En 2016 o Supremo obrigou o Goberno galego a renovar as obsoletas liñas interurbanas e iniciou un proceso no que Monbus resultou aínda máis beneficiado malia denuncias de amaños que agora o TSXG confirma
A sentenza feita pública esta semana polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que constata que Monbus e Alsa empregaron “a conduta, prohibida, de repartirse o mercado” das principais liñas de autobús de Galicia volve poñer o foco no xeito en que o Goberno galego xestiona ese sector, a remolque da xustiza e en contra da libre competencia. Un sector no que agora os principais sindicatos veñen de convocar folga para o venres 31 de marzo por unha precarización e empeoramento dos servizos dos que culpan tamén á Xunta.
Se en 2016 o Tribunal Supremo estableceu que a Xunta atentara contra o libre mercado ao prorrogar en 2009 as obsoletas liñas anteriores e obrigouna a convocar un novo concurso público, agora o Tribunal Superior constata que nese proceso Monbus e Alsa saíron aínda máis beneficiadas ao pactar entre elas as súas candidaturas. Nos dous casos a Administración galega fora advertida previamente do que sucedía pero teimou nas súas decisións ata que a xustiza sentenciou que se atentara contra a competencia.
En 2009 a primeira gran medida que tomou o Goberno de Alberto Núñez Feijóo no eido do transporte público foi prorrogar dez anos as concesións de autobuses interurbanos que había daquela, moitas delas xa obsoletas, en lugar de convocar un novo concurso público. A decisión, a través dunha lei que saíu adiante co apoio do PP e a abstención do PSdeG, satisfixo o principal empresario do sector en Galicia, Raúl López, propietario de Monbus, pero incomodou á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).
O ente estatal encargado de velar pola competencia e o libre mercado formulou un requirimento á Xunta, pero esta non o atendeu e o caso acabou nos tribunais. Así que foi o Tribunal Supremo o que en 2016 acabou sentenciando que a prórroga fora ilegal e abocou o Goberno galego a iniciar o proceso para a renovación das concesións.
A sentenza do Supremo de 2016 chegou despois de que a Xunta non atendese un requirimento da comisión estatal da Competencia, e a do TSXG despois de que a comisión galega, controlada polo PPdeG, nin sequera investigase unha denuncia que a xustiza considera probada
Tras varias demoras ese proceso de renovación non rematou ata 2020, tras un último concurso público dividido en 29 lotes no que as liñas de maior demanda, especialmente as do eixo atlántico, acabaron en mans de Monbus. Nese concurso Monbus e Alsa decidiron ir da man, a través dunha unión temporal de empresas (UTE), en cinco dos principais lotes, pero non competiron en ningún dos restantes lotes, nos que só se presentou unha das dúas.
Ese feito foi denunciado por empresas prexudicadas e pola CIG en distintos momentos e ante distintas instancias da Administración galega. Primeiro, mentres o concurso aínda estaba en marcha, a petición de que os feitos fosen denunciados pola propia Xunta á Comisión Galega da Competencia foi desbotada tras dar por válidas as explicacións xenéricas ofrecidas polas empresas implicadas de que decidiran ir xuntas en varios lotes por razóns de flexibilidade e aproveitamento de sinerxías.
A denuncia chegou despois directamente á Comisión Galega da Competencia, cuxo presidente e vogais son nomeados polo propio Goberno galego. O seu pleno está actualmente composto por tres membros: dous ex-deputados do PPdeG -Ignacio López-Chaves, tamén ex-alto cargo da Xunta e presidente da Comisión, e María Teresa Cancelo- e por un profesor da USC, Daniel Neira. Esa comisión abriu unha investigación, unha denominada “información reservada” sobre o caso, que mantivo durante un ano e nove meses “sen practicar ningunha dilixencia”, segundo sentenza agora o TSXG. Despois decidiu arquivar o caso.
E é sobre ese arquivo sobre o que agora vén de pronunciarse o tribunal para concluír que aínda que a lexislación de competencia contempla a posibilidade de sancionar só con indicios se estes son fundados, neste caso o que houbo foron feitos contrastados, como que as dúas empresas concorreron xuntas aos cinco lotes en cuestión e non competiron en ningún do resto, actuación que “non está xustificada e responde á conduta, prohibida, de repartirse o mercado”.
Así que o que fai o TSXG é ordenar a Competencia, controlada polo PP e defendida no proceso pola Avogacía da Xunta, que inicie un expediente sancionador, un paso máis avanzado que a información reservada que quedara en nada, porque o propio tribunal considera constatados os feitos sancionables. Novamente, como en 2016 tras a sentenza do Supremo, a Administración galega acaba a remolque dunha sentenza xudicial. Aínda que non sempre foi así, xa que fronte á inacción de Competencia da Xunta neste caso, en 2021 o mesmo organismo si sancionou tres empresas de autobuses máis pequenas por pactar entre elas as súas ofertas.
Ante a nova sentenza xudicial o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, pediu este mércores no Parlamento ao presidente Alfonso Rueda que “faga mirar” o de Competencia “a ver se hai algo que revisar” e censurou “o grupo de amigos que teñen colocados” nese ente, en referencia aos ex-deputados que controlan o seu pleno.
Ás protestas cidadás por toda Galicia por eivas tanto no transporte regular como no escolar e ás críticas de PSdeG e BNG súmase agora unha convocatoria de folga dos principais sindicatos para o vindeiro venres 31 de marzo
Pola súa banda, desde a CIG lembraron as sucesivas denuncias que o sindicato presentou en distintas fases do proceso e informouse de que ten outra presentada “pola posición de dominio de Monbus no mercado galego do transporte de viaxeiros/as por estrada, xa que esta empresa está presente no 75% das UTE adxudicatarias de contratos de Mobilidade e no 50% dos contratos da Consellería de Educación”, os do transporte escolar, no que a propia Xunta admitiu erros que a obrigaron a reiniciar e demorar o proceso. A CIG tamén lembra que Monbus “foi adxudicataria de todas as estacións de autobuses que saíron a concurso nos últimos dous anos, e mantén tamén contratos co Sergas, o Consorcio de Benestar ou a Secretaría Xeral de Xuventude”.
Pola contra, Monbus, segundo publica a axencia Europa Press na súa web, recorrerá a sentenza do TSXG ante o Tribunal Supremo e defende que actúa sempre “con absoluto rigor e integridade dentro da legalidade”.
A sentenza chega despois de meses de queixas por toda Galicia por todo tipo de eivas no novo sistema de transporte público organizado pola Xunta, tanto no transporte xeral como no transporte escolar. De feito, o propio Goberno galego fixo público o pasado novembro que detecta unha infracción cada tres viaxes de bus que inspecciona e que abre un expediente cada dous días. Uns incumprimentos que BNG e PSdeG focalizaron expresamente en Monbus -da que elevan a súa porcentaxe de control dos servizos públicos ata o 80%- acusando á Xunta de “mirar para outro lado”.
A propia Xunta constatou con inspección secretas que a falta de puntualidade e de información, as dúas cuestións responsabilidade das empresas concesionarias, son as principais eivas do transporte interurbano
Neste contexto, agora CIG, CCOO e UGT veñen de convocar unha folga no transporte de viaxeiros por estrada para o vindeiro venres 31 de marzo. Critican a precarización do sector da que fan responsable á Xunta. Os concursos públicos convocados polo Goberno galego no seu momento, como os que agora vén de analizar o Tribunal Superior, estiveron “infradotados economicamente”, din os sindicatos, e aínda así “a patronal presentouse incluso con rebaixas de até o 30% sobre o prezo de saída, coa idea de que poderían obter beneficios a conta de explotar as traballadoras e traballadores, precarizar as condicións laborais e deteriorar a prestación do servizo até límites insospeitados”.
“Basta comprobar como día si e día tamén as persoas usuarias se queixan polos atrasos nos horarios, as deficiencias do servizo ou incluso porque o autobús programado non pasa pola parada”, lembran os sindicatos. Pero iso non é só unha valoración. Son feitos constatados pola propia Xunta a través de inspeccións secretas que comprobaron que a falta de puntualidade e de información por parte das empresas adxudicatarias son as principais eivas do servizo.