A chantaxe de Ryanair limita as conexións de Galicia e consolida o Porto como alternativa

Interior do aeroporto Francisco Sá Carneiro do Porto © ana.pt

O recorte anunciado por Ryanair supón un auténtico terremoto para un sector aeroportuario galego que nos últimos anos está xa a experimentar grandes cambios. Entre eles destaca a crecente competencia do tren de alta velocidade e tamén o crecemento do aeroporto do Porto, que xa oferta máis dun cento de destinos

A pasada semana Ryanair anunciou unha importante serie de recortes de actividade en de todo o Estado, unha medida que afecta de forma importante ao aeroporto de Santiago, onde a compañía irlandesa contaba cunha base fixa, e tamén ao de Vigo, onde se elimina a conexión con Londres-Stansted. 

A decisión de Ryanair obedece ao seu desacordo coa suba das taxas aeroportuarias a partir de 2025 tras unha década de conxelación, un incremento que procede dunha regulamentación do Goberno do PP de Mariano Rajoy, na etapa de Ana Pastor como ministra de Fomento. E pode entenderse como un intento de chantaxe a Aena, a empresa de maioría estatal que xestiona os aeroportos, que xa respondeu a través dun duro comunicado. que sinala que "o que quere Ryanair é gañar máis diñeiro, aínda que sexa sufragado polo peto dos contribuíntes españois".

Aínda se descoñece o alcance final para os aeroportos afectados do movemento de Ryanair -é posible que a empresa acabe por ceder neste tirapuxa ou que outras compañías, como xa fixo Vueling, aproveiten o baleiro creado para ofrecer novas conexións-, pero en todo caso o paso atrás dado polo xigante irlandés dos voos low cost supón un auténtico terremoto para un sector aeroportuario que nos últimos anos está xa a experimentar grandes cambios.

Algúns destes cambios pasaban polo crecemento dalgúns aeródromos grazas ao impulso outorgado polo propio Ryanair ou polas axudas públicas -de gobernos autonómicos ou concellos- para o establecemento de determinadas conexións. E, igualmente, polo cambio estrutural que supón a chegada a Galicia da conexión de alta velocidade ferroviaria coa Meseta, finalmente competitiva en tempo co avión. O mercado aeroportuario está a cambiar e os aeroportos galegos poden vivir nos próximos tempos uns anos cruzais para o seu futuro.

Así afecta a Galicia a chantaxe de Ryanair

O aeroporto Rosalía de Castro de Santiago é o gran prexudicado pola decisión de Ryanair, ao perder 13 conexións. A partir de marzo de 2026, os actuais 27 destinos ficarán reducidos a 16

O aeroporto Rosalía de Castro de Santiago é o gran prexudicado pola decisión de Ryanair, que dende o ano 2004 mantiña unha base fixa en Lavacolla e supuña ao redor do 35% do tráfico do aeródromo. Entre setembro e outubro desaparecerán voos que unían Compostela con Menorca, Zaragoza, Madrid, Barcelona, Bruxelas, Dublín, Forteventura, Alacante, Ibiza, Mallorca, Málaga, Gran Canaria e Memmingen. En marzo uniranse outras conexións, como Londres, Lanzarote, Tenerife Sur, Valencia e Sevilla. Anteriormente xa perdera conexións con Milán, Girona, Boloña, Bordeos, Edumburgo, Francfort, La Palma, Marsella e París.

A partir do 29 de marzo os actuais 27 destinos do aeroporto Rosalía de Castro (varios deles estaban duplicados entre Ryanair e outras compañías que si se manteñen) ficarán reducidos a 16: Amsterdam, Barcelona, Basilea, Dublín, Frankfurt, Forteventura, Xenebra, Gran Canaria, Lanzarote, Londres, Madrid, Málaga, Palma de Mallorca, París, Sevilla e Tenerife-Norte.

Santiago recibiu unha boa nova o martes. Vueling anunciou que entre outubro e marzo ofrecerá en Lavacolla 76.700 plazas adicionais -un aumento do 15% na súa oferta- cun novo avión que emprestará o servizo no Nadal e que reforzará o aeródromo a partir de abril de 2026. Isto significará o incremento de 26 frecuencias semanais, especialmente na conexión con Barcelona (seis máis) e Palma de Mallorca (catro máis). Ademais, recupera a ruta a Alacante e engade a de Zürich.

Coa perda do voo a Londres, Vigo fica só con 4 conexións, ningunah internacional. En cambio, o aeroporto da Coruña non se ve afectado polos recortes de Ryanair e mantén as súas actuais nove conexións

O efecto da marcha de Ryanair é inferior para Vigo, que só tiña un destino con esta compañía: a de Londres Stansted. Esta conexión desparecerá de Peinador a partir do 1 de xaneiro, unha vez conclúa o prazo do concurso municipal que posibilitou esta ruta durante tres anos a través dos 1,8 millóns de euros achegados polo Concello. Porén, a perda do voo a Londres engádese á desaparición de conexións con Barcelona, Dublín, Edimburgo e Milán nos últimos meses. Así -e á espera de que se anuncie algún novo destino- a partir do 1 de xaneiro Peinador só contará con catro conexións: Madrid, Barcelona, Gran Canaria e Tenerife

Finalmente, o aeroporto da Coruña, é o único que non se ve afectado polos recortes de Ryanair. E, aínda que dende a cidade herculina se observa cunha parte de preocupación a redución das conexións directas de Galicia por avión -polo prexuízo que pode ter para o turismo que visita a urbe-, tamén se apunta a actual situación como unha “oportunidade” para gañar pasaxeiros dende Alvedro e, sobre todo, para atraer algunha nova conexión internacional ou co resto do Estado. A Coruña mantén as súas actuais nove conexións: Madrid, Barcelona, Málaga, Valencia, Gran Canaria, Tenerife Norte, Londres, Xenebra e Milán.

O Porto e o tren de alta velocidade, crecente competencia para os aeroportos galegos

Este mes de xullo recibimos a nova de que por primeira vez nas últimas décadas o tren transportara máis pasaxeiros entre Galicia e Madrid que o avión: 181.588 fronte a 155.715

Os aeroportos galegos atópanse nun momento decisivo, cun serctor aeroportuario en transformación e tamén a crecente competencia do tren. Nos últimos anos o tráfico de pasaxeiros en Lavacolla disparouse da man das conexións de Ryanair: se ata o ano 2010 a suma de Alvedro e Peinador era superior aos datos de Santiago, dende entón as cifras do aeroporto compostelán disparáronse, ata mesmo superar o 60% do tráfico galego nos últimos anos.

Neste ano 2025, en cambio, os aeroportos da Coruña (+4,3%) e Vigo (+10,3%) manteñen unha tendencia de ascenso, mentres o de Santiago experimenta un importante descenso (-13,3%). Está por ver o efecto que continúe a tren a crecente competencia da conexión ferroviaria de alta velocidade a Madrid e, sobre todo, o impacto dos recortes de Ryanair. 

Este mes de xullo recibimos a nova de que por primeira vez nas últimas décadas o tren transportara máis pasaxeiros entre Galicia e Madrid que o avión: 181.588 fronte a 155.715. Pode que agosto -coa conexión de alta velocidade coa Meseta moi afectada polos incendios de Ourense e Zamora- devolva o avión á súa anterior posición de supremacía, pero en todo caso, os datos de xullo non son unha excepción, senón a constatación dunha tendencia. Antes da pandemia o avión movíase en cifras superiores aos 200.000 pasaxeiros mensuais entre Galicia e Madrid, mentres que o tren leva anos ascendendo dende números moito máis modestos (pouco máis de 20.000 pasaxeiros mensuais en 2011). Dende entón, os sucesivos avances na alta velocidade e a redución dos tempos dos traxectos fixeron do tren unha opción moito máis competitiva.

Nos últimos 15 anos o aeroporto Sá Carneiro do Porto disparou as súas cifras de pasaxeiros, que pasaron de 4,5 millóns en 2009 a case 16 millóns en 2024. Neste tempo a suma dos tres aeroportos galegos pasou de 4 a 6 millóns, unha suba limitada ao crecemento de Lavacolla

A outra gran competencia para os aeroportos galegos vén polo aire e procede da outra beira do Miño. Nos últimos 15 anos o aeroporto Sá Carneiro do Porto disparou as súas cifras de pasaxeiros, que pasaron de 4,5 millóns en 2009 a case 16 millóns en 2024. Neste tempo a suma dos tres aeroportos galegos pasou de 4 a 6 millóns, unha suba limitada ao crecemento de Lavacolla, con Alvedro e Peinador case estancados. É dicir, de practicamente igualar os datos de Porto, a situarse 10 millóns de pasaxeiros por detrás. 

Na actualidade o Porto suma máis dun cento de conexións, algunhas delas voos trasatlánticos directos, como os que unen este aeródromo con São Paulo, Rio de Janeiro, Newark, Toronto ou Montreal, e con conexións directas cunha parte importante dos países de Europa. Unha verdadeira alternativa para os galegos e galegas que queren voar ao estranxeiro.

Cómpre destacar tamén nesta radiografía a situación do aeroporto de Asturias, que é empregado por non poucas persoas procedentes de Galicia, especialmente da Mariña. O aeródromo situado en Avilés vén incrementando o seu tráfico de pasaxeiros nos últimos anos, no que pasou de presentar cifra moi semellantes ás de Alvedro e Peinador a superalos amplamente. A aeroporto asturianos presentaba ata agora 28 conexións, que se verán reducidos despois dos recortes de Ryanair, coas perdas dos voos a Dublín ou Londres-Stansted.

O BNG reclama as competencias aeroportuarias e o PP culpa o Goberno do Estado

Ana Pontón demandou á Xunta que reclame as competencias aeroportuarias “e articule un plan para darlle futuro aos aeroportos galegos. "O único que nos está indicando isto é a debilidade que temos a respecto das nosas conexións e a falta de liderado por parte da Xunta", dixo Pontón

A espantada de Ryanair provocou tamén varios tirapuxas políticos, tanto a nivel local -especialmente en Compostela e Vigo- como galego. Polo BNG, Ana Pontón demandou á Xunta que reclame as competencias aeroportuarias “e articule un plan para darlle futuro aos aeroportos galegos” logo da decisión de Ryanair, A líder nacionalista sinalou que o funcionamento dos aeroportos galegos “non pode estar condicionado polo que decida unha empresa”. “O único que nos está indicando isto é a debilidade que temos a respecto das nosas conexións e a falta de liderado por parte da Xunta á hora de darlle funcionalidade e operatividade aos nosos aeroportos”, engadiu.

De igual xeito, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou que a Xunta “exerza as súas competencias para promover redes comerciais e turísticas que reforcen a conectividade de Galicia co resto de España e co mundo”. “En lugar de asumir esa responsabilidade, Rueda limítase outra vez a facer seguidismo do PP en Madrid”, concluíu o líder dos socialistas galegos.

Pola súa banda, dende a Xunta trasladouse a responsabilidade ao Goberno central. O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, culpou á “inacción do Executivo estatal” da redución de frecuencias e destinos decidida por Ryanair e reclamou un maior apoio para os aeroportos medianos e pequenos, coma os galegos. Así mesmo, Calvo reclamoulle unha reunión ao ministro de Transportes, Óscar Puente, e instou ao Goberno central e a Aena a “actuar para contribuír ao equilibrio territorial”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.