Educación abriu 62 expedientes, a maioría por incumprimentos das frotas de vehículos, cuestións polas que a xustiza está a ratificar agora penalidades impostas en cursos anteriores, pero o Goberno galego di que son "incidencias puntuais"
Só neste curso 2023-24 as empresas adxudicatarias do transporte escolar rexistraron incumprimentos en 19 dos 57 contratos en que se dividiu o servizo que lles supuxeron a apertura de 62 expedientes de penalización, segundo vén de cuantificar oficialmente a Xunta ante o Parlamento. Expedientes semellantes impostos en cursos anteriores veñen sendo ratificados nos últimos meses polos tribunais de xustiza, como vén contando Praza.gal. Malia estes incumprimentos, hai seis meses Educación decidiu prorrogar outros dous anos máis os 57 contratos que asinara dous anos antes en lugar de convocar un novo concurso que permita mellorar o servizo.
A finais de 2021 a Xunta reorganizou o transporte escolar en toda Galicia prestando parte do servizo (o 53%) de xeito compartido coas liñas de bus regulares baixo a competencia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e deixando outra parte do servizo (o 47%) baixo a competencia de Educación, que deseñou 57 contratos de uso escolar exclusivo. Eses contratos foron adxudicados meses despois do previsto tras anularse un primeiro concurso público polos "erros" e "confusión considerable" das súas condicións, segundo admitiu a propia Xunta, que tamén recibiu queixas das familias por todo tipo de incidencias durante a posta en marcha do novo sistema.
No novo Goberno galego as competencias sobre o transporte están todas integradas na Consellería de Presidencia, con Diego Calvo á fronte, nunha Dirección Xeral de Mobilidade que tamén é agora a responsable do transporte escolar. A súa nova titular, Judit Fontela, compareceu este venres por primeira vez no Parlamento para responder a preguntas do PSdeG sobre diversas eivas no transporte escolar e alí puxo cifras aos incumprimentos das adxudicatarias.
A nova directora de Mobilidade, que agora integra tamén as competencias sobre o bus escolar, asegura que a Xunta aplica "toda a rigorosidade nas sancións cando os problemas si son atribuíbles ás empresas"
Fontela esforzouse en minimizar os problemas contextualizando a envergadura do transporte escolar en Galicia, con 3.800 rutas e 36.500 paradas entre os servizos escolares exclusivos e os integrados no transporte regular. Segundo dixo, as incidencias son puntuais e comprensibles, por múltiples factores que "non sempre se deben a incumprimentos dos operadores, pero nalgúns casos si". Neses casos, asegurou, a Xunta está a ter "toda a rigorosidade nas sancións cando os problemas si son atribuíbles ás empresas".
Segundo Fontela, só neste curso 2023-24 a Xunta detectou incumprimentos en 19 dos 57 lotes de transporte escolar exclusivo polos que abriu xa 62 expedientes de penalización e ten outros 6 pendentes de apertura. Mentres, no transporte regular houbo xa 26 penalidades, das que 19 están relacionadas co transporte escolar integrado, con outras 4 penalidades máis pendentes de apertura.
No caso do transporte escolar exclusivo, Fontela detallou que dos 62 expedientes de penalidade deste curso, "34 teñen que ver coas obrigas de frota de vehículos". Isto é, incumprimentos das empresas por empregar buses máis antigos, máis contaminantes ou distintos dos comprometidos por elas mesmas.
O TSXG vén de ratificar sancións a Monbus por incumprimentos en cando menos seis contratos no primeiro curso do actual sistema, o 2021-22
Por ese tipo de incumprimentos xa se impuxeron sancións en cursos anteriores (75 no curso 22-23 só no transporte escolar exclusivo, a maioría por demoras nos servizos, segundo o conselleiro). Algunhas das primeiras sancións, do curso 21-22, non cuantificadas pola Xunta, foron recorridas polas empresas ante a xustiza, nomeadamente polo grupo Monbus, que controla cando menos unha vintena dos 57 contratos, asinados polo propio Raúl López. Ata o momento fixéronse públicas seis sentenzas ao respecto e as seis ratificaron os incumprimentos noutros tantos contratos. Nun dos casos o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) chegou a dicir que a infracción "obedece a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato".
Malia estes incumprimentos, mantidos ao longo dos sucesivos cursos escolares desde a implantación do novo sistema no 2021-22, a finais do pasado novembro Educación decidiu prorrogar ata finais de 2025 o total dos 57 contratos, incluídos os xa penalizados. Educación argumentou que o servizo estaba a funcionar "dun xeito adecuado pese a incidencias puntuais". Este venres a nova directora xeral de Mobilidade replicou as críticas do PSdeG criticando que "teñen construído un relato no que as incidencias e as queixas que son sempre puntuais se converten nunha causa xeral".
O PSdeG reprochou á Xunta que tarde en responder as queixas das familias máis do que dura o curso escolar, como certificou a Valedora do Pobo
No debate no Parlamento o portavoz de educación do PSdeG, Julio Abalde, afeou tamén á Xunta que tarde meses en atender as queixas formais das familias polo transporte escolar, en ocasións máis do que dura o curso, como certificou a Valedora do Pobo. Malia que Abalde se baseou nos casos analizados pola Valedora, a directora xeral dixo respectar as peticións de mellora desta pero acusou ao socialista de "pouca falta de rigor".