións, foron adquiridas por grandes sumas de diñeiro malia estaren practicamente crebadas. Desde hai meses Lozoya, con quen Feijóo e o conselleiro Francisco Conde chegaron a reunirse en México en 2014, está "prófugo da xustiza", segundo as autoridades dese país.

Feijóo, o conselleiro Francisco Conde e Carrera Panizzo, nunha plataforma petroleira de Pemex en marzo de 2014 CC-BY-SA Xunta

A Xunta valora participar no rescate de Barreras

Paradoxalmente, a Xunta volve aparecer na escena dos negocios de Pemex en Galicia para valorar intervir no rescate do estaleiro privado Barreras, que a estatal mexicana comprou nos seus anos de bonanza, cando a compañía viguesa levaba case dous anos sen un contrato e saía dun concurso de acredores. Agora a compañía estatal azteca prepara a súa marcha, aínda que antes destituíu á cúpula do estaleiro empezando polo seu presidente, García Costas.

A compañía hostaleira internacional The Ritz-Carlton ten un cruceiro de luxo construíndose en Vigo cuxos sobrecustos abocaron a Barreras ao preconcurso de acredores mentres Pemex prepara a súa saída

Barreras ten ante si unha importante crise e desexa unha operación de rescate que non descarta a Xunta pero que planea a compañía hostaleira internacional The Ritz-Carlton, que ten un cruceiro de luxo construíndose en Vigo e varios pedidos máis pendentes. O sobrecusto xerado pola construción deste barco para a división navieira da empresa hostaleira abocou a Barreras ao preconcurso de acredores, que solicitou formalmente no xulgado esta semana a modo de medida deprotección. O desfasamento, sobre os 240 millóns do contrato, supera os 100 millóns; a débeda no pago a provedores e equipos sitúase en 20 millóns.

Polo momento, a compañía de cruceiros xa informou de que a estrea do barco que constrúe Barreras é adiada ata xuño cando a previsión inicial era que comezase a navegar a principios de febreiro. Ademais, tampouco nega a súa intención de ficar en Barreras. A cuestión agora é saber cal será esa solución para un estaleiro aínda participado ao 51% por Pemex . A mexicana parece disposta a desfacerse sen moitas trabas do negocio ao que chegou en Galicia da man daquel acordo apadriñado por Feijóo entre a Xunta e a petroleira estatal mexicana.

Polo momento, en virtude do preconcurso solicitado, a empresa ten catro meses para negociar cos acredores e, en caso de non logralo, veríase abocada ao concurso e á suspensión de pagos. Non sería novo para o histórico estaleiro vigués, que pasou xa por un concurso en 2012, afogado pola crise, as consecuencias do tax lease e as millonarias débedas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.