Competencia investiga un posible amaño dos contratos do bus escolar da Xunta

Unha parada de autobús CC-BY-SA Xunta de Galicia

A xustiza constatou hai dous anos que Monbus e Alsa se repartiron ilegalmente o mercado nas liñas de transporte regular e agora as sospeitas esténdense ao transporte escolar, prorrogado pola Xunta hai ano e medio

A Comisión Galega da Competencia vén de incoar un expediente sancionador "por posibles condutas relacionadas con prácticas anticompetitivas" no procedemento de contratación do transporte escolar por parte da Consellería de Educación a finais de 2021. O expediente ábrese cando eses contratos están a piques de rematar logo de que Educación os prorrogase a finais de 2023 malia reiterados incumprimentos. Ademais, o expediente de Competencia sobre un posible amaño no transporte escolar chega despois de que a xustiza constatase hai dous anos que Monbus e Alsa repartíranse ilegalmente o mercado nas liñas de transporte regular. 

No marco da gran reestruturación das liñas de bus acometida pola Xunta nos últimos anos obrigada polo Tribunal Supremo, parte do transporte escolar pasou a ser prestado de xeito compartido coas novas liñas de transporte regular, mentres que outra parte seguiu sendo prestado en exclusiva pola Consellería de Educación. 

Un autobús de Monbus nunha imaxe de arquivo © Monbus

O primeiro concurso convocado en 2020 para esas liñas de transporte escolar exclusivo acabou sendo anulado pola propia Xunta, que admitiu "erros" e "confusión considerable" nos seus pregos de condicións. O segundo concurso que convocou, por 93,4 millóns de euros para dous anos, un 15% máis de gasto que o primeiro, foi adxudicado a finais de 2021 nun proceso dividido en 57 lotes sobre o que agora Competencia vén de abrir o seu expediente sancionador.

Á espera do que agora resolva o departamento de Competencia da Xunta, varios dos 57 lotes daquel concurso recibiron recursos tanto administrativos como xudiciais. En cando menos catro casos, os catro adxudicados a unións de empresas dominadas por firmas do grupo Monbus, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) concluíu, en sentenzas emitidas ao longo de 2023, que a Xunta non fixera cumprir a condición que ela mesma impuxera para que as adxudicacións non se concentrasen nunhas poucas empresas e fosen repartidas entre todo o sector. 

Unha das 57 prórrogas de contratos do transporte escolar decididas pola Consellería de Educación a finais de 2023 CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O tribunal censurou que, pola contra, Monbus quixo "adulterar a licitación no seu proveito" e "dominaba" de forma "clara e incontestable" as adxudicacións. Por iso condenou á Xunta a volver atrás no procedemento de adxudicación e entregar os contratos deses catro lotes ás empresas que quedaran en segundo lugar. 

[Nota de "rectificación e ampliación" de Monbus: As sentenzas do TSXG foron recorridas e segundo indica un representante legal de Monbus posteriormente o tribunal rectificou e ampliou a súa argumentación "anulando xa dúas das cinco sentenzas desfavorables orixinais", referentes aos lotes 45 e 51 do concurso. Segundo esta fonte, en marzo de 2024 o tribunal mudou de criterio e na súa sentenza máis recente "admitiu a defensa de Monbus ao constatar erros no cómputo de porcentaxes (incluíanse lotes non adxudicados) e a inaplicación da cláusula 8 do Prego (que exclúe do límite de oito lotes aqueles cun único licitador), confirmando que Monbus nunca excedeu dito límite". "Monbus presentou outros dous incidentes de nulidade (lotes 46 e 57) que seguen o seu curso, ao igual que os recursos ante a CGC, baseados nos mesmos argumentos xa recoñecidos polo TSXG", engade o representante legal de Monbus].

No caso do transporte regular, Competencia foi obrigada a actuar pola xustiza, que comprobou que Monbus e Alsa repartíranse o mercado de xeito ilegal

Os pronunciamentos iniciais do TSXG e incumprimentos reiterados de todo tipo constatados pola propia Xunta non impediron que a finais de 2023 Educación prorrogase todos os 57 contratos por outros dous anos máis. Fíxoo argumentando que estaban a funcionar "dun xeito adecuado pese a incidencias puntuais".

Agora, con esa prórroga a piques de rematar a finais deste ano, Competencia incoa expediente sancionador -coa denominación "S/2025 Unións Temporais de Empresas transporte escolar"- por posibles prácticas anticompetitivas no marco do concurso que entregou aqueles contratos. O departamento autonómico que debe velar polo libre mercado sinala que "as condutas consistentes en acordos entre competidores considéranse infraccións moi graves segundo a Lei 15/2007, podendo dar lugar a multas que alcanzan ata o 10% do volume total de negocios mundial do infractor" así como "tamén a prohibición para contratar coas administracións públicas". 

Competencia non detalla se o expediente agora iniciado sobre o transporte escolar vén obrigado por algunha resolución xudicial previa. Iso foi o que pasou no caso das liñas de transporte regular adxudicadas pouco antes que o transporte escolar. 

Sentenza do TSXG, ratificada polo Supremo, que constata o acordo entre Monbus e Alsa para repartirse o mercado das liñas regulares de bus CC-BY-SA Praza Pública

A Comisión Galega da Competencia, presidida polo ex-deputado popular Ignacio López-Chaves, rexeitara inicialmente analizar un posible amaño do mercado, como denunciaran tanto unha empresa prexudicada como a CIG. O caso chegou á xustiza e o TSXG estableceu que Monbus e Alsa repartíranse o mercado de xeito ilegal, sentenza que foi ratificada en outubro de 2023 polo Tribunal Supremo. Iso obrigou a Competencia a abrir un expediente sancionador, aínda en tramitación, que se estendeu a 19 empresas dos grupos de Monbus e Alsa.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.