O Tribunal Superior de Galicia sentenciou hai medio ano que Competencia da Xunta debe multar ás empresas, pero estas e o Goberno galego recorreron e agora o Supremo nin sequera admite a trámite os escritos e avala a decisión xudicial previa
O Tribunal Supremo vén de inadmitir a trámite os recursos de casación presentados por Monbus, Alsa e a Xunta contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que hai sete meses constatou que as empresas se repartiran ilegalmente o concurso da Xunta para renovar as liñas de bus sen que o departamento de Competencia do Goberno galego fixese nada. O Supremo di agora, nun auto que é firme, que non hai motivo para analizar ou corrixir a decisión do TSXG de "ordenar" a Competencia "a incoación dun procedemento sancionador" contra as empresas.
A denuncia contra Monbus e Alsa por repartirse o mercado foi formulada por unha empresa de consultoría en materia de transportes que asesorou a outras empresas de autobuses que perderon no concurso para a renovación das liñas de transporte en toda Galicia. A Comisión Galega da Competencia, nomeada pola Xunta e co popular Ignacio López-Chaves á fronte, arquivou o caso sen sequera investigalo e esa decisión foi á súa vez recorrida ante o TSXG.
E o que dixo hai sete meses o TSXG foi que Competencia actuara incorrectamente e debía iniciar un expediente sancionador contra Monbus e Alsa. Chegaba a esa conclusión tras analizar o propio tribunal as circunstancias do concurso e constatar que Monbus e Alsa evitaran competir entre elas para repartirse o mercado, presentándose xuntas a algúns lotes do procedemento e non presentando ofertas alternativas noutros lotes nos que só se presentou unha das dúas.
O TSXG dixo que a actuación de Monbus e Alsa "non está xustificada" e ordenou sancionalas, pero as empresas acusaron a ese tribunal ante o Supremo de "usurpar" as competencias da Xunta
O TSXG considerou que esa actuación "non está xustificada e responde á conduta, prohibida, de repartirse o mercado". "Non pode interpretarse, conforme ás regras da lóxica e as pautas da experiencia, como unha 'causalidade' senón que ha de considerarase como unha 'causalidade' dun acordo previo".
Tras esa sentenza que censuraba a inacción de Competencia da Xunta ese departamento rexeitou facer valoracións públicas, ao tempo que o propio presidente Alfonso Rueda se desentendía do caso ao asegurar que era un órgano independente malia que o seu pleno é nomeado polo Goberno galego.
A propia Xunta, ademais de Monbus e Alsa, recorreron esa sentenza do TSXG ante o Supremo. Nos seus recursos as empresas acusaron o TSXG de "usurpar" unha competencia da Xunta ao entrar a analizar o fondo da cuestión e constatar o reparto do mercado. Pola súa banda, a Xunta argumentou que tras as denuncias iniciais contra Monbus e Alsa ela mesma analizara as súas ofertas e concluíra que era "razoable" que concorreran da man.
Sobre a decisión do TSXG de analizar o fondo do caso e constatar o reparto do mercado o Supremo di que esa cuestión foi resolta polo tribunal galego "á vista das circunstancias do caso" e non considera necesario revisalo
Pero agora o Supremo rexeita eses recursos e ratifica a sentenza do TSXG. O alto tribunal principia asegurando que o denunciante do caso estaba lexitimado para facelo e "é abundante a xurisprudencia" ao respecto. E sobre o xeito en que o TSXG decidiu analizar o fondo do caso e concluír que Monbus e Alsa se repartiran o mercado, en lugar de limitarse só a esixir a Competencia que investigase mellor, o Supremo considera que a cuestión non ten interese casacional para establecer nova xurisprudencia ao respecto. O alto tribunal considera que esa cuestión foi resolta polo TSXG "á vista das circunstancias concretas do caso" e non considera necesario revisar a súa decisión.
Así que o Supremo remata inadmitindo os recursos da Xunta, Monbus e Alsa cun auto que é firme e contra o que non cabe recurso, o que avala a sentenza do TSXG que ordena a Competencia sancionar ás empresas.