Dous meses despois de anular o concurso do transporte escolar a Xunta corrixe tamén as súas condicións laborais

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e representantes sindicais na sinatura dun acordo para corrixir as condicións laborais do transporte escolar CC-BY-SA Xunta de Galicia

Educación presume agora de que as empresas deberán cumprir a lei de igualdade e di que “continúa a traballar” para “reiniciar o proceso” de contratación do servizo 

O 4 de marzo a Consellería de Educación decidiu anular polos seus “erros” o concurso público que lanzara tres meses antes para prestar o servizo de transporte escolar na metade de Galicia. A propia Xunta admitía que os pregos de condicións que ela mesma validara “xeran unha confusión considerable”. Dous meses despois o Goberno galego aínda está a corrixir eses pregos e este luns escenificou un acto de sinatura cos sindicatos de diversas melloras nas condicións laborais previstas, entre as que salientou que se especificará que as empresas deberán cumprir coa lei de igualdade.

Vehículos de transporte escolar no Courel e fragmento da resolución na que Educación freou o 4 de marzo a contratación do novo servizo, que dous meses despois segue a corrixir CC-BY-NC-SA Praza Pública

A catro meses de comezar o curso a consellería di que "este é o primeiro paso na reformulación do novo contrato" e que “unha vez incorporadas todas as melloras, poderá reiniciarse o proceso”

O concurso para a metade dos servizos de transporte escolar de Galicia foi anulado tres meses despois de que o Consello da Xunta autorizase o gasto que suporía, uns 81 millóns de euros para os dous próximos cursos. Dous meses despois e a catro meses de comezar o novo curso escolar a consellería di que “continúa a traballar na mellora do prego de contratación” e que “unha vez incorporadas todas as melloras, poderá reiniciarse o proceso”, o que deixa cada vez máis preto a posibilidade de que o servizo non estea adxudicado e formalizado antes do próximo curso escolar e a Xunta teña que prorrogar os contratos anteriores ou contratar os servizos a dedo por urxencia.

A propia Consellería de Educación salientou da sinatura deste luns cos sindicatos que “este é o primeiro paso na reformulación do novo contrato”. Un acordo sobre as condicións laborais dos novos servizos que en si mesmo pon o foco sobre o concurso anulado. Agora, salienta a Xunta, “increméntanse as garantías para que todos os traballadores gocen das mesmas condicións, independentemente de se realizan o traballo de forma directa, subrogada ou subcontratada”.

Educación tamén salienta que "o contratista deberá velar por que as condicións de traballo non sexan inferiores ao convenio colectivo que lle resulte aplicable"

Entre outras cuestións, a propia Xunta salienta que agora “especifícase que o contratista deberá cumprir a Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e deberá elaborar, negociar e aplicar no prazo máximo dun ano desde a sinatura do contrato un plan de igualdade”. Educación tamén presume de que “o contratista deberá velar por que as condicións de traballo (xornada e salario, fundamentalmente) non sexan inferiores ao convenio colectivo que lle resulte aplicable”. E sinala que ata o 80% do persoal que preste o servizo de transporte escolar poderá non ter contrato fixo.

As empresas de autobuses aférranse ao transporte escolar como principal garantía de ingresos regulares CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo a Xunta, o acordo cos sindicatos “recolle melloras e axustes sobre a primeira licitación do novo contrato de transporte escolar, un traballo técnico inicial de gran complexidade e realizado en plena pandemia a pesar das limitacións”. Ese traballo de deseño dos pregos de condicións, que a Xunta non puido realizar ela mesma por carecer de persoal “idóneo” tras catro décadas xestionando o transporte escolar, foi encargado a unha consultar externa pero asumido como propio por Educación. E deu como resultado rutas elaboradas con Google Maps nas que se fixou un minuto por parada para as baixadas ou subidas do alumnado tras inicialmente prever Educación un tempo de cinco minutos

Praza.gal preguntou hai dous meses á Consellería de Educación se a Xunta autorizara á consultora ese cambio de cinco a un minuto por parada e se vai esixir algún tipo de responsabilidade, como está previsto nos contratos públicos, á consultora contratada e cuxo traballo segue a corrixir dous meses despois. Aínda non hai resposta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.