A Consellería de Educación asume que as condicións que establecera non garantían “o correcto funcionamento” do servizo e agora terá que gastar máis
O 9 de decembro o Consello da Xunta presidido por Feijóo autorizou un dos maiores concursos públicos dos últimos tempos para prestar o servizo de transporte escolar na metade das rutas de Galicia durante os dous próximos cursos (2021-22 e 2022-23) por 81 millóns de euros. “Levábamos moitísimo tempo sen licitar contratos, estaban prorrogados”, salientou o propio presidente ao anunciar un procedemento que nas semanas seguintes recibiu todo tipo de críticas de nais e pais do alumnado e recursos de autónomos e empresas por considerar que os pregos de condicións non tiñan en conta peculiaridades das rutas.
Agora a Consellería de Educación anula o concurso e admite que os seus pregos de condicións “xeran unha confusión considerable” e contiñan “erros non subsanables”. Tamén asume que terá que gastar máis nun servizo ao que as empresas de transporte veñen aferrándose como principal garantía de ingresos. [As empresas de buses aférranse aos colexios para capear unha nova crise tras anos de continuas reestruturacións].
As afectadas son 1.574 rutas que prestan servizo a 424 centros educativos, o 47% do total de servizos escolares, fronte ao 53% xa integrado en liñas regulares no coñecido como transporte compartido
Tras anos e mesmo décadas de prórrogas dos contratos censuradas pola xustiza e polo Consello de Contas, a reorganización das liñas de autobús que a Xunta realizou en toda Galicia obrigada polo Tribunal Supremo derivou na inclusión da metade do transporte escolar dentro dos servizos regulares -o coñecido como transporte compartido, competencia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade-, mentres que a outra metade (o 47%), as liñas exclusivas para o alumnado, quedaron en mans da Consellería de Educación. Esas 1.574 rutas que prestan servizo exclusivo a 424 centros educativos foron as que o pasado decembro sacou a concurso por 81 millóns de euros para dous cursos (prorrogables outros dous ata 2025 por un total de 177 millóns), procedemento que agora anula.
O concurso recibiu críticas desde a comunidade educativa, como as que se espallaron polo Courel, e desde o sector do transporte, que recorreu o procedemento
O concurso recibiu críticas de todo tipo. Pais e nais e taxistas do Courel censuraron que se prevían microbuses fronte aos taxis que ata agora prestaban o servizo, o que faría este máis lento e inseguro. Empresas interesadas presentaron recursos ante o tribunal administrativo de contratos, que suspendeu o procedemento á espera de resolver sobre o fondo das reclamacións. E agora é a propia consellería quen o anula antes de que se chegasen a valorar as ofertas admitindo que o fai despois de que “empresas e colectivos potencialmente interesados” solicitasen “aclaracións de posibles erros detectados no contido dos pregos da licitación como ausencias de paradas necesarias, utilización de vehículos non axustados ás características das estradas, erros no deseño de expedicións ou número de persoal acompañante necesario”.
Tras analizar esas críticas, agora Educación admite que detectou “erros, non subsanables, que inciden directamente no contido dos pregos”, que “xeran unha confusión considerable e determinante a efectos da posterior execución do contrato”, polo que “debe levarse a cabo unha modificación dos mesmos que afecta tamén, á alza, ás condicións de financiamento”. Así que a consellería deixa sen efecto o concurso para “reiniciar as actuacións de preparación do contrato tras o estudo de posibles alternativas que permitan a execución do contrato con todas as garantías técnicas necesarias para o correcto funcionamento e execución dun servizo da importancia que ten o transporte escolar para toda a cidadanía”.
Décadas de prórrogas para un servizo clave para o sector
Malia que Galicia supón entre o 5% e o 6% da poboación, a superficie ou o PIB do Estado, por si soa supera o 20% do custo total do transporte escolar e conta co 9% dos autobuses
A importancia do transporte escolar en Galicia, coa súa dispersión territorial, reflíctese en que malia que o país supón entre o 5% e o 6% da poboación, a superficie ou o PIB do Estado, por si só supera o 20% do custo total do transporte escolar e conta co 9% dos autobuses.
Agora, tras perder cando menos tres meses no concurso fracasado, se o novo procedemento de contratación que vai reiniciar a Xunta non remata a tempo para o inicio do novo curso en setembro -ademais da súa tramitación, as empresas requiren un tempo para dispoñer de vehículos e formar o persoal nas rutas- o servizo podería acabar sendo prestado cunha nova prórroga a engadir ás que xa se veñen sucedendo, acordadas por sucesivos gobernos galegos con todo tipo de procedementos ilegais, como constataron o Consello de Contas e o Tribunal Supremo.
Os contratos de transporte escolar prorrogáronse durante décadas con todo tipo de procedementos ilegais, como constataron o Consello de Contas e o Tribunal Supremo
Tras sucesivas prórrogas do transporte escolar durante décadas censuradas por Contas, en 2009, cando chegaban á súa fin numerosas concesións de liñas regulares, o novo Goberno galego encabezado por Feijóo impulsou, coa abstención do PSdeG, unha lei para prorrogalas por outros dez anos ligándoas a unha rebaixa por parte das empresas dun 7% na factura do transporte escolar. En 2016 o Tribunal Supremo anulou aquelas prórrogas e obrigou á Xunta a sacar novamente a concurso as concesións, o que o Goberno galego aproveitou para unha reestruturación xeral das liñas que derivou na antedita inclusión da metade das liñas escolares no transporte regular compartido que xestiona a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e no concurso a cargo da Consellería de Educación que agora dá por fracasado.