As inspeccións "secretas" nos buses interurbanos: empeoran por segundo ano e o 40% non son puntuais

O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, responsable do transporte público desde o pasado abril, e avaliacións anuais do servizo CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

A terceira memoria anual do transporte público reorganizado pola Xunta en 2020 revela que non é quen de mellorar o servizo e que superados os efectos da pandemia o número de usuarios é aínda inferior ao sistema previo

Desde que en 2020 a Xunta reorganizou os buses interurbanos, obrigada polo Tribunal Supremo que declarou ilegal a prórroga das anteriores concesións, o servizo empeora un pouco cada ano e aínda non foi quen de superar o número de usuarios do sistema anterior. Así o sinala a terceira avaliación anual do novo sistema encargada polo propio Goberno galego, que revela que catro de cada dez servizos non son puntuais. 

Unha avaliación que, como nos dous anos anteriores, contou con inspeccións "secretas" de persoal especializado que empregou os buses facéndose pasar por persoas usuarias. Porén, nesta terceira avaliación do servizo a Xunta revelou previamente ás concesionarias as datas nas que podían ser avaliadas.

A terceira memoria anual do Plan de Transporte Público de Galicia, feita agora pública, analiza o período entre xullo de 2022 e xuño de 2023. Como nas dúas anteriores, a consultora contratada pola Xunta para avaliar o seu transporte empregou entre outras técnicas a do "cliente misterioso", que consiste en que persoal cualificado se fai pasar de forma anónima por usuario do servizo para valorar o seu funcionamento. 

Na primeira avaliación anual do novo sistema, do período 2020-21, as inspeccións secretas, un total de 2.129, fixéronse entre o 18 de maio e o 7 de xullo de 2021, segundo revelou posteriormente a memoria feita pública. Na segunda avaliación, do período 2021-22, fixéronse 1.795 inspeccións secretas, entre o 25 de abril e o 17 de xuño de 2022. Pero para esta terceira avaliación anual, do período 2022-23, as inspeccións secretas mudaron da primavera ao outono e a Xunta revelou o 16 de setembro do pasado ano que se realizarían durante as sete semanas seguintes.

Efectivamente, agora a memoria anual feita pública confirma que as inspeccións secretas, 1.793, realizáronse entre o 19 de setembro e o 23 de novembro.

Malia saber as empresas en que datas do ano podían ser inspeccionadas en secreto, o resultado desas inspeccións ofrece unha puntuación global inferior ás dos anos anteriores. A valoración xeral do servizo por parte dos inspectores foi do 83,3%, 0,3 puntos menos que o ano anterior e 0,8 puntos menos que na primeira avaliación de dous anos antes. 

Para acadar esa puntuación global os inspectores ou "clientes misteriosos" analizaron diversos aspectos do servizo, dos que a puntualidade foi a peor valorada, cun 60,7%. Isto é, catro de cada dez autobuses inspeccionados en "secreto" non foron puntuais, cifra lixeiramente inferior á do ano anterior e 10 puntos máis baixa que a de dous anos antes. 

Nesta nova avaliación dos servizos tamén empeoran a respecto da avaliación anteriores aspectos como a información do vehículo, a seguridade do viaxeiro ou os tipos de condución. Pola contra, mellora o proceso de validación do billete ou as paradas.

Memoria do transporte público 2022-23. Ponderación das enquisas aos usuarios en función dos aspectos que eles mesmos valoran como máis ou menos importantes CC-BY-SA Xunta de Galicia

As persoas usuarias tamén rebaixan a súa valoración do servizo

Ademais das inspeccións secretas, as enquisas ás persoas usuarias revelan que a súa valoración do servizo tamén cae, de 7,9 hai tres anos a 7,65

Ademais das inspeccións secretas, a avaliación anual do servizo tamén se fixo con 13.200 enquisas a persoas usuarias. E tamén con esa técnica os resultados son peores que os de anos anteriores. No primeiro ano avaliado, o 2020-21, o índice de satisfacción global do cliente foi de 7,90 puntos sobre 10, permaneceu case estable no segundo ano con 7,89 puntos e cae agora neste terceiro ano a 7,65 puntos. 

Igualmente, no primeiro ano do novo servizo o 79% das persoas consultadas recomendarían o transporte público galego, no segundo ano a cifra foi do 78,5% e neste terceiro ano hai unha caída ao 77,2%.

A memoria anual agora feita pública tamén revela que o novo sistema de transporte interurbano non consegue atraer a máis viaxeiros que as concesións que había ata 2020. A Xunta vén publicitando o contrario incluíndo na súa contabilidade ao alumnado que emprega os servizos que denomina integrados, nos que uniu as liñas de transporte regular coas de transporte escolar. Porén, se non se teñen en conta aos escolares, o número de viaxes realizadas como parte do transporte regular foi no período 2022-23 de 19,2 millóns en todo o ano, aínda por baixo dos 20,4 millóns de 2019. 

A propia memoria admite expresamente que "a demanda de persoas usuarias xerais segue por baixo das cifras anteriores á pandemia sanitaria" da COVID-19, cuxas restricións xa non tiveron ningún efecto no último período analizado. Pola contra, neste período 2022-23 xa si estiveron en vigor máis descontos que en anos previos pero que aínda así non conseguiron captar máis usuarios.

Dos preto de 110 millóns que custa o transporte interurbano, 35 son postos polos usuarios cos seus billetes ou abonos e 75 pola Administración, e só 4 concesións pagan medio millón en canon por teren beneficios 

Canto ao custo do sistema, este pasou de 102 millóns de euros no período 2021-22 a 109 millóns no 2022-23. Deles, as persoas usuarias pagaron cos seus billetes ou bonos uns 35 millóns de euros, e outros 75 millóns foron postos fundamentalmente pola Xunta para compensar ás empresas polos servizos públicos que resultan deficitarios (45,6 millóns), pagar as prazas de transporte escolar integradas co transporte regular (17,6 millóns) ou polas diversas bonificacións existentes, entre elas as das áreas metropolitanas que en parte son compartidas polos concellos. Pola contra, só 4 das concesións existentes abonan un total de medio millón de euros á Xunta como canon por ter un beneficio superior ao 6%.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, responsable do serizo ata o pasado abril, nun autobús nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Hai un ano o Consello de Contas revelou que algunha concesionaria "non tiña intención" de pagar o canon e que esta non verificara o seu cumprimento. O ente fiscalizador tamén sinalou que a Xunta reordenou as súas liñas en 2020 sen ter en conta os medios de transportes existentes en cada núcleo de poboación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.