As subvencións rebentan o mercado aéreo e poñen en cuestión a rendibilidade dos aeroportos

Nova terminal de Lavacolla CC-BY-SA Aena

As compañías que prestaron o servizo de enlace marítimo na ría de Vigo transportaron o ano pasado máis de 230.000 persoas. Case vinte aeroportos de España non poden dicir o mesmo. Segundo os baremos da Comisión Europea é preciso ter máis de millón e medio de pasaxeiros para considerar rendible un aeroporto. Conforme esta consideración, só o de Lavacolla estaría en números negros (en contraposición a vermellos, no argot económico). Se se rebaixara o límite ao millón de pasaxeiros ao ano, o de Peinador (Vigo) tamén tería suspendido. E todo isto malia ao feito de que Galicia foi a terceira comunidade do Estado que máis cartos públicos lles destinou ás empresas aeronáuticas entre 2007 e 2011, segundo a Comisión Nacional de Competencia. Tamén aquí, e estando xa de actualidade, cómpre falar de repagamento.

Segundo os baremos da Comisión Europea é preciso ter máis de millón e medio de pasaxeiros para considerar rendible un aeroporto

Amais do investimento inicial, unha infraestrutura como un aeroporto precisa moito capital para mantelo en funcionamento. Precisa tamén, alén da obviedade, pasaxeiros. É algo que non teñen os aeroportos de, por exemplo, Castilla y León. Dáse a circunstancia, por contra, de que esta comunidade foi a que máis cartos públicos dedicou para sufragar convenios publicitarios ou turísticos con empresas aeronáuticas. Un total de 84 millóns entre 2007 e 2011 "como mínimo", puntualiza a CNC, xa que non están contabilizados todos os fondos destinados a tal efecto. Os aeroportos desta comunidade (Burgos, León, Salamanca e Valladolid) moveron en febreiro 35.885 pasaxeiros, menos que o de Zaragoza (que tampouco chegou aos 50.000 usuarios).

O aeroporto de Burgos, que en todo 2011 rexistrou 35.447 pasaxeiros, gastou 3.586.770 euros en convenios coas empresas

Castilla y León ten un déficit do -2,35%, unha débeda de máis de 5.000 millóns de euros e catro aeroportos sen pasaxeiros suficientes para, segundo o baremo europeo, ser rendibles sen axudas públicas. Só en 2011, segundo os datos da CNC, a comunidade destinou 14.347.080 euros en concepto de "acordos publicitarios" con empresas como Air Nostrum, Ryanair ou Vueling. O aeroporto de Burgos, que en todo 2011 rexistrou 35.447 pasaxeiros, gastou 3.586.770 euros en convenios coas empresas. Máis de cen euros por usuario en concepto de subvención.

Galicia, tamén pagando

O aeroporto de Lavacolla foi o único que rexistrou valores positivos en febreiro. Contabilizou 155.187 pasaxeiros, un 5,6% máis que no mesmo mes de 2011. Peinador e Alvedro experimentaron caídas do 19,2 e o  31,9%, respecticamente, Isto significa que Santiago moveu máis usuarios que A Coruña e Vigo xuntas. Entre 2007 e 2011 os fondos públicos gastados na promoción do aeroporto de Alvedro ascenderon a 13.408.467 euros, tanto os convenios e acordos de rango autonómico como os locais, provinciais ou calquera ente público de menor categoría institucional. O aeroporto de Peinador gastou, no mesmo concepto e no mesmo período, 2.635.895 euros. Cómpre ter en conta que, insiste tamén a CNC, estas cifras son "de mínimos".

Entre 2007 e 2011 os fondos públicos gastados na promoción do aeroporto de Alvedro ascenderon a 13.408.467 euros

Os fondos públicos referidos ao aeroporto de Lavacolla (Santiago) e concedidos ás firmas de aviación foron de 6.653.087 euros no mesmo tramo temporal. Un gasto que, entre as tres infraestruturas, sitúa a Galicia no terceiro posto do Estado na subvención das aeroliñas. Este esforzo non se compensou cunha mellora no ránking dos aeroportos con máis actividade durante 2011. Santiago está no posto número vinte con 22.317 operacións. Vigo e A Coruña non chegaron ás 35.000 operacións. 

En xeral, os aeroportos que son únicos no territorio dunha comunidade resultan máis beneficiados que os situados noutras comunidades autónomas con varios aeroportos, aínda que "o montante total concedido a nivel autonómico sexa maior, como é o caso dos aeroportos de Vigo e Santiago en Galicia", ou de Girona, Lleida e o propio do Prat en Cataluña, conclúe a Comisión de Competencia. Os aeroportos non son os destinatarios directos dos fondos (o son as empresas privadas), aínda que se converten en beneficiarios indirectos das medidas a través do aumento de tráfico aéreo xerado como consecuencia da creación de novas rutas ou do aumento de frecuencia das xa existentes. Ás veces.

O aeroporto de Albacete, que recibiu 2.549.200 euros das arcas públicas para se promocionar rexistrou 8.415 pasaxeiros durante todo 2011. Isto é, máis de 300 euros por usuario de subvención. Castilla La Mancha é a comunidade con máis déficit do Estado, a que máis tarda en pagar e que vén de recortar o gasto público un 20%. Entre 2007 e 2011 este aeroporto recibiu máis de 7,2 millóns de euros. En febreiro tivo 195 pasaxeiros, un 72% menos que o ano anterior.

 

 

 

 

Aeroporto de Albacete CC-BY-SA Aena

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.