Educación, que tras catro décadas xestionando o servizo di carecer do persoal “idóneo”, elude valorar o traballo da consultora á que encargou deseñar o servizo e asume como propia a “confusión considerable” creada
O concurso para a metade do transporte escolar de Galicia por 40 millóns de euros ao ano que a Xunta vén de anular polos seus “erros non subsanables” e “confusión considerable” foi lanzado pola Consellería de Educación tras un traballo de deseño previo dos servizos realizado por unha consultora externa que o Goberno galego avalou e asumiu como propio. Educación externalizou ese traballo, que agora elude valorar.
Malia levar catro décadas xestionando o transporte escolar argumentou que carecía do persoal e medios técnicos “idóneos” para desenvolvelo. E malia que entre as condicións que lle puxo á consultora para deseñar o transporte escolar estaba a de que calculase unha media de 5 minutos para cada parada de recollida de alumnado, finalmente Educación convocou o concurso dando un tempo medio por parada de só un minuto.
Educación contratou a comezos do pasado ano unha consultora externa para que deseñase o posterior concurso para o transporte escolar porque, segundo argumentou naquel procedemento, carecía “dos medios persoais e materiais suficientes e idóneos para dar axeitada satisfacción das necesidades que se pretenden cubrir”. Engadía que “a Administración non dispón do equipo técnico coas titulacións e experiencia idóneas, nin cos medios tecnolóxicos e materiais que require este traballo de consultoría”.
Fíxoo tras catro décadas xestionando o transporte escolar nas que boa parte das rutas foron prorrogadas sucesivamente con diversas irregularidades denunciadas polo Consello de Contas sen que se convocasen novos concursos como o agora anulado.
A consellería non aclara por que baixou de cinco a un minuto o tempo por parada nin se vai pedir responsabilidades á consultora á que encargou deseñar o servizo e cuxo traballo asume como propio
Para o deseño do novo sistema Educación fixou varias “indicacións” que a consultora contratada debía seguir “na planificación das rutas de transporte escolar”, como que “as paradas que conformarán as rutas son as actualmente autorizadas para a prestación do servizo de transporte escolar, que contan con usuarios asignados actualmente a cada unha delas” ou que “o tempo estimado de estacionamento en cada parada para a recollida do alumnado, aos efectos do cómputo de duración da ruta é de 5 minutos”.
Porén, no concurso finalmente anulado para prestar o servizo de transporte os pregos non recolleron expresamente esa duración das paradas e a Xunta recibiu unha pregunta directa dunha empresa interesada sobre “como se computaron os tempos de subida e baixada dos nenos”. A resposta oficial que deu a Xunta a esa pregunta foi: “Se tiveron en cuenta (sic) os tempos de subida e baixada dos alumnos establecéndose un tempo de 1 minuto por parada”.
Este diario preguntou o mércores á Consellería de Educación, sen obter aínda resposta, se a Xunta autorizou á consultora ese cambio de cinco a un minuto por parada. Educación tampouco contesta á pregunta sobre se vai esixir algún tipo de responsabilidade, como está previsto, á consultora contratada, cuxo traballo en todo caso asume como propio ao ser a consellería quen valida os pregos do concurso do transporte.
No contrato coa consultora, licitado por 500.000 euros e adxudicado por 400.000, o apartado dedicado a consignar as incidencias durante a súa execución, entre elas as posibles sancións, permanece baleiro. O contrato tamén establece que a empresa debe gardar confidencialidade sobre o seu traballo e que este “ten a consideración de propiedade da Xunta”.