O candidato popular apela nun mitin en Oleiros “aos que vos manchades” no sector mentres Feijóo alerta agora de posibles riscos sobre o futuro de Reganosa
Tras varios días centrando os seu discurso de precampaña na posible crise económica que podería chegar tras a actual desaceleración económica, o candidato do PP á presidencia do Goberno central, Pablo Casado, aproveitou a crise industrial galega que xa é unha realidade para cargar contra a política sectorial desenvolvida durante o último ano polos socialistas e eloxiar as actuacións da Xunta de Feijóo durante a última década.
Un día despois de que Pedro Sánchez desembarcase en Galicia cun acto como presidente nun foro na Toxa e un mitin como candidato en Vigo no que prometeu unha transición xusta para As Pontes, pero sen concretar medidas, este domingo Casado celebrou un acto acompañado por Feijóo centrado tamén nese eido. Pero non o fixo nas Pontes, Vigo, A Coruña ou Cervo, localidades afectadas pola indefinición sobre o futuro das instalacións de Endesa, Barreras, Vulcano ou Alcoa. Fíxoo en Oleiros, a vila con maior renda de Galicia, onde chegou a apelar “aos que vos manchades nunha industria” para que confíen no PP e na súa promesa de “unha solución e unha transición ordenada” para o sector enerxético que, ao igual que Sánchez o sábado en Vigo, non concretou.
Casado criticou “a demagoxia ambientalista que di que hai que prohibir os motores de combustión, o que prexudica aos que non poden comprarse un coche eléctrico”
O que si fixo Casado foi presentar o seu partido como exemplo de xestión ambiental ao tempo que cargou contra “a demagoxia ambientalista que di que hai que prohibir os motores de combustión, o que prexudica aos que non poden comprarse un coche eléctrico”. “Non nos van dar leccións desde a esquerda de compromiso co medio ambiente”, dixo, poñendo como exemplos que os gobernos do PP foron os primeiros en contar cun ministerio específico da materia e que foron eles os que asinaron os acordos internacionais contra o cambio climático de Kioto e París.
Feijóo meteu na axenda da campaña electoral outra industria que non estaba no debate político dos últimos días: "Ollo, ollo con Reganosa"
Na súa intervención previa, Feijóo asegurou que o obxectivo do mitin non era “apoiar a Pablo Casado, senón que Pablo Casado apoie a Galicia e a todos os galegos” para manter a industria. O presidente citou expresamente os casos de Endesa nas Pontes, Alcoa na Coruña e San Cibrao, ou Navantia en Ferrol, pero nada dixo da situación de Barreras coa marcha de Pemex malia auspiciar el mesmo aquela operación. Feijóo mesmo meteu na axenda da campaña electoral outra industria que non estaba no debate político dos últimos días, a planta de Reganosa en Mugardos, que vén de recibir ata cinco sentenzas contrarias do Tribunal Supremo. Malia que o Goberno central vén de iniciar a tramitación para legalizala novamente, Feijóo fixo ver que non está a facer o suficiente para garantir a súa continuidade. “Ollo, ollo con Reganosa”, dixo.
Feijóo pediu a Casado que valore mercar o novo coche de PSA Peugeot-Citroën “porque ten un prezo/calidade fantástico”
Sobre a situación da central das Pontes, Feijóo dixo que o PP non quere “que se queime carbón de xeito indiscriminado e sen prazo nas instalacións térmicas, pero tampouco queremos que se peche esta central que é a única que fixo investimentos para cumprir co mandato da UE”. “Pedimos un prazo, un prazo para non pechar de xeito inmediato, e non pechar só unha central senón tamén un porto, o de Ferrol, e unha vila, As Pontes”, engadiu Feijóo, que salientou que “Galicia baixou as súas emisións un 5% desde 1990 e España subiunas un 13%”. “Por que temos que pagar nós o pato?”, sentenciou.
Fronte á crise dalgunhas industrias instaladas en Galicia, Feijóo eloxiou outras, sen citalas polo nome, como Inditex ou PSA Peugeot-Citroën, asegurando que a roupa da primeira é a que viste a xente de todo o mundo que “quere vestir ben” e chegando a dicirlle a Casado que debe valorar a posibilidade de mercar o novo coche da marca francesa “porque ten un prezo/calidade fantástico”. “Encántame o novo todocamiño, o 2008”, respondeulle Casado máis tarde.
Antes de Casado e Feijóo xa intervira o presidente do PP coruñés, Diego Calvo, quen criticou que “desde que chegou Pedro Sánchez a luz non parou de subir, para os cidadáns e para as empresas”.