O sector galego da construción naval volve atravesar un período de incerteza, con dificultades en estaleiros da importancia de Barreras e Vulcano, en Vigo, ou Navantia, en Ferrol. As promesas incumpridas e as espectativas defraudadas volven escurecer o futuro dun ámbito laboral que nas últimas décadas viviu fases mellores e peores, pero que nunca recuperou a actividade que chegou a ter.
O abandono de Pemex deixa Barreras con dificultades, a pesar de contar con encargos para os vindeiros meses
Hai uns meses confirmouse o fracaso da operación de Pemex, amplamente publicitada polo Goberno galego, pero que ao cabo deixou apenas a construción de dous floteis. As promesas de construción de catorce remolcadores (coa xeración de 2.500 postos de traballo) e dunha terminal de hidrocarburos no porto exterior da Coruña (cun investimento de case 60 millóns) ficaron en nada e o pasado mes de marzo a compañía mexicana anunciou a súa intención de desfacerse da súa participación no estaleiro vigués de Barreras.
Esta semana Barreras celebrou un consello de administración para aprobar as contas de 2018, coas dúbidas sobre o a construción de dous cruceros para Havila. En calquera caso, semella que o adeus de Pemex é irrevogable, deixando tras de si un ronsel de promesas incumpridas e, ademais, a sombra da corrupción na persoa dalgúns dos empresarios mexicanos artífices da operación.
Paradoxalmente, Barreras si conta nestes momentos con varios encargos en carteira para o vindeiro ano (comezando pola construción de varios buques para Ritz-Carlton), pero o abandono do capital mexicano e os problemas xerados co encargo para Havila están a xerar unha grande incerteza entre os persoal
En calquera caso, máis preocupante é a situación de Vulcano, o outro grande estaleiro vigués, que este ano celebrou o seu centenario, e cuxos traballadores farán fronte en setembro a un ERE extintivo que afectará a 69 empregos. Con gran dificultade, a compañía entregou en xuño o seu derradeiro encargo, que saíu adiante grazas ao esforzo económico das empresas auxiliares, que asumiron parte dos impagos.
Vulcano fará fronte en setembro a un ERE extintivo que afectará a 69 empregos
Este mércores o comité de empresa de Vulcano pediu a Inspección de Traballo un adiamento na execución do ERE de extinción presentado polo administrador concursal, procurando gañar tempo mentres se busca un investidor. Mentres, o Porto de Vigo baralla adquirir parte dos terreos que na actualidade ocupa Vulcano.
PSdeG-PSOE, Galicia En Común e BNG demandan da Xunta que se implique neste proceso, co obxectivo de buscar unha solución que permita manter a actividade e os postos de traballo. "O Goberno galego e toda a Administración autonómica deberán dar unha resposta ante esta situación, impedindo que finalizase a relación contractual cos traballadores e apostando pola aparición dun posible inversor", sinalou a socialista Patricia Vilán. En Común estendeu esa demanda ao Goberno central en funcións, esixindo a intervención do Ministerio de Industria na procura de grupos investidores.
A incerteza esténdese aos estaleiros do norte do país, os da Ría de Ferrol, onde as boas novas da aprobación do contrato de construción das fragatas que o PP paralizara veñen de se rebaixadas coa frustración xerada polo bloqueo do proxecto do Estaleiro 4.0. Esta mesma semana o Ministerio de Fomento descartou que vaia asumir a reforma de Navantia Ferrol. A prometida reforma incluiría a construción dun dique cuberto e, sobre todo, unha renovación tecnolóxica de todos os procesos que lle permitiría competir mellor cos estaleiros do resto do continente.
Crece a incerteza en Ferrol ante o bloqueo do Estaleiro 4.0 e do encargo do buque de apoio loxístico
O Ministerio de Defensa tamén desbotou a súa participación neste proxecto, o que espertou as críticas dos sindicatos e de formacións políticas como Galicia En Común, que cualifica o Estaleiro 4.0 de "cuestión clave para o futuro do sector naval galego e a modernización da comarca de Ferrolterra". O PP uniuse a estas demandas, esixindo do Goberno central en funcións un maior compromiso con Navantia Ferrol.
En Común e PP reclaman tamén que se faga efectivo o encargo para a construción dun buque de apoio loxístico (AOR) no estaleiro ferrolán. "Instamos o Goberno a que a súa primeira medida sexa a firma dun AOR, necesidade manifesta pola Armada, que non require deseño de enxeñaría e que suporía evitar unha crise estrutural nun sector, o da industria auxiliar, xa suficientemente precarizado e atacado", afirmou no Congreso a deputada Yolanda Díaz.
Unha desas compañías auxiliares con dificultades é Elinco, cuxo persoal leva semanas con mobilizacións para esixir o pagamento dos salarios pendentes. Elinco Construciones Eléctricas vén arrastrando problemas no pago das nóminas dende hai meses, malia ser unha das contratistas coas que Navantia sempre conta e de feito conseguiu parte do servizo de electrónica dos AORs, "polo que este contrato debería garantir a viabilidade da empresa cando menos até a súa finalización, máis aínda cando Elinco ten presenza tamén noutros sectores", subliña Ramón Fernández Alfonzo, da CIG-Industria de Ferrol.