Folga este venres nos buses na provincia da Coruña coa ameza de virar indefinida se a Xunta non actúa

Autobuses parados durante unha pasada folga na estación da Coruña CC-BY-NC-SA CIG

CIG, UXT e CCOO convocan paros para este venres e os días 12, 15 e 19 de decembro en demanda de "subas salariais decentes e unha mellora real nas condicións de traballo" logo de que as empresas veñan de recibir outros 17 millóns en axudas da Xunta

CIG, UXT e CCOO convocaron folga no transporte en autobús en toda a provincia da Coruña para este venres 5 de decembro e os días 12, 15 e 19. Uns paros cos que reclaman desbloquear a negociación do convenio provincial do sector e que ameazan con virar en indefinidos "á volta do Nadal" se non se acada un acordo coa patronal, para o que piden á Xunta que actúe como responsable das concesións de servizo público que sustentan á gran maioría das empresas.

A folga que comeza este venres non afectará ao transporte urbano da Coruña, xa que dispón de convenio colectivo propio, pero si ao resto dos autobuses da provincia, tanto urbanos como interurbanos, cuns 3.000 traballadores convocados. Os sindicatos tamén realizarán concentracións nas estacións de autobús da Coruña, Santiago e Ferrol. 

Autobuses do transporte urbano de SAntiago durante outra folga hai un ano © CCOO

Os sindicatos convocantes reclaman "subas salariais decentes e unha mellora real nas condicións de traballo" logo de que a patronal só ofrecese "un miserábel incremento do 1,2% para este 2025, pero sen querer tocar ningún outro aspecto". Porén, máis alá do salario os sindicatos reclaman melloras no control de xornada ou a conciliación.

A folga tamén quere "sacar o persoal acompañante do transporte escolar das condicións de escravitude na que están", con "contratos de 114 minutos diarios" para "salarios de 250 euros"

"Seguimos coas xornadas de hai dez anos", salientou este mércores Ernesto López Rei, voceiro da CIG na mesa de negociación, quen tamén puxo o foco en "sacar o persoal acompañante do transporte escolar das condicións de escravitude na que están", con "contratos de 114 minutos diarios" para "salarios de 250 euros". Un sistema de transporte escolar que a Xunta prorrogou hai dous anos malia as súas eivas.

Mellorar as condicións de traballo, din os sindicatos, "permitiría a renovación xeracional do sector, que conta cun persoal cunha elevada idade media, e no que as empresas día tras día se queixan da falta de man de obra".

Autobuses parados en Santiago a carón dunha pancarta nunha anterior folga do sector CC-BY-NC-SA CIG

Ante estas situacións, os sindicatos reclaman a implicación da Xunta, como titular das concesións de transporte regular ou contratos de transporte escolar que constitúen a base da gran maioría das empresas do sector. Nesa liña, os sindicatos acusan a Xunta de ser "cómplice da patronal, perpetuando coa súa pasividade a precariedade laboral neste sector e amosando un total desprezo polas persoas usuarias que ficarán sen servizo pola folga". 

Mentres, as concesionarias de bus da Xunta en toda Galicia veñen de recibir, segundo revelou en outubro Praza.gal en exclusiva, outros 17 millóns de euros en axudas públicas pola "excepcional situación económica".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.