3.000 das 50.000 viaxes á semana que fan os autobuses concesionados da Xunta rexistran incumprimentos

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nun autobús do sistema concesional galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

O BNG di que Monbus non adaptou vehículos ás condicións do concurso no prazo que este establecía pero que o director de Mobilidade agora investigado “segue dando prórrogas sabendo que é motivo de resolución do contrato”

O dato deuno este mércores no Parlamento a propia conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentándoo como positivo e reiterándoo media ducia de veces en apenas dez minutos: “O 94% das 50.000 expedicións á semana que facemos se cumpren”. Isto é, cada semana 3.000 viaxes de buses, o restante 6%, non estarían a cumprir as condicións dos contratos que as empresas que prestan eses servizos asinaron coa Xunta cando en 2019 e 2020 sacou a concurso todas as liñas de transporte público interurbano de Galicia. Porén, as viaxes que efectivamente inspecciona e acaba sancionando o Goberno galego son moitísimas menos.

A cifra de incumprimentos chega tres semanas despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixese pública unha sentenza que estableceu que a principal empresa do sector en Galicia, Monbus, se repartiu con Alsa o concurso da Xunta ante a pasividade da Comisión Galega da Competencia. E unha semana despois de que Praza.gal revelase que un xulgado de Santiago abriu dilixencias previas por prevaricación contra o director de Mobilidade da Xunta, Ignacio Maestro, por como está a xestionar eses contratos tras unha denuncia dunha asociación do sector que o acusa de perdoar a Monbús todo tipo de incumprimentos.

BNG e PSdeG, ao igual que persoas usuarias por toda Galicia, levan tempo denunciando todo tipo de incumprimentos das empresas concesionarias, nomeadamente de Monbus, e este mércores os nacionalistas interpelaron no Parlamento á conselleira de Mobilidade sobre a xestión dos buses e os socialistas preguntaron polo que vai facer a Xunta ante a inacción do seu departamento de Competencia. 

Pasaxeiras na estación de autobuses de Lugo nunha imaxe de arquivo © Monbus

O portavoz na materia do BNG, Paulo Ríos, dixo poñer o foco en Monbus “por ter o 80% do mercado” e puxo como exemplo de incumprimentos, á marxe de servizos que non se prestan ou demoras nas viaxes, que a empresa non adaptou vehículos ás condicións establecidas nos contratos coa Xunta no prazo que estes establecían. 

“A día de hoxe Monbus segue tendo vehículos que non cumpren”, dixo Ríos, fronte ao que “o director xeral segue dando prórrogas sabendo que estes incumprimentos son motivo de resolución do contrato”. “Son vostedes os únicos cunha cegueira voluntaria selectiva para que estas empresas fagan o que queiran cos nosos servizos públicos”, criticou o nacionalista, que acusou o PP de mentir “para blindar os privilexios dos seus amigos”. "Saiulles mal esta xogada porque en quen confiaron non cumpre, porque ve os seus beneficios propios", sentenciou.

A resposta da conselleira comezou por acusar o BNG de facer un “discurso de pancarta, de canción protesta”. E deu algúns datos sobre o funcionamento do sistema de transporte público en Galicia que ela xestiona presentándoos como positivos pero evidenciando que o Goberno galego non é quen de chegar a todos os incumprimentos das súas concesionarias. 

Ademais de dar a antedita cifra do 94% de cumprimento nas expedicións semanais, e polo tanto do incumprimento en 3.000 viaxes cada semana, Vázquez tamén deu cifras sobre o número de inspeccións que fai a Xunta. Se segundo o propio Goberno galego cada semana hai 50.000 expedicións e cada ano arredor de 2,5 millóns, este mércores a conselleira dixo que “a través das inspeccións de transporte regular de viaxeiros desde o ano 2020 se contabilizaron 1.676 controis” e que “alí onde houbo defectos se sanciona”. 

As inspeccións chegan a unha moi pequena parte dos milleiros de servizos que se prestan cada día, polo que a Xunta só estaría a detectar unha parte ínfima dos incumprimentos das empresas

Ademais desas inspeccións a conselleira tamén detallou que as hai da Garda Civil, que segundo o planificado para este ano serán 2.134. Segundo detallara o pasado novembro tamén no Parlamento o director de Mobilidade, no que ía de 2022 ata aquel momento “a Inspección de Transporte e a Garda Civil” controlaran 1.173 expedicións “detectándose 390 infraccións”. E previamente en xuño a propia Xunta fixera pública a primeira memoria anual do novo sistema de transporte que a través de 2.129 inspeccións secretas establecera que a falta de información e puntualidade dos servizos son as principais eivas que se están a rexistrar. E iso sen ter en conta as eivas do transporte escolar.

Isto é, segundo as cifras parciais e interesadas que vai deixando caer a Xunta, as inspeccións chegan a unha moi pequena parte dos servizos de transporte interurbano que se prestan cada día en toda Galicia, polo que só estarían a detectar unha parte ínfima dos milleiros de incumprimentos das empresas que afectan ás persoas usuarias pero dos que o Goberno galego non sabe nada.

Malia estes datos, este mércores a conselleira considerou avalada a súa xestión do sector polo aumento de usuarios que está a rexistrar. Nada dixo de como poden estar a influír nese aumento os descontos impulsados desde o Goberno de España aos que se sumou a Xunta.

Paulo Ríos, voceiro do BNG en materia de transporte, no Parlamento este mércores CC-BY-SA BNG

O nacionalista Paulo Ríos acusou á conselleira Ethel Vázquez de "blindar os privilexios dos seus amigos” e esta retrucou poñendo en dúbida o servizo de Monbus no transporte urbano de Lugo, área municipal dependente do BNG

Pola contra, ao tempo que obviou as acusacións do BNG de estar a favorecer a Monbus, a propia conselleira puxo en dúbida a actuación desa empresa nunha concesión doutra administración, a do transporte urbano na cidade de Lugo, área á cuxa fronte está o BNG. Monbus ten tamén a concesión dese servizo municipal e Ethel Vázquez puxo en dúbida o xeito en que se fixo co contrato e o servizo que presta, ao asegurar que está a reducirse o número de usuarios. 

A conselleira mesmo chegou a citar o caso de Aragón, onde Monbus, como en Galicia, se fixo con contratos a través de unións temporais con outras empresas. “En Aragón non sabe o que pasa, como se presentan as empresas, se van en UTE ou non con Monbus”, reprochou a conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia ao deputado do BNG que lle preguntaba polo sector galego no Parlamento de Galicia.

O socialista Pablo Arangüena di que o PPdeG e a Xunta son un "instrumento político das elites extractivas" para que estas "acaparen os concursos públicos"

Pola súa banda, o deputado do PSdeG Pablo Arangüena reprochou tamén na sesión deste mércores, a través dunha pregunta oral, que a sentenza do TSXG contra a Comisión Galega da Competencia pola súa inacción ante o reparto de contratos entre Monbus e Alsa evidencia que a Xunta "favorece a corrupción na contratación pública". O socialista critica que o Goberno galego faga unha "política do avestruz" con esa sentenza asegurando que a comisión é un órgano independente cando foi el mesmo quen nomeou os tres membros do seu pleno, dous deles ex-deputados do PPdeG.

O deputado socialista Pablo Arangüena na súa intervención crítica coa actuación de Competencia da Xunta CC-BY-SA PSdeG

Arangüena acusou a Xunta e PPdeG de converterse en "instrumento político das elites extractivas" permitindo "que acaparen os concursos públicos sen vixiar nin sancionar e situando os seus ex-deputados nun órgano de control que non controla nada". A resposta da Xunta, por boca do seu vicepresidente primeiro, Francisco Conde, consistiu en teimar que a Comisión da Competencia, presidida polo popular Ignacio López Chaves, é independente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.