O concurso de 40 millóns ao ano convocado por Educación contemplaba un 10% de sobrecusto para imprevistos, pero os “erros non subsanables” agora detectados aumentarán aínda máis o seu importe
O concurso de 40 millóns de euros ao ano para a metade do transporte escolar de Galicia que a Consellería de Educación vén de anular polos “erros” que contiñan os seus pregos de condicións xa prevía a posibilidade de “imprevistos” e modificacións que poderían non coñecerse ata o comezo do curso escolar 2021-22, o primeiro da súa vixencia. Para iso contemplaba unha marxe dun 10% coa que facer fronte a sobrecustos derivados deses imprevistos. Porén, a envergadura dos “erros non subsanables” que agora asume que cometeu nos pregos de condicións levan á Xunta a admitir que “debe levarse a cabo unha modificación dos mesmos que afecta tamén, á alza, ás condicións de financiamento”.
A propia Xunta sinala para xustificar a súa decisión de anular o concurso que “empresas e colectivos potencialmente interesados” solicitaron “aclaracións de posibles erros detectados no contido dos pregos da licitación como ausencias de paradas necesarias, utilización de vehículos non axustados ás características das estradas, erros no deseño de expedicións ou número de persoal acompañante necesario”.
Ata a súa cancelación, a Xunta deu resposta a unhas corenta dúbidas distintas que lle formularon as empresas interesadas en facerse con algúns dos 57 lotes en que se repartiron as 1.574 rutas que prestan servizo a 424 centros educativos con liñas de transporte escolar exclusivo (o 47% das existentes en Galicia, fronte ao 53% que son compartidas con servizos regulares). Estas son algunhas das dúbidas que se lle formularon á Xunta e as súas respostas, que finalmente non resultaron suficientemente aclaratorias e a levaron a admitir a “confusión considerable” que xeraron os seus pregos de condicións.
“Tivéronse en conta os tempos de subida e baixada dos alumnos establecéndose un tempo de 1 minuto por parada”, foi a resposta que deu a Xunta ás dúbidas sobre como calculara as rutas
A Xunta recibiu diversas dúbidas sobre os criterios empregados para deseñar os servizos, entre elas como fixo o cálculo de quilómetros e tempos das rutas, o que repercute na organización loxística e nos custos que deben asumir as empresas. “A aplicación utilizada para a determinación de distancias e tempos foi a de Google Maps”, respondeu Educación. E á pregunta sobre “como se computaron os tempos de subida e baixada dos nenos” a resposta que deu foi que se estableceu “un tempo de 1 minuto por parada”, que a experiencia do sector considera irreal.
A Xunta foi preguntada expresamente polos licitadores durante o proceso sobre como debían actuar se detectaban algún erro nos pregos de condicións, ao que Educación respondeu que as condicións que establecía debíanse “á información que actualmente ten a Administración e constitúen unha base suficientemente axustada á realidade para que os licitadores concorran”. Agora a consellería vén de admitir que iso non era así, malia que leva máis de tres décadas xestionando o transporte escolar en Galicia, e por iso cancela o concurso.
Ademais da "bolsa" que xa prevía para un 10% de sobrecusto por "imprevistos", a Xunta dicía confiar en que o maior volume de cada contrato permitise realizar axustes dentro de cada un
Ao Goberno galego tamén se lle preguntou como ía tratar esas “diferenzas” se finalmente se confirmaba que eran erros, ao que respondeu que “levaranse a cabo os axustes precisos, imputando á bolsa do 10% os posibles incrementos de tempo de servizo e quilómetros de servizo que se produzan, e unha vez superada esa porcentaxe, levaranse a cabo as modificacións que sexan necesarias”.
Nas súas respostas a Xunta tamén dicía confiar en que “o maior número de rutas e volume económico” de cada un dos novos lotes sacados a concurso a respecto da multitude de contratos existentes actualmente permitiría realizar axustes dentro de cada contrato para atender ás necesidades finalmente existentes.