O Goberno galego, que presentara a gran reforma de liñas de 2020 como un "éxito", reformulará os contratos Lugo-Ferrol e Barbanza-Santiago tras facer o mesmo co A Coruña-Lugo, de novo en mans de Arriva tras melloralo con máis cartos públicos
A finais de 2020 a Xunta culminou unha gran reestruturación do transporte público por estrada en autobús obrigada por unha condena do Tribunal Supremo que censurara que esa renovación non se acometera en 2010, cando o Goberno de Feijóo prorrogara o anterior e obsoleto esquema de concesións. Catro anos despois desa reorganización, que a Xunta presentou como un "caso de éxito", tres das súas principais concesións, que debían durar dez anos, xa se demostraron insuficientes e os seus contratos veñen de ser rescindidos de mutuo acordo entre a Xunta e as empresas adxudicatarias: Arriva no caso das concesións A Coruña-Lugo-A Mariña e Lugo-Ferrol-Ortigueira, e Monbus na que articula O Barbanza e comunica esa comarca con Santiago.
A primeira desas concesións volveuna gañar Arriva nun concurso público no que a Xunta mellorou os servizos achegando máis cartos públicos. O mesmo que fará coas outras dúas concesións, que nada impide que volvan ser adxudicadas ás mesmas empresas se presentan as mellores ofertas.
A Coruña-Lugo en 70 minutos
No caso da primeira concesión rescindida, a denominada XG635 A Coruña-Lugo-A Mariña con anexos, fora adxudicada a Autos Carballo, do grupo Arriva, pero hai un ano a Xunta admitiu que estaba a resultar "inviable" porque ela mesma calculara mal as previsións económicas do servizo. Así que rescindiu o contrato de mutuo acordo coa empresa en convocou un novo concurso con máis cartos públicos que volveu gañar Arriva, por diante doutras ofertas de Monbus e Alsa. Nese concurso a Xunta aproveitou para mellorar os servizos e creou buses directos A Coruña-Lugo cada dúas horas durante todo o día e cun tempo de viaxe de 70 minutos.
Lugo-Ferrol en 90 minutos
Na liña Lugo-Ferrol súmanse agora dous servizos diarios directos por sentido cunha única parada nas Pontes e 90 minutos de duración
Algo similar quere facer agora a Xunta coa concesión XG843 A Coruña-Ferrol-Ortigueira-Viveiro-Vilalba-Lugo con anexos, tamén ata agora en mans de Autos Carballo-Arriva. Rescindida igualmente de mutuo acordo, o Goberno galego vén de sacar a información pública o novo contrato co anuncio de que haberá catro novos servizos diarios directos entre Lugo e Ferrol, dous por sentido e día, cunha única parada nas Pontes, que tardarán 90 minutos.
A nova concesión durará 5 anos, ata o momento no que deberan rematar o resto de concesións renovadas en 2019-20, pero pode ser prorrogada. E como no caso da concesión A Coruña-Lugo, a empresa que viña prestando o servizo seguirá a facelo ata que se adxudique o novo contrato, sen que nada impida que este vaia parar novamente a Autos Carballo-Arriva.
Un ano de espera no Barbanza
No Barbanza, con múltiples incidencias, a Xunta anunciou hai un ano que rescindiría o contrato a Monbus, o que non fixo ata febreiro, pero aínda non convocou o novo concurso polo que os servizos seguen a ser prestados pola mesma empresa
A terceira concesión que renovará a Xunta será a XG847, que articula a comarca do Barbanza e esta con Santiago. Foi adxudicada a unha unión temporal de empresas controlada polo grupo Monbus e desde o comezo do seu funcionamento foron constantes a protestas da cidadanía por incumprimentos nos servizos. Hai agora un ano a Xunta comunicou aos alcaldes da comarca a súa intención de rescindir o contrato. Pero este paso non foi feito público de forma oficial ata o 21 de maio, hai un mes. Foi nese momento cando a Xunta publicou o que realmente é unha "resolución por mutuo acordo" do contrato asinada o pasado febreiro pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o propio Raúl López, presidente de Monbus, como representante da concesionaria.
A resolución contempla que a mesma concesionaria seguirá a prestar o servizo mentres non se adxudique o novo contrato. Pero neste caso, a diferenza do paso agora dado coa concesión Lugo-Ferrol, a Xunta aínda non someteu a información pública as novas condicións do contrato para o Barbanza. Despois, novamente, nada impedirá que Monbus poida facerse con el cunhas condicións económicas melloradas.

Ademais desta concesión no Barbanza, Monbus fíxose co control de gran parte do resto de concesións, con presenza en 49 das 127 totais, entre elas a máis importante, a XG817 que conecta as principais cidades da Galicia atlántica e enlaza tamén con Lugo e Fisterra. Nela un sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) revelou que a Xunta permitiu que a concesionaria incumprise condicións durante meses tras a súa adxudicación.