BNG e PSdeG coinciden en criticar o “trato de favor” do PPdeG a “empresas amigas” para que se “repartan o mercado”, “conduta prohibida” que vén de constatar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
O Consello da Xunta do 11 de xullo de 2019 nomeou presidente da Comisión Galega da Competencia a Ignacio López-Chaves, ex-deputado do PPdeG, ex-delegado da Xunta en Vigo e ex-presidente do Porto de Vigo. O pleno desa Comisión está composto por ese presidente e dous vogais tamén nomeados polo Goberno galego, entre eles a tamén ex-deputada do PPdeG María Teresa Cancelo. Porén, tras a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que vén de constatar a inacción desa comisión ante o pacto entre Monbus e Alsa para “repartirse o mercado” do transporte público por estrada en Galicia, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este xoves que é un “órgano independente”.
Rueda foi preguntado se o Goberno galego vai mudar ou esixir responsabilidades aos membros do Consello Galego da Competencia elixidos por el mesmo despois de que o TSXG o condenase por non actuar ante o pacto de Monbus e Alsa contra o libre mercado. A resposta do presidente foi que o Goberno galego non pode “entrar nas decisións de abrir un expediente” por parte do que considera “un órgano independente”. “E pouco máis que dicir”, pechou a cuestión Rueda.
Porén, desde a oposición considérase que a Xunta si ten que dicir algo máis sobre a cuestión. BNG e PSdeG coincidiron novamente este xoves en criticar o “trato de favor” do PPdeG a “empresas amigas” para que se “repartan o mercado”, “conduta prohibida” constatada na sentenza do TSXG.
O BNG acusa á conselleira Ethel Vázquez de "encubrimento e conivencia" cunha "política de monopolio amparada pola consellería"
Desde o BNG o seu deputado Paulo Ríos considera que a sentenza do TSXG “dá a razón” á súa formación e ás críticas que vén lanzando no Parlamento de Galicia contra o xeito en que a Xunta xestionou a renovación das liñas de transporte regular por estrada. Para Ríos o agora constatado polo Tribunal Superior é “a punta do iceberg” dunhas irregularidades que contan co “encubrimento e conivencia” da propia conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
Segundo o nacionalista, “os únicos que non viron o que estaba pasando foron a Xunta de Galiza e o Partido Popular”, ao que acusa de “trato de favor” a “empresas amigas” como Monbus, “co 80% do transporte público en Galiza”, o que supón “unha política de monopolio amparada pola consellería”.
O PSdeG pon o foco na "actuación neglixente" do órgano presidido "por un ex-deputado do PP, o señor López Chaves" e cuxa imparcialidade "está en cuestión"
Desde o PSdeG este xoves pronunciáronse tanto o seu secretario de Organización, José Manuel Lage, como a deputada Paloma Castro. O primeiro cargou contra “a actuación neglixente” do ente encargado de velar pola competencia en Galicia “presidido por un ex-deputado do PP, o señor López-Chaves”. Para Lage o Goberno galego “non pode mirar para outro lado cando o TSXG pon o foco na comisión dicindo que non fixo o seu traballo”.
Pola súa banda, a deputada portavoz de Xustiza do grupo socialista esixiu da Xunta a “renovación” do Consello Galego da Competencia porque “a imparcialidade do organismo está en cuestión”. Segundo di, a sentenza do TSXG acredita “trato de favor a determinadas empresas co fin de que se repartan o mercado dos transportes”.