Educación require a 36 das 111 candidatas que xustifiquen a viabilidade das súas propostas e a sete que demostren a composición do seu accionariado tras unha denuncia da CIG por posible amaño das ofertas
A complexidade do concurso que ten en marcha a Consellería de Educación para adxudicar a metade das liñas de transporte escolar de Galicia, as que non están compartidas co transporte regular, segue a demostrarse en cada paso do proceso. Tras anos de prórrogas ilegais dos contratos anteriores e de ter que reiniciar o concurso polos seus propios erros nos pregos de condicións, o que obrigará a prorrogar novamente os servizos anteriores durante parte do próximo curso antes de que estea rematado o actual proceso de contratación, agora a Xunta vén de requirir a boa parte das empresas aspirantes diversas aclaracións ante as dúbidas que lle suscitan as súas ofertas. En xogo están os 93,4 millóns de euros que o Goberno galego calcula que podería ter que gastar no servizo durante os dous próximos anos.
Dos 57 lotes en que se dividiu o concurso, en 32 unha ou varias das empresas aspirantes presentaron ofertas consideradas “desproporcionadas” ou “anormalmente baixas”, xa sexa porque as súas ofertas son máis dun 10% inferiores á media de todas as ofertas presentadas a ese lote ou porque sendo a única oferta presentada propoñen unha rebaixa de máis dun 25% a respecto do prezo de partida. A esas empresas ou unións temporais de empresas, un total de 36 das 111 analizadas, terán que argumentar agora por que as súas ofertas son viables e que as rebaixas están xustificadas.
Por outra banda, malia que na maioría dos casos a cada lote presentáronse entre dúas e catro ofertas, en 13 dos 57 lotes só se presentou unha única oferta. Na maioría dos casos ofreceron rebaixas como no resto de lotes, pero nun par deles as únicas empresas aspirantes apenas rebaixaron as súas propostas, nun caso un 0,03% e noutro nada.
Tres das empresas ás que agora a Xunta require documentación tras unha denuncia da CIG xa foron sancionadas por Competencia por intentar amañar outro contratro de transporte escolar
Á marxe destas análises e xustificacións quedan de momento catro dos 57 lotes nos que, tras unha denuncia da CIG por “posibles condutas colusorias” do Grupo Empresarial Morán SL para “repartirse os lotes” en contra da libre competencia, Educación vén de requirir a sete empresas “que aporten a documentación suficiente demostrativa da composición do seu accionariado e máis dos entes de representación das sociedades”. A CIG advertiu de que tres das sete empresas que segundo ela poderían estar intentando amañar o concurso -Autos Morán SL, Muralla Bus SL e Autocares Darriba SL- “xa foron obxecto de sanción pola Comisión Galega da Competencia” por intentar amañar dous contratos anteriores de bus escolar con ofertas pactadas entre elas.
Á espera de recibir esa documentación, de momento eses catro lotes aos que presentaron ofertas esas empresas, nos que concorreron un total de 16 propostas, non foron aínda analizados por se hai tamén neles baixas desproporcionadas ou anormalmente baixas.