A Xunta valora agora intervir no rescate de Barreras media década despois de dalo por salvado grazas a Pemex. Naquel 2013, tras facerse a petroleira mexicana coa maioría do accionariado do estaleiro vigués, Feijóo presumiu dun movemento que era positivo "para os traballadores, para o sector e para toda Galicia". O presidente da Xunta destacaba un investimento nunha empresa que levaba case dous anos sen un contrato e que saía dun concurso de acredores. Agora, a firma estatal azteca prepara a súa marcha, Barreras pide axuda e The Ritz Carlton aparece como solución co apoio do Goberno galego tras unha xestión nos últimos anos máis que discutida.
Polo momento, o estaleiro xa ten novo presidente, imposto por Pemex, logo de que a pasada semana cesara toda a cúpula directiva do estaleiro vigués. Víctor Navarro converteuse no novo máximo dirixente, en substitución de García Costas, aínda que pode que dure pouco no seu posto. Moi pouco.
A discutida xestión dos últimos anos agudizou a crise de Barreras, da que quere saír Pemex e que busca un rescato para o que se agarra a Ritz-Carlton
Barreras afronta unha importante crise e devece por unha operación de rescate que non descarta a Xunta pero que planea The Ritz-Carlton, que ten un cruceiro de luxo a construírse en Vigo e varios pedidos máis pendentes. O sobrecusto xerado pola construción deste barco para a división navieira da empresa hoteleira deixa Barreras preto do preconcurso. O desfase, sobre os 240 millóns do contrato, supera os 100 millóns; a débeda no pagamento a provedores e equipos sitúase nos 20.
Polo momento, a compañía de cruceiros xa informou de que a estrea do barco que constrúe Barreras adíase ata xuño cando a previsión inicial era que comezase a navegar a principios de febreiro. Ademais, tampouco nega a súa intención de quedar en Barreras e recoñece que está a “traballar de manera cooperativa” co estaleiro “cara a unha solución de longo prazo”.
A cuestión agora é saber cal será esa solución para un estaleiro participado ao 51% por Pemex e ao 49% por Albacora e o grupo de García Costas a partes iguais. Co obxectivo de asegurar a construción do cruceiro ou mesmo doutros proxectos encargados, o prezo pola que poidan vender Pemex e o resto de socios a The Ritz-Carlton non semella un problema.
A pasada semana, García Costas ofreceu o seu 25% á hoteleira por 1 euro, mentres que Pemex parece tamén disposto a desfacerse axiña do negocio ao que chegou en Galicia da man daquel acordo apadriñado por Feijóo entre a Xunta e a petroleira estatal mexicana, que entrou en Barreras hai máis de seis anos, tal e como adiantara Praza.gal.
Pemex decidiu hai xa meses abandonar Barreras e Galicia logo de moreas de proxectos anunciados por Feijóo pero incumpridos
Xa a principios deste 2019, a petroleira advertira da súa intención de abandonar e soltar lastre. Daquela “alianza estratéxica” quedaron os traballos para a construción de dous únicos floteis e a compra do estaleiro vigués. Nada máis se soubo das moreas de proxectos e contratos anunciados pero incumpridos.
Quedaron no limbo numerosos anuncios de Feijóo: tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, a renovación de parte da frota, dous quimiqueiros e os remolcadores. Tampouco chegou a terminal no porto exterior da Coruña, á que renunciou finalmente Pemex.
Agora, a Xunta recoñece “preocupación”. O vicepresidente, Alfonso Rueda, considera a Barreras un activo “moi importante”, tanto polo tamaño como pola “carga de traballo vixente” e os centos de empregos directos, indirectos e na industria auxiliar. Na actualidade, o estaleiro ten unha carteira de pedidos duns 900 millóns.
A Xunta demanda coñecer as necesidades reais de Barreras para procurar unha solución "integral" para a empresa e as auxiliares
Rueda asegura que o Executivo galego podería “axudar” para atopar unha “solución que sexa viable e garanta o futuro”. No entanto, a implicación da Xunta dependerá da información que obteña sobre as necesidades de Barreras para así procurar unha solución "integral", tanto para o estaleiro como para as auxiliares. Esa foi a información que reclamou o Igape na xuntanza que mantivo en Madrid con representantes de Pymar e de Ritz-Carlton, e que non será a única nos vindeiros días.
Feijóo non descartou tampoco a intervención da Administración, asegurando que se Barreras “é viable e ten músculo, a Xunta vai seguir ao carón do sector naval”. Así, o presidente galego supeditou calquera apoio á “necesidade” da súa viabilidade e á situación que diagnostique xunto á empresa. O conselleiro de Economía, Francisco Conde, pola súa banda, insistiu na mensaxe e advertiu tamén da xestión “aparentemente deficiente” dos últimos anos como unha das claves da situación actual do estaleiro.