As queixas sobre os autobuses dos colexios, que a Consellería de Educación non desminte, súmanse aos problemas que está a rexistrar o transporte público en xeral
"Atrasos sistemáticos, de até 15 ou 20 minutos", "abandonados na parada porque non caben no autobús", "viaxes de pé porque non hai asentos". Poderían ser queixas de usuarios do transporte público regular, que nas últimas semanas está a rexistrar situacións de colapso tanto nos autobuses interurbanos como nos trens. Pero neste caso son situacións que están a vivir nenos e nenas no transporte escolar, segundo denuncian as familias da Confederación Anpas Galegas. Situacións que non desminte a Consellería de Educación, que asegura que "Galicia ten un dos maiores e mellores servizos de transporte escolar de España".
As queixas son reiteradas e xa se produciron no inicio do curso pasado, tras a reorganización xeral do transporte escolar en Galicia, varios de cuxos contratos veñen de ser anulados pola xustiza porque a Xunta permitiu indebidamente que estivesen dominados polo grupo Monbus. Ademais, a Valedora do Pobo tamén vén de censurar que o Goberno galego tarda máis do que dura o curso en responder as peticións e queixas das familias polo transporte escolar.
O comunicado divulgado este luns por Anpas Galegas fala de "atrasos sistemáticos, de até 15 ou 20 minutos", "nenas e nenos que quedan abandonados na parada porque non caben no autobús e teñen que agardar a que volvan por eles", "autobuses que, segundo os días, non levan persoal acompañante", "condutores que non coñecen as rutas", "alumnado que viaxa de pé porque non hai asentos suficientes" ou "nenos e nenas que chegan unha hora antes ao centro e loxicamente teñen as portas pechadas".
As familias tamén lamentan que o ensino non obrigatorio careza de transporte "en boa parte do territorio" e que no resto "os horarios das liñas non coinciden cos dos centros, así que é como se non existiran".
O comunicado divulgado este luns mesmo detalla unha decena de casos, que Anpas Galegas cualifica como "só a punta do iceberg". Estes son algúns:
- "No CPI de Atios hai alumnado que agarda unha hora ata que abren as portas"
- "No CPI O Feal e no CRA de Narón con máis usuarias das que pode acoller o autobús e atrasos a diario"
- "No IES Eduardo Pondal de Santiago nalgunha das liñas o persoal da empresa de transporte descoñecía a ruta e tiveron que facer transbordo e noutra ocasión o alumnado tivo que viaxar de pé porque enviaron un autobús en lugar de dous, ou quedar en terra agardando que chegara outro"
- "No CEIP Igrexa de Calo en Teo os atrasos son acotío por mor de que a empresa utiliza os mesmos autobuses para facer as rutas do IES de Cacheiras"
- "No CPI de Bembibre no Val do Dubra, o autobús dunha das liñas non ten espazo suficiente e pasa un máis tarde a recoller aos que quedan do primeiro. Os últimos chegan tarde"
- "No CPI de Vedra non caben os nenos nun dos minibuses e os atrasos son frecuentes"
"O caos ten claros responsábeis: as empresas adxudicatarias en primeiro lugar, e a Consellería de Educación, que todo o consinte", di a Confederación Anpas Galegas
Para Anpas Galegas "o caos ten claros responsábeis: as empresas adxudicatarias en primeiro lugar, e a Consellería de Educación, que todo o consinte, inmediatamente detrás". Desa consellería as familias din que "consinte un sistema caótico que só se move por intereses económicos das empresas concesionarias" e que "non só é que abandone o interese pedagóxico e de coidado que deben ter os servizos complementarios, senón que nin cumpre os mínimos de eficacia e seguridade".
A esta situación chegase despois da reorganización xeral do transporte interurbano en autobús acometida pola Xunta nos últimos aos. O Goberno galego fixo que parte das liñas de transporte escolar de Galicia pasasen a depender das concesionarias dos servizos regulares, competencia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, mentres que outra parte segue dependendo da Consellería de Educación. A reorganización dos servizos regulares culminou a finais de 2020, mentres que as liñas dependentes de Educación foron finalmente adxudicadas a comezos do pasado ano, 2022, tras máis dun ano de proceso con erros e protestas de familias e persoal.
No inicio do pasado curso escolar o propio PP cuantificaba en unha de cada dez as liñas de bus escolar que recibiran queixas
Uns meses despois, no comezo do primeiro curso con todo o sistema de transporte reorganizado, o curso 2022-23, o propio PP cuantificaba en unha de cada dez as liñas de bus escolar que recibiran queixas, referíndose en exclusiva ás 1.600 rutas xestionadas directamente por Educación e deixando á marxe as outras 2.200 dependentes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
Algo máis tarde, a comezos deste ano, era a xustiza quen anulaba varios contratos de transporte escolar porque Educación permitira, en contra do previsto nos pregos de condicións, que o grupo Monbus "dominase" máis contratos dos que podía, superando os límites adxudicacións permitidas a unha mesma compañía.
Ante as novas queixas das asociacións de nais e pais Praza.gal pediu unha valoración á Consellería de Educación. Entre outras cuestións, preguntouse a que son atribuíbles as novas incidencias no que xa é o segundo curso co transporte escolar reorganizado, se a anulación de contratos por parte da xustiza ten algo que ver co que está a ocorrer e se a Xunta está a reducir os prazos para contestar as queixas e peticións das familias despois de que a Valedora do Pobo revelase que en anos anteriores as respostas chegaron cando o curso escolar xa rematara.
Educación non desminte as queixas das familias e da Valedora do Pobo e, ademais de desviar parte das competencias á Consellería de Infraestruturas, xustifica como "normal que cada inicio de curso se produzan desaxustes puntuais"
A resposta de Educación céntrase en gabar a súa propia xestión do "servizo de transporte escolar máis amplo de toda España, movendo cada día 80.000 alumnos" e no que inviste 120 millóns de euros ao ano. Sobre as "cuestións" concretas denunciadas polas familias a consellería limítase a dicir que a falta de acompañantes denunciada é responsabilidade das concesionarias xa que "para a súa contratación, todas as empresas deben cumprir unha serie de requisitos, entre eles o servizo de acompañante, e dispoñer da tarxeta de transporte escolar e o seguro correspondente".
Máis alá desa referencia xenérica á lexislación aplicable nesa "cuestión" concreta, Educación asegura que "é normal que cada inicio de curso se produzan desaxustes puntuais" e que "os técnicos están pendentes para atender calquera incidencia, co fin de resolvela o antes posible". Educación nega que as anulacións xudicias de contratos teñan que ver cos problemas no servizo xa que estas, asegura, non teñen relación coa calidade senón co "conglomerado empresarial ao que foi adxudicado o contrato", e lembra que en todo caso a Xunta recorreu esas condenas a instancias superiores.
Educación, que nada di das queixas da Valedora do Pobo, tamén remitiu a consulta de Praza.gal á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, "dado que algunhas das rutas son da súa competencia", pero no momento de publicación desta información un día despois aínda non houbo resposta. Neste caso, no que as competencias sobre o transporte escolar, sexan de Educación ou de Mobilidade, corresponden por completo á Xunta, o Goberno galego non fai responsable ao Estado, ao que a semana pasada atribuíu os problemas que se están a rexistrar no transporte regular.