Educación espera que a prolongación dos servizos actuais non vaia “máis aló do ano 2021” tras admitir que no concurso anulado faltaban 284 paradas
Tras anos e nalgúns casos mesmo décadas de prórrogas dos contratos de transporte escolar con todo tipo de irregularidades certificadas polo Consello de Contas, a Xunta volverá prorrogar novamente, agora espera que só por uns meses, a metade dos servizos de Galicia, os que se prestan de xeito exclusivo a centros educativos e non integrados no transporte regular xeral. Farao ante a imposibilidade de rematar antes o concurso público para renovar eses contratos que tivo que repetir tras admitir “erros non subsanables” nos primeiros pregos de condicións que validara a propia Consellería de Educación. Se no primeiro proceso a Xunta estimaba un gasto de 81 millóns de euros nos dous próximos anos, agora calcula que terá que gastar un 15% máis, 93,4 millóns, porque entre outras cuestións faltábanlle 284 paradas.
Agora, na repetición do concurso cos pregos corrixidos, a Xunta convócao por procedemento de urxencia, dando só 20 días ás empresas para que presenten as súas ofertas fronte aos 34 días que daba a finais do pasado ano. Pero nin así confía en que o procedemento -no que despois hai que valorar as ofertas e adxudicar os contratos- estea rematado antes do comezo do novo curso escolar.
Xa criticada polo Consello de Contas, a Xunta admite a "situación de contratación irregular na que se atopan os actuais contratos prorrogados ata o 22 de xuño"
No informe co que xustifica a repetición agora por procedemento de urxencia do concurso que ela mesma anulou polos seus erros, a Consellería de Educación arguméntao na “imperiosa e urxente necesidade de cubrir contractualmente o servizo de transporte escolar e cesar na situación de contratación irregular na que se atopan os actuais contratos de transporte escolar prorrogados por razóns de interese público ata o 22 de xuño de 2021”. E engade que “a necesidade de garantir a non interrupción do servizo fará necesaria, en aras do interese xeral, unha nova prórroga dos actuais contratos polo tempo mínimo indispensable para proceder á adxudicación dos novos contratos”.
A Xunta di ter como obxectivo “regularizar a situación existente sen máis prórrogas dos actuais contratos máis aló do ano 2021” e admite que a complexidade do contrato pode provocar durante o proceso de adxudicación “acontecementos imprevisibles para o órgano de contratación” que alongarían “aínda máis a prórroga dos actuais contratos”. Con base nesa argumentación Educación reduce así a 20 días o prazo de presentación de ofertas para intentar acurtar ao máximo os prazos do novo concurso.
O anterior concurso, convocado o pasado decembro, foi anulado a comezos de marzo despois de recibir todo tipo de críticas de nais e pais do alumnado e recursos de autónomos e empresas por considerar que os pregos de condicións non tiñan en conta peculiaridades das rutas. Entre outras cuestións, a Xunta pasou de prever 5 minutos por parada a só 1, e as rutas deseñáronse empregándose Google Maps para determinar as distancias e tempos de desprazamento.
A Xunta presume de que as empresas deberán cumprir a lei de igualdade e de que "en ningún caso os traxectos sexan superiores a unha hora"
Tras anular aquel concurso, hai tres semanas o conselleiro de Educación asinou cos sindicatos un acordo de mellora das condicións laborais previstas do persoal que preste o servizo presumindo de que as empresas deberán cumprir a lei de igualdade e a pasada semana o propio presidente Feijóo cuantificou en 12 rutas e 284 as paradas que non se contemplaban no primeiro proceso e a Xunta salientou que "en ningún caso os traxectos sexan superiores a unha hora".
Os erros e a cancelación do concurso anterior foron só o último tropezo da Xunta tras décadas de ilegalidades no sector dos buses, no que as empresas aférranse ás rutas escolares como principal garantía de ingresos estables.