A demanda vén superando a oferta desde hai tempo sen que as administracións implicadas tomen máis que medidas conxunturais
Os problemas de falta de oferta no transporte público interurbano xa se viñan rexistrando en anos anteriores, pero tras as vacacións deste verán veñen de xeneralizarse e estenderse, no xeográfico e no modal, no bus e no tren. Porén, as respostas das administracións implicadas seguen a ser medidas puntuais.
Este venres, nunha nova xornada de colapso nas estacións de tren, fundamentalmente no Eixo Atlántico, Renfe volveu anunciar máis prazas na liña Galicia-Madrid. E durante toda a semana as tres únicas mudanzas anunciadas pola Xunta nos autobuses da súa competencia, máis alá de pedirlle ás empresas que poñan máis vehículos, foron implantar un servizo diario máis na liña Santiago-Noia-Muros e mudar os horarios de servizos puntuais das liñas A Guarda-Tui-Vigo e A Gudiña-O Barco.
No ferroviario, a falta de planificación desde hai anos de Renfe, sen trens nin maquinistas suficientes para atender a demanda crecente de servizos que se vén rexistrando en Galicia, impulsada pola mellora da infraestrutura e as rebaixas e gratuidades implantadas no último ano, está a reflectirse na imposibilidade de atopar billete para a liña do Eixo Atlántico, empregada a diario por motivos laborais ou de estudos.
Ante esta situación e as críticas recibidas desde diversos eidos, desde os usuarios a partidos e sindicatos, as únicas melloras anunciadas desde agosto por Renfe son incrementos puntuais das prazas dispoñibles na liña Galicia-Madrid. Así o fixo na fin de semana do 15 de setembro, cando anunciou un "reforzo" de mil prazas máis. Unha semana máis tarde, este venres a empresa pública volvía anunciar reforzos novamente puntuais na liña con Madrid tanto para esta fin de semana como para a próxima, con mil prazas máis en trens Alvia "especiais" durante cada fin de semana. Nada indica que a medida vaia permanecer no tempo mentres Renfe non reciba os novos trens Avril longamente demorados por parte de Talgo.
Previamente, os últimos reforzos de servizos no Eixo Atlántico comunicados por Renfe foron puntuais en agosto por eventos festivos como o festival O Marisquiño de Vigo ou a Festa da Auga en Vilagarcía.
A Xunta admite desde hai días "situacións de saturación" e ao tempo que remitiu unha carta ao presidente de Renfe vén de convocar ás empresas de autobuses aínda para a próxima semana
Pola súa banda, no transporte interurbano en autobús a propia Xunta leva días admitindo "situacións de saturación", ante as que a súa principal actuación vén sendo reclamar ás súas empresas concesionarias que dispoñan máis autobuses. Unhas peticións que foron acompañadas da información de que será nestas próximas semanas cando se faga a avaliación anual da calidade do sistema de transporte, incluídas inspeccións secretas que unha vez reveladas xa non serán tan secretas.
Pero no que respecta a mudanzas concretas do sistema, na última semana a Xunta só comunicou publicamente tres puntuais, que aínda non teñen reflexo na web pública bus.gal que informa aos usuarios dos servizos dispoñibles. A única ampliación de servizos comunicada na última semana afecta á liña Santiago-Noia-Muros, na que se creará un servizo adicional diario con saída da intermodal de Santiago ás 22.15 horas que pasará polo Hospital Clínico compostelán. No sentido contrario, o servizo que sae de Muros ás 6.05 e que ata agora só funcionaba de luns a venres en inverno pasará a estar operativo todos os días do ano.
As outras dúas únicas mudanzas anunciadas publicamente pola Consellería de Infraestruturas son o adianto dun servizo a primeira hora da mañá na liña A Guarda-Tui-Vigo e o axuste doutro na liña A Gudiña-O Barco para que a súa saída coincida coa chegada á primeira poboación dun tren procedente de Madrid e así poder facilitar os transbordos.
E un último cambio comunicado este mesmo sábado, que non implica mudanzas de horarios nin a implantación de novos servizos, é a habilitación dun vehículo de reforzo na primeira expedición diaria en xornadas laborables no servizo Bueu-Cangas-Moaña-Vigo.
Máis alá destas mudanzas puntuais, a Xunta vén de convocar aínda para a próxima semana ás catro federacións de empresas de transporte por estrada para analizar a situación. A conselleira, Ethel Vázquez, tamén remitiu unha carta ao presidente de Renfe transmitíndolle as "continuas queixas" dos usuarios do ferrocarril.