As operacións da petroleira pública mexicana Pemex en Galicia, protagonistas de múltiples promesas apadriñadas pola Xunta durante as dúas primeiras lexislaturas de Alberto Núñez Feijóo na presidencia, veñen de regresar á actualidade por mor das investigacións por presunta corrupción a varios dos ex-directivos da compañía protagonistas daqueles negocios. Tamén porque segundo o novo presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, entre a "limpeza" que o seu equipo prevé facer da compañía inclúe a revisión dos acordos con estaleiros do estranxeiro, isto é, tamén con Navantia e o vigués Barreras.
Presas (BNG): "Pemex deixou máis fotos que barcos: non soubemos nada dos remolcadores, dos quimiqueiros, da base loxística ou da frota menor"
Diante destas novas a oposición no Parlamento galego pediu a comparecencia urxente do titular de Industria da Xunta, Francisco Conde, por ser un dos dirixentes que, primeiro como asesor de Feijóo e despois como conselleiro, participou máis activamente nos contactos con Pemex. No entanto, ante a máis que previsible negativa os grupos da esquerda rexistraron tamén outras iniciativas ao respecto, a comezar por unha pregunta que o BNG formulou xa no pleno que vén de rematar e ante a que o propio Conde veu concluír que ninguén máis que a propia oposición "pon en cuestión" o papel xogado por Pemex no naval galego.
Para a voceira do Bloque en materia industrial, Noa Presas, o paso de Pemex por Galicia deixou "máis sombras que luces" e "máis fotos que barcos". "Non soubemos nada dos remolcadores, dos quimiqueiros, da base loxística en Punta Langosteira ou da frota menor", isto é, dos máis de vinte buques prometidos que acabaron sendo dous, os dous floteis que, xunto á entrada no accionariado de Barreras, foron os principias resultados tanxibles da "alianza estratéxica" coa petroleira americana.
Presas coida que "algunha explicación terá que dar" a Xunta despois de que varios dos directivos cos que Feijóo e Conde compartiron "apertas que tanto lle custaron á nosa industria" sexan sinalados por presuntas operacións corruptas. Pero para o conselleiro, a deputada "confunde o Parlamento cunha tertulia".
"Non hai ningunha outra voz en Galicia que poña en cuestión o papel que ten xogado Pemex tanto na recuperación de Barreras como do sector naval galego agás vostedes", reprochou. A causa, ao seu xuízo, é quea deputada do Bloque "non ten criterio".
Ante a petición de "explicacións" polas investigacións aos ex-directivos que interviñeron nos negocios de Pemex en Galicia o conselleiro gaba o "papel na recuperación do sector naval en Galicia" que xogou a empresa mexicana e conclúe que a deputada do BNG "non ten criterio"
"É o Tribunal de Contas mexicano, non o BNG" o que cuestiona as cifras daquelas operacións, retrucou Presas, quen se "reafirma" en que "o capital intelectual e de coñecemento do naval galego foi vendido a prezo de saldo", "intencións" que a propia Pemex evidenciou cando anunciou a transferencia tecnolóxica de Barreras a estaleiros mexicanos, lembrou. O conselleiro, lamenta, responde "como se fósemos nós quen estamos a investigar" un caso que está nas mans das autoridades de México e que, lamenta, ten "impacto negativo na imaxe internacional do noso naval".
En calquera caso, o conselleiro evitou profundar nas preguntas relativas á investigación aos ex-directivos de Pemex ou á vintena de buques que nunca chegaron, ficando nos dous floteis que si foron construídos e na entrada no accionariado de Barreras. Ese, di, é o "papel na recuperación do sector naval en Galicia" que "ten unha vinculación con Pemex, co apoio de México", da Xunta e do Goberno e Rajoy. E "en ningún caso -reprocha- a situación do sector naval", un "dos seus mellores momentos", é "labor da oposición".