Autos Carballo, do grupo Arriva, seguirá sendo a concesionaria da liña A Coruña-Lugo-A Mariña, que xa viña operando, pero agora farao con notables melloras a respecto do servizo dos últimos cinco anos tras admitir a Xunta que calculara mal a anterior concesión e convocar un novo concurso público con máis cartos públicos. No novo proceso Autos Carballo impúxose a outras dúas ofertas de unións temporais de empresas das que formaban parte firmas dos grupos Monbus e Alsa, respectivamente.
O goberno galego anulou a anterior concesión porque a calculara mal facéndoa inviable, convocou un novo concurso con viaxes directas entre as dúas cidades en 70 minutos e agora a oferta gañadora mellora aínda máis o servizo
A finais de 2019, no marco da gran reordenación do transporte interurbano a que foi obrigada polo Supremo, a Xunta adxudicou a Autos Carballo, do grupo Arriva, a concesión de buses interurbanos A Coruña-Lugo-A Mariña, que presta servizo a medio cento de concellos do norte das provincias da Coruña e Lugo.
Ese contrato tiña que durar dez anos, pero a metade da súa execución o Goberno galego resolveuno de mutuo acordo coa empresa admitindo que estaba a ser "inviable" porque a propia Xunta calculara mal as previsións económicas do servizo.
A nova concesión contará cun servizo denominado Intercity Express con buses directos entre as dúas cidades cada hora entre as seis e media da maña e as nove da noita
Tras anular a anterior concesión, a Xunta convocou un novo concurso público no que incrementou notablemente a súa achega de cartos públicos. Se o concurso de 2019 contemplaba unha concesión de 10 anos cun beneficio industrial total nese tempo para a empresa dun millón de euros e sen que a Xunta tivese que poñer cartos para compensar posibles perdas so servizo público, o novo contrato que agora vai ser adxudicado é por seis anos -prorrogables- nos que se prevé un beneficio para a empresa de algo máis de 900.000 euros pero no que agora a Xunta porá 4,7 millóns de euros como compensación polo servizo público a prestar.
Un aumento dos cartos públicos que permitirá mellorar as frecuencias e implantar un novo servizo directo entre A Coruña e Lugo, que a Xunta denomina en inglés Intercity Express. Ese novo servizo tardará só unha hora e dez minutos e, xunto cos xa existentes, permitirá ofrecer viaxes cada hora e mesmo cada media hora entre as seis e media da mañá e as nove da noite.
No novo concurso a oferta mellor valorada pola mesa de contratación vén de ser novamente a de Autos Carballo, que ademais mellora considerablemente os mínimos esixidos pola Xunta e as ofertas das outras dúas competidoras. Segundo a acta de valoración dos técnicos, e á espera de que se concreten os servizos e prezos, a oferta gañadora propón "descontos adicionais moderados/altos" a maiores dos que xa ten en vigor a Xunta "dirixidos a colectivos específicos" e con bonos desconto por número de viaxes que poden chegar ata o 60%.
A empresa tamén comprometeu novas paradas e expedicións, unha frota de maior capacidade que a prevista pola Xunta e máis condutores. E "garante o desprazamento de todas as persoas usuarias no último servizo", isto é, que non quedarán tiradas nas paradas por falta de prazas.