Informes da propia Xunta admiten que "especialmente a puntualidade do servizo ou a capacidade dos vehículos, perden calidade"
O transporte escolar compartido, máis de 2.200 liñas que emprega o alumnado de medio milleiro de centros educativos pero que tamén pode usar calquera persoa pagando o seu billete, é cada vez menos puntual, ten máis incidencias e presenta problemas de capacidade para a rapazada. Así o constata a última memoria anual do Plan de Transporte Público de Galicia, que reflicte como o sistema vén de pasar de ter unha "boa" valoración por parte dos centros educativos a que esta sea só "aceptable".
Tras a reorganización do transporte público por estrada dependente da Xunta parte do transporte escolar seguiu a ser prestado con servizos exclusivos (unhas 1.600 rutas para uns 60.000 alumnos cun custo duns 45 millóns de euros ao ano) e outra parte pasou a ser integrado ou compartido cos servizos regulares (2.238 liñas para 25.000 alumnos cun custo de 17 millóns do total de 90 millóns que poñen as administracións para subvencionar o transporte por estrada).
No último ano "unicamente un 52,7% dos centros valorou positivamente a puntualidade, fronte ao 70,2% de 2023"
O transporte escolar exclusivo vén rexistrando todo tipo de eivas constatadas pola xustiza, como nenos viaxando de pé, sen cintos de seguridade homologados ou reiteradas demoras ou servizos que quedan sen prestar. Incumprimentos que non impediron á Xunta prorrogar hai ano e medio todos eses contratos. Pero tampouco o transporte escolar compartido funciona ben, segundo constatan as avaliacións das concesións que fai a propia Xunta.
As memorias anuais do transporte público inclúen inspeccións supostamente secretas pero das que a propia Xunta revela as súas datas e mesmo liñas nas que porá o foco. Tamén se fan enquisas ás persoas usuarias. E, no caso do transporte escolar compartido, aos centros educativos. Na última memoria anual agora publicada, correspondente ao curso 2023/24, dos 459 centros escolares con ese tipo de transporte, 258 contestaron a enquisa. E o que a Xunta salienta é que "unicamente un 52,7% dos centros valorou positivamente a puntualidade, fronte ao 70,2% de 2023".

Unha revisión das catro memorias anuais publicadas ata agora permite comprobar o progresivo empeoramento do servizo. A primeira memoria, do curso 2020/21, non recollía datos cuantitativos, pero as tres seguintes reflicten ese empeoramento. Así, pasouse do curso 2021/22 no que o 80% dos centros escolares valoraban positivamente a puntualidade ao 70,2% no curso 2022/23 e só a metade no último curso. E tendencia inversa segue o reporte de incidencias, cun 16,7% de centros sinalándoas no primeiro curso pero xa un 34,4% no último curso analizado.
O aspecto mellor valorado polos centros educativos con transporte escolar compartido é "por riba de todos a atención do persoal acompañante"
Na última memoria que agora vén de facerse pública admítese expresamente que "especialmente a puntualidade do servizo ou a capacidade dos vehículos, perden calidade con respecto ao curso anterior". E así como na penúltima memoria se sinalaba que "o servizo de transporte escolar ten unha boa valoración dos centros educativos", na agora publicada rebáixase a "unha valoración aceptable". O que si reflicten as catro sucesivas memorias anuais é que o aspecto que mellor valoran os centros educativos con transporte escolar compartido é "por riba de todos a atención do persoal acompañante".