Caravana reivindicativa na AP-9 para reclamar un servizo de transporte público "digno" na comarca de Ferrol

Caravana reivindicativa organizada pola plataforma Transporte Digno para Ferrol e Comarca na AP-9 este sábado CC-BY-SA Ferrol en Común

A plataforma Transporte Digno para Ferrol e Comarca convocou na mañá deste sábado unha caravana reivindicativa de coches para espallar as demandas dunha rede de transporte público “digno” para a veciñanza con “máis frecuencias, mellores horarios e máis prazas”. Desde o estadio municipal de A Malata, os vehículos particulares chegaron ata Cambre, xa preto da Coruña, tratando de colapsar a autoestrada AP-9 en sinal de protesta

Na marcha participaron representantes do BNG e Ferrol en Común. “Non nos imos conformar con máis parches”, asegurou en Praza a portavoz da plataforma Teresa Vázquez. Como un novo parche recibiron tamén desde o colectivo o anuncio da Xunta sobre os axustes nos horarios nos autobuses que unen Ferrol con A Coruña e Mugardos con Ferrol. Unha modificación que chega despois das protestas da cidadanía ferrolá e pretende que os horarios se adecúen á entrada nos centros educativos. 

Acción reivindicativa para reclamar unha mellor cobertura de transporte público © F. Soutullo

A plataforma Transporte Digno para Ferrol e Comarca reclama “máis frecuencias, mellores horarios e máis prazas” nos autobuses metropolitanos

"As frecuencias son escasas, os horarios xa non son axeitados para moita xente e o servizo remata demasiado cedo. Ten que haber servizos apropiados para os traballadores, os universitarios e a xente que acode a centros hospitalarios, pero hai problemas en todos os casos”, afirma a portavoz da plataforma, quen sinala que os problemas do servizo de transporte empeoraron co cambio na empresa concesionaria

Desde a plataforma Transporte Digno para Ferrol e Comarca lembraron que son multitude os usuarios destas liñas metropolitanas de autobus os que están a ver como os horarios non se cumpren, cando xa non son axeitados para moitos, e os autocares van cheos polo que teñen que quedar en terra. Unha situación que se volveu insostible no comezo do curso escolar e a volta ao traballo de comezos de setembro. 

Pola súa banda, o Goberno galego sinala que está a traballar nun sistema que permita ofrecer “unha información completa e en tempo real ás persoas usuarias”. Desde a Consellería de Infraestructuras e Mobilidade xa fixeron que a empresa concesionaria “axustase” os horarios, pero con esta protesta as persoas usuarias quixeron manifestar que non resulta suficiente. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.