As empresas eluden unha sanción a cambio de comprometerse a respectar a normativa da competencia e publicar nas súas webs e comunicar ás asociacións do sector ditos compromisos
A finais de 2019 a Xunta sacou a concurso público por 2,5 millóns de euros unha obra de rehabilitación para emprazar a nova oficina central de emprego de Lugo en parte do espazo que ocupou o antigo hospital xeral da cidade no barrio da Residencia. Durante o proceso de valoración das ofertas presentadas a mesa de contratación detectou que dúas delas, formuladas nun caso por Obras y Servicios Gómez Crespo SL e noutro por unha unión temporal das empresas Prado Lameiro SL e Actividades, Construcción y Voladura (Atcon) SL, eran “idénticas”. O concurso acabouno gañando outra empresa, pero a mesa de contratación decidiu poñer o feito en coñecemento da Comisión Galega da Competencia, presidida polo popular Ignacio López-Chaves.
Tres anos máis tarde a Comisión da Competencia vén de facer pública a súa resolución sobre o caso, na que revela que tras incoar un expediente sancionador decidiu poñerlle fin sen sanción económica a cambio de que as empresas se comprometesen a respectar a normativa de competencia que antes vulneraran así como a publicar nas súas webs e comunicar ás asociacións do sector ditos compromisos e a resolución de Competencia.
No caso agora resolto por Competencia a mesa de contratación do concurso público detectou a “identidade total” das ofertas técnicas que formularon as empresas implicadas para realizar a obra. Competencia recibiu esa información en febreiro de 2020, pero non foi ata febreiro de 2022 que incoou un expediente sancionador tras constatar que eran “idénticas ofertas” e apreciar “a existencia de indicios racionais dunha posible conduta prohibida” pola lei de defensa da competencia.
Pero o expediente non chegou a rematar cunha sanción porque finalmente Competencia aceptou o que se denomina unha “terminación convencional”, que evita unha posible sanción económica cando as empresas implicadas asumen a cambio determinados compromisos.
Neste caso as empresas comprometéronse a catro cuestións: Asinar unha declaración na que se manifesta “de forma expresa o compromiso da empresa coa normativa de Competencia”, normativa que previamente incumpriran. Tamén deberán presentar ante Competencia un “proxecto de programa de cumprimento en materia de defensa da competencia” a executar durante un ano.
Competencia estableceu que deben publicar durante dous anos nas súas webs “a versión íntegra" da súa resolución “na páxina principal e lugar visible”, ante o que as empresas habilitaron na parte inferior das súas webs pequenas ligazóns que levan ao texto
Igualmente, Competencia estableceu que as empresas deberán remitir a súa resolución sobre o caso ás asociacións profesionais ás que pertenza cada firma para que estas á súa vez a faciliten aos seus asociados. E deben publicar durante dous anos nas súas webs corporativas “a versión íntegra da resolución” de Competencia “na páxina principal e lugar visible”.
Canto ao último requisito, as empresas non teñen visible nas páxinas principais das súas webs "a versión íntegra da resolución" senón que optaron por colocar na parte inferior unha pequena ligazón que conduce ao texto en cuestión.