Monbus volve levar a concesión do Barbanza que a Xunta anunciou hai dous anos que melloraría

Autobuses de Monbus, sobre un mapa da concesión XG-847 de transporte público da Xunta, que cobre a comarca do Barbanza CC-BY-NC-SA Praza.ga

Tras resolver o contrato "de mutuo acordo", o grupo lucense seguiu prestando o servizo e agora gaña, como única oferta presentada, o novo concurso convocado polo Goberno galego cunha previsión de máis cartos públicos

En xullo de 2024, logo de varios anos de queixas da cidadanía e a petición do Parlamento, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, con competencias sobre mobilidade, anunciou aos alcaldes do Barbanza que resolvería "de mutuo acordo" a concesión con Monbus do transporte público desa comarca e con Santiago. Porén, nestes dous anos a empresa seguiu prestando ese servizo mentres a Xunta foi demorando a convocatoria dun novo concurso, e agora é o mesmo grupo de empresas o que se fai coa nova concesión, mellorada polo Goberno galego pola vía de achegar máis cartos públicos como compensación polos servizos públicos que son deficitarios.

Na gran reorganización do transporte público por estrada que a Xunta acometeu en 2020 obrigada polo Tribunal Supremo o grupo Monbus logrou participar en 49 das 127 concesións, cun negocio de 36 millóns de euros ao ano, segundo detallou o Consello de Contas. Entre elas, fíxose coa concesión do Barbanza, controlándoa ao 89%, segundo o ente fiscalizador, cun contrato que debía durar dez anos, ata 2030.

O conselleiro Diego Calvo e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reunidos o 4 de xullo de 2024 cos alcaldes da Pobra, Boiro e Rianxo para anunciarlles que ía resolver o contrato con Monbus CC-BY-SA Xunta

Porén, pronto comezou a haber queixas da cidadanía que levaron ao Parlamento, PP incluído, a reclamar unha mellora do servizo. Iso levou á Xunta a pedir á concesionaria en decembro de 2023 "que presentara unha proposta para prestar o servizo de acordo coas necesidades detectadas". Pero a concesionaria non o fixo, polo que recibiu unha penalización da Xunta de 5.000 euros que vén de ser avalada pola xustiza por "non dar resposta ao requirido, que non consistía en introducir melloras ao servizo que explotaba, senón en cumprilo de forma adecuada", salienta unha sentenza do Tribunal Superior de Galicia. 

A Compensación por Obrigacións de Servizo Público (COSP) do anterior contrato foi estimada en 847.000 euros ao ano e no novo, con mellores prestacións, foi calculada en 2,6 millóns ao ano

Ante esa situación, en xullo de 2024, e logo de que a empresa pedise sucesivamente sen éxito a reestruturación do servizo ou que se lle aumentanse a compensación por obrigas de servizo público, o conselleiro de Presidencia anunciaba aos alcaldes da comarca que ía "resolver de mutuo acordo" coa concesionaria o contrato para convocar un novo concurso con mellores servizos. Porén, esa resolución do contrato non se fixo oficial ata febreiro de 2025, establecendo que a mesma empresa seguiría prestando o servizo ata que se asinase un novo contrato. 

Mentres Monbus seguía operando de feito a concesión, a Xunta tardou un ano en expoñer ao público os servizos do novo contrato para recibir suxerencias, e outro ano máis ata sacalo a concurso o pasado 4 de xuño. Un contrato agora por 4 anos e 4 meses (o que resta para chegar a 2030, pero prorrogable outros dous anos) no que a Xunta recorreu a prever máis cartos públicos para mellorar os servizos, como novos buses directos Ribeira-Santiago.

Como os servizos varían, é difícil establecer unha comparación entre a anterior e a nova concesión. Nas dúas hai incluídos servizos de transporte escolar coa súa propia tarificación por reservas de praza, e servizos regulares pagados parcialmente pola cidadanía. Para compensar o déficit que supoñen estes últimos na gran maioría das concesións de toda Galicia a administración asume o que se denomina Compensación por Obrigacións de Servizo Público (COSP), que no anterior contrato se estimaba en 847.000 euros ao ano e no novo foi calculada en 2,6 millóns ao ano. 

Ao concurso presentouse finalmente só unha oferta, unha UTE novamente controlada polo grupo Monbus

A ese concurso con esas condicións presentouse finalmente só unha oferta, unha UTE novamente controlada polo grupo Monbus. Nesa oferta, con melloras en diversas variables, ofreceu un 16% de "desconto sobre as compensacións por obrigacións de servizo público" e un 11% na tarifa por reserva de praza para os escolares. Un desconto que en todo caso mantería a compensación COSP por riba da do anterior contrato. 

Con estas cifras, e sendo a de Monbus a única oferta, a Dirección Xeral de Mobilidade vén de adxudicarlle a nova concesión do Barbanza ata 2030, incluído.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.