Ryanair é condenada a indemnizar con mil euros a unha familia que pasou dous días sen poder regresar a Galicia

Avións de Ryanair © Ryanair

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a Ryanair a indemnizar aos cinco membros dunha familia, tres deles menores de idade, con mil euros por danos morais pola "ansiedade e frustración" que lles supuxo que a empresa cancelase a viaxe que os debía transportar de volta obrigándoos a permanecer dous días máis no lugar de destino. 

O conselleiro delegado de Ryanair, Michael O'Leary © Ryanair

A compañía cancelou o seu voo e acabou asumindo o gasto extra da familia para regresar, pero a Audiencia da Coruña imponlle tamén o pago de danos morais pola "ansiedade e frustración"

Segundo a sentenza agora feita pública pola sección sexta da Audiencia, con sede en Santiago, tras cancelar o seu voo Ryanair devolveu á familia afectada o importe dos seus billetes. Pero a familia tivo que interpoñer unha demanda para que a empresa lles pagase tamén a diferenza do que acabaron gastando noutro transporte alternativo para poder realizar a súa viaxe.

Ademais, unha primeira sentenza dun xulgado de Primeira Instancia de Santiago estableceu que Ryanair debía indemnizar a maiores á familia con 500 euros. Pero esta recorreu e a Audiencia da Coruña vén de elevar a contía. 

Segundo a sentenza agora feita pública, "os demandantes viaxaban con 3 menores -o que implica, notoriamente, maiores complicacións de loxística, maior ansiedade e frustración-, e tiveron que permanecer dous días máis no lugar de destino". Por iso, "ponderadas estas circunstancias", o tribunal considera "equitativo e proporcionado á entidade do dano a suma de 200 euros para cada pasaxeiro (1.000 euros en total)".

Xulgados de Santiago, onde está a sección sexta da Audiencia da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.