Nenos viaxando de pé tres días no bus escolar supóñenlle a Monbus 5.000 euros

O TSXG avala unha penalización de 5.000 euros a Monbus por "viaxar varios alumnos de pé" durante tres días CC-BY-SA Imaxe: Monbus - Montaxe: Praza Pública

O TSXG ratifica novas penalidades á empresa por reiterados incumprimentos no transporte escolar, que non impediron que a Xunta lle prorrogase os contratos

Os días 12, 13 e 19 de setembro de 2022 "varios alumnos" viaxaron "de pé" no transporte escolar ao CEIP Lamas de Abade de Santiago. Por eses feitos o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de avalar unha penalización de 5.000,01 euros a Monbus, a empresa responsable do contrato. É unha máis das numerosas sentenzas que veñen ratificando todo tipo de incumprimentos no transporte escolar, o que non impediu que a finais de 2023 a Consellería de Educación prorrogase os contratos en lugar de convocar un novo concurso público que os mellorase.

Varias das penalizacións a Monbus por incumprimentos no transporte escolar agora ratificadas polo TSXG CC-BY-SA Praza Pública

Monbus vén recibindo numerosas penalizacións por parte da Xunta por incumprimentos dos contratos de transporte escolar por empregar vehículos distintos dos comprometidos, máis antigos ou contaminantes do previsto. Tamén hai incumprimentos por non realizar ou demorar servizos ou por non empregar cintos de seguridade homologados, como se comprometera ao asinar os contratos. Agora, na nova sentenza, de finais do pasado ano pero feita pública nos últimos días, revélase que tamén foi penalizada por permitir viaxes de pé. 

Ademais de dúas penalidades moi graves e tres graves o TSXG ratifica outras 11 leves por demoras nos servizos, entre elas dúas dunha hora e 50 minutos

A nova sentenza do TSXG desestima un recurso de Monbus contra varias penalizacións da Xunta por importe total de 21.000 euros por incumprimentos no transporte escolar dos IES e CEIP Lamas de Abade e do CEIP Arquitecto Casas Novoa, en Santiago. O tribunal considera probados os feitos penalizados pola Xunta e avala a gradación e o importe das penalidades impostas, dúas moi graves, tres graves e 11 leves. 

As dúas moi graves, de 5.000,01 euros cada unha, foron "por viaxar varios alumnos de pé na expedición de entrada no servizo de transporte escolar" do Lamas de Abade "os días 12, 13 e 19 de setembro de 2022" e "por empregar vehículos sen dispoñer de cintos de seguridade homologados que ofertou o adxudicatario do servizo" no mesmo centro o día 12. 

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

As penalidades graves, con 2.000,01 euros cada unha, as tres no Lamas de Abade, foron por non realizar un transporte de entrada ao centro o 8 de setembro de 2022, non facer tampouco outro transporte de saída do centro o 15 de setembro e non realizar unha parada o 27 de setembro. 

As penalidades leves, de 500 euros cada unha, foron por sucesivas demoras varios días daquel mesmo mes de setembro en diversas liñas de transporte escolar dos tres centros educativos, dúas delas con atrasos dunha hora e 50 minutos na saída do centro os días 8 e 9.

No proceso xudicial Monbus puxo en dúbida as probas da Xunta e mesmo argumentou que as penalizacións chegaban demasiado tarde como para seren correctivas e non sancionadoras da súa actuación. O TSXG desestimou todos os seus argumentos e avalou as penalizacións, baseadas en parte en certificacións emitidas polas direccións dos centros educativos.

Imaxe de arquivo de mobilizacións na área de Santiago por incumprimentos no transporte escolar CC-BY-SA ANPA IES Cacheiras

Nun proceso xudicial a Xunta chegou a atribuír os incumprimentos de Monbus "a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato", pero aínda así prorrogounos todos

Malia estes e outros moitos incumprimentos en diversos contratos por toda Galicia, e malia que tamén se produciran protestas da comunidade escolar por diversas eivas e outros expedientes sancionadores, Educación decidiu a finais de 2023 prorrogar todos os contratos de transporte escolar por outros dous anos en lugar de convocar un novo concurso público. Fíxoo argumentando que o servizo estaba a funcionar "dun xeito adecuado pese a incidencias puntuais" e malia que nun dos casos chegara a atribuír os incumprimentos de Monbus "a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.