Folga, concurso deserto e sancións: a Xunta atasca en 7 concesións de bus fracasadas

Ámbitos territoriais das concesións rescindidas en Ferrol, Barbanza e Baixo Miño CC-BY-SA Praza Pública

Das oito concesións rescindidas nos últimos dous anos por inviables, o Goberno galego só foi quen de renovar unha mentres as outras sete seguen á espera de novas adxudicacións, con Monbus como única candidata no Barbanza malia incumprimentos previos

En 2020, no marco da gran reordenación do transporte interurbano a que foi obrigada polo Tribunal Supremo, a Xunta estableceu un total de 127 concesións que deberían durar como mínimo dez anos. Desde 2024 xa rescindiu oito deses contratos por consideralos inviables, isto é, admitindo que calculara mal as súas características. Pero ata o momento só foi quen de renovar unha desas concesións, a A Coruña-Lugo, que volveu a mans da mesma empresa que antes con condicións melloradas. 

As outras sete concesións rescindidas levan meses e mesmo anos agardando pola súa renovación, cunha folga convocada no sur de Pontevedra, un novo concurso declarado deserto na Ferrol-Lugo e coa do Barbanza con Monbus como única candidata ao novo contrato tras diversos incumprimentos do anterior mesmo certificados pola xustiza. 

O conselleiro de Presidencia, con competencias en materia de mobilidade, Diego Calvo, nun bus interurbano CC-BY-SA Xunta de Galicia

En todas elas, tras as rescisións, e para que o servizo público non quede sen prestar, as anteriores concesionarias seguen operando as mesmas liñas ata que se concreten os novos contratos. Despois, nada impide que as mesmas empresas poidan gañar os novos concursos, como todo apunta que sucederá con Monbus.

A Coruña-Lugo, única renovada

A primeira das concesións de 2020 rescindidas moito antes dos dez anos que debían durar por constatarse a súa insuficiencia foi en agosto de 2023 a XG635 A Coruña-Lugo-A Mariña con anexos, que estaba en mans de Autos Carballo, do Grupo Arriva. Tras considerar o contrato "inviable" e resolvelo "por mutuo acordo" coa empresa, a Xunta sacouno de novo a concurso con máis subvención pública e novos servizos directos entre A Coruña e Lugo, e volveu ser adxudicado a Arriva en outubro de 2024, un ano despois da rescisión do anterior.

Ferrol-Lugo, novo concurso deserto

Mentres o Goberno galego non é quen de volvelas contratar, as concesións vellas rescindidas seguen sendo prestadas polos seus anteriores adxudicatarios

A segunda concesión rescindida por insuficiente foi a XG843A Coruña-Ferrol-Ortigueira-Viveiro-Vilalba-Lugo con anexos, tamén ata agora en mans de Autos Carballo-Arriva. Rescindida en febreiro do pasado ano, foi o pasado abril, máis dun ano despois, que o Consello da Xunta autorizou sacar a concurso novamente o contrato.

Aquí tamén queren implantarse máis servizos directos entre Ferrol e Lugo. Pero o novo concurso foi declarado deserto a finais de xuño, así que mentres non se convoca outro o servizo segue a ser prestado pola anterior concesionaria.

Ámbito da concesión Ferrol-Lugo e resolución declarando deserto o seu novo concurso CC-BY-SA Praza Pública

Monbus, única candidata no Barbanza tras incumprimentos previos

A terceira concesión rescindida foi a XG847 que articula a comarca do Barbanza e esta con Santiago. En mans dunha unión de empresas controlada por Monbus, ao asumir o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, as competencias de Mobilidade comunicou en xullo de 2024 aos alcaldes da comarca que rescindiría o contrato e convocaría un novo concurso. Porén, a rescisión non se fixo oficial ata febreiro de 2025, sete meses despois do anuncio. E foi aínda este en xuño cando o Consello da Xunta autorizou o novo concurso, tamén neste caso con novos buses directos Ribeira-Santiago.

Nese novo concurso a única oferta recibida foi dunha unión temporal de empresas controlada novamente polo grupo Monbus. O proceso está xa en fase de comprobación da oferta e nada impide que o grupo volva ser adxudicatario malia os incumprimentos do anterior contrato. Nesa liña, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que condena á adxudicataria a pagar unha penalización de 5.000 euros á Xunta por incumprir o contrato. 

Ámbito da concesión do Barbanza e sentenza que vén de ratificar unha penalización a Monbus CC-BY-SA Praza Pública

Monbus é a única candidata no novo concurso para o Barbanza, onde xa operaba ela con incumprimentos como o que agora ratifica a xustiza

A sentenza relata que tras as reiteradas queixas dos usuarios o Parlamento, incluído o PP, requiriu á Xunta que avaliara a correcta execución desta concesión, ante o que o Goberno galego lle pediu en decembro de 2023 "que presentara unha proposta para prestar o servizo de acordo coas necesidades detectadas". Pero a concesionaria non o fixo, polo que recibiu a antedita penalización de 5.000 euros por "non dar resposta ao requirido, que non consistía en introducir melloras ao servizo que explotaba, senón en cumprilo de forma adecuada", salienta a sentenza. 

Cinco concesións do sur de Pontevedra rescindidas en setembro, e agora con folga

No Baixo Miño foron rescindidas cinco concesións a unha unión de empresas baixo a denominación Lugove, e agora unha desas empresas afronta unha folga

O pasado setembro aínda serían rescindidas outras cinco concesións máis, as cinco en mans de unións temporais de empresas (UTE) coa denominación Lugove. Son as denominadas XG667 Mondariz e oeste de Covelo, XG668 Mondariz, XG669 Ponteareas, XG859 Tui e XG883 Comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo, incluído o Val Miñor. Nestes casos non hai aínda concurso público convocado para a súa renovación case un ano despois e, como en todos os casos anteriores, mentres non haxa un novo contrato asinado segue sendo a anterior concesionaria a que presta o servizo. Pero agora farao tendo que facer fronte a unha folga nunha das empresas integrantes da concesión máis importante, a XG883 que presta servizo ao Baixo Miño e o Val Miñor, cunha demanda que adoita superar a súa capacidade durante os meses de verán.

Autobús de Lugove e concesións afectadas no Val Miñor, Baixo Miño, Ponteareas, Tui e Mondariz CC-BY-SA Praza Pública

Hai paros convocados para os venres 7, 14 e 28 deste mes de agosto ante os "incumprimentos laborais, deficiencias organizativas e problemas que afectan directamente ás condicións de traballo e á seguridade do servizo”. A CIG sinala que "moitas destas eivas xa foron obxecto de actuacións e sancións por parte da Inspección de Traballo, sen que iso supuxese unha corrección efectiva das prácticas denunciadas". "Lonxe de solucionar os problemas estruturais do servizo, a empresa parece optar pola intimidación e a represión de quen denuncia os incumprimentos e esixe o respecto da legalidade", critica o sindicato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.