O PPdeG cifra nunhas 400 as liñas de bus escolar que recibiron queixas no inicio do curso

Unha nena agarda para subir no transporte escolar CC-BY-SA Xunta

Os populares aseguran que a Xunta resolveu os problemas “entre setembro e principios de outubro”, cando recibiron queixas polo "caos" desde múltiples comarcas galegas

O portavoz de Educación do PP no Parlamento de Galicia, Ovidio Rodeiro, cifrou este martes en “pouco máis do 10 por cento as rutas de transporte escolar que recibiron queixas ao comezo do curso, problemas que xa se foron solventando ao longo do mes de setembro e comezos de outubro”. Esa porcentaxe supón que foron arredor de 400 as liñas de bus escolar con problemas que se prolongaron máis alá dos primeiros días entre queixas das familias en múltiples comarcas.

Os conselleiros de Mobilidade e Educación, Ethel Vázquez e Román Rodríguez, suxeitan un cartel do "bus compartido" CC-BY-SA Xunta

Segundo indica o propio PPdeG nun comunicado sobre a intervención de Rodeiro no Parlamento, en Galicia “en total, existen máis de 3.800 rutas”, polo que as “máis do 10% de rutas” con queixas das que falou o deputado supoñen que arredor de 400 tivesen problemas

Por outra banda, o curso escolar comezou este ano o 8 de setembro e durante as primeiras semanas foron reiteradas as queixas das familias, como contou Praza.gal. Porén, algunhas delas, segundo a intervención do deputado, non se resolveron ata “comezos de outubro”, un mes máis tarde. 

O deputado popular tamén se gabou de que a Xunta está a renovar contratos de transporte escolar que “eran do século pasado”, obviando que foron sucesivos gobernos galegos liderados pola súa formación quen os foron prorrogando durante décadas con todo tipo de procedementos ilegais, segundo constatou o Consello de Contas. Non foi ata que o Tribunal Supremo obrigou á Xunta en 2016 a sacar novamente a concurso a maior parte das liñas de bus de Galicia que o Goberno galego decidiu iniciar o proceso para a renovación deses contratos. 

Grupo parlamentario do PPdeG, con Ovidio Rodeiro á esquerda na primeira fila © PPdeG

A Xunta admitiu hai dez días que detecta unha infracción cada tres viaxes de autobús que revisa

A admisión por parte do PPdeG das eivas rexistradas no transporte escolar súmase a outro comunicado feito público hai dez días pola propia Xunta no que tamén recoñecía que as súas inspeccións están a detectar unha infracción cada tres viaxes de autobús que revisan. O Goberno galego tamén está a abrir un expediente ás empresas cada dous días. E estudos de calidade elaborados pola Xunta con inspeccións secretas certifican igualmente que a falta de puntualidade e información son as principais eivas dos buses regulares que dependen do Goberno galego. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.