Monbus culpa á falta de prazas nos trens das demoras nos seus servizos

Un autobús de Monbus © Monbus

A empresa fala dunha "avalancha imprevista" de viaxeiros, aos que pide mercar os billetes de forma anticipada para prever mellor os "buses de reforzo" e recomenda a quen non o faga que vaia ás estacións 45 minutos antes

Coa volta das vacacións volven os colapsos no transporte público, tanto no ferroviario como nos autobuses interurbanos. Porén, a principal empresa concesionaria dos autobuses en Galicia, Monbus, atribúe os problemas no seu sector á falta de prazas nos trens. 

Así o transmitiu este venres nun comunicado no que di que o incremento da demanda que se está a rexistrar nas fins de semana, cunha "avalancha imprevista de viaxeiros", débese, ademais de ao inicio do curso, á "falta de prazas de tren".

Tren Avril na estación ferroviaria de Santiago -esquerda-, parte do complexo intermodal que inclúe a estación de autobuses, á dereita da imaxe CC-BY-NC-SA Praza.gal

A empresa sinala que afronta "un ano máis un número completamente extraordinario de reforzos do servizo nas xornadas de venres e domingo derivado do inicio do curso escolar e da escaseza de prazas no transporte ferroviario". Segundo di, "o incremento da demanda de usuarios foi especialmente intenso na estación intermodal de Santiago de Compostela o pasado venres pola tarde, ao producirse unha importante avalancha imprevista de viaxeiros sen sitio nos trens e tamén na intermodal de Vigo o domingo de volta".

Monbus "aconsella" aos seus pasaxeiros que "para minimizar as esperas" fagan a compra anticipada dos seus billetes "facilitando dese xeito o deseño do número de autobuses de reforzo que porá a empresa en cada tramo horario e para cada compañía". No caso das persoas que non merquen os billetes de xeito anticipado, a empresa recoméndalles que "acudan ás estacións uns 45 minutos antes da saída para axilizar o embarque e evitar atrasos". Segundo di o comunicado, "na filosofía de traballo de Monbus prevalece a firme intención de poñer a disposición dos viaxeiros todos os recursos posibles para atender eses fortes picos de demanda". 

Monbus é a adxudicataria das principais liñas interurbanas de Galicia, cun negocio de 36 millóns de euros ao ano, segundo o Consello de Contas, e parte deses servizos os obtivo grazas a un reparto ilegal do mercado con Alsa, segundo confirmou o Tribunal Supremo.

Os problemas poden agravarse esta fin de semana, xa que as obras da intermodal da Coruña suprimen todos os trens con Santiago, cuxos pasaxeiros serán trasladados por Renfe en bus

A situación de "avalancha" nos autobuses á que se refire a empresa falando das pasadas fins de semana podería agravarse nesta fin de semana, xa que as obras en marcha da estación intermodal da Coruña afectarán a todos os trens entre esa cidade e Santiago e Ferrol entre última hora deste venres 20 de setembro e primeira hora do luns 24

Durante toda esta fin de semana os usuarios de Renfe serán transportados en autobuses dispostos por esa compañía. Segundo Renfe, veranse afectados 70 servizos e habilitaranse máis de 250 autobuses, microbuses e taxis.

Trens Avant, rexionais e de media distancia afectados do 20 ao 24 de setembro © Renfe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.