Galicia conta cunha décima parte dos autobuses do Estado repartidos entre empresas de dispar tamaño que teñen nos colexios a fonte máis estable de ingresos
A anulación por parte da Consellería de Educación do concurso de 40 millóns de euros ao ano para a metade do transporte escolar de Galicia polos “erros non subsanables” que tiña é o último dunha longa serie de irregularidades e ilegalidades no sector dos autobuses admitidas pola propia Xunta ou constatadas pola xustiza, o Consello de Contas ou os reguladores de Competencia. Un sector que en Galicia é máis potente que no resto do Estado e que conta con empresas de dispar tamaño que teñen nos colexios a súa fonte máis estable de ingresos.
Antes da reestruturación do transporte por estrada que a Xunta iniciou obrigada por unha sentenza do Tribunal Supremo de 2016, o Goberno galego gastaba uns 120 millóns de euros ao ano en máis de 2.000 contratos distintos de transporte escolar para que 5.000 liñas desprazasen a diario a máis de 90.000 rapazas e rapaces de todos os niveis educativos. Fronte a esas cifras, a Xunta destinaba 44 millóns a subvencionar as liñas regulares de autobús que non se poden manter só cos ingresos dos billetes.
Os 120 millóns ao ano supuñan o 21,6% do gasto público en transporte escolar de todo o Estado, e case multiplicaba por cinco os 25 millóns ao ano de custe en Andalucía, con tres veces máis superficie que Galicia. Iso explica en parte o feito de que os 4.000 autobuses rexistrados en Galicia sexan case unha décima parte de todos os existentes a nivel estatal, malia que por poboación, superficie ou Produto Interior Bruto o país supoña só o 5%.
O Consello de Contas constatou como sucesivos gobernos galegos prorrogaron durante décadas contratos escolares incumprindo “os principios esenciais da contratación administrativa (publicidade, concurrencia, igualdade e non discriminación)”
Esa importancia do sector dos autobuses en xeral e do transporte escolar en particular, reflectida no Plan de Transporte Público de Galicia, é froito da dispersión poboacional galega, segundo constatou en 2007, no seu único informe específico sobre a materia, o Consello de Contas. Naquela análise Contas sinalou como as empresas que xa viñan prestando os servizos escolares ata os anos 90 resultaron sucesivamente beneficiarias de prórrogas e procedementos de contratación negociados autorizados pola Consellería de Educación que as perpetuaron nesas liñas incumprindo os sucesivos gobernos galegos “os principios esenciais da contratación administrativa (publicidade, concurrencia, igualdade e non discriminación)”.
Esa situación mantívose nos anos seguintes e en 2009, cando chegaban á súa fin numerosas concesións de liñas regulares, o novo Goberno galego encabezado por Feijóo impulsou -coa abstención do PSdeG que non fora quen de reformular o sistema durante o seu mandato- unha lei para prorrogalas por outros dez anos ligándoas a unha rebaixa por parte das empresas dun 7% na factura do transporte escolar.
A prórroga xeral de concesións aprobada en 2009 por Feijóo foi anulada en 2016 polo Supremo e a reestruturación do sector a que se viu obrigada a Xunta comezou ao ano seguinte cunha rechamante folga na que patronal e sindicatos foron da man
A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) advertiu de que a prórroga vulneraba a normativa europea que limitaba a duración dos contratos sen que se volvesen realizar novos concursos públicos, pero a Xunta rexeitou esa visión. Acabou sendo condenada en 2016 polo Tribunal Supremo, que anulou as prórrogas, o que o Goberno galego presentou como unha oportunidade para unha reestruturación xeral das liñas. Ese proceso duraría finalmente máis tempo que a prórroga anulada pola xustiza e no seu comezo en 2017 viviu unha rechamante folga na que a patronal marcou o ritmo da man dos sindicatos en contra dos cambios planificados pola Xunta, que deixaban no aire o persoal que historicamente viña prestando os servizos.
O novo modelo creou novos servizos de transporte á demanda, reduciu o número de concesións de transporte regular (que remataron de implantarse o pasado decembro cun total de 3.100 liñas en toda Galicia) e vinculou a elas as liñas de transporte escolar de cada zona, con autobuses compartidos por estudantado e pasaxe xeral.
Ese tipo de transporte compartido, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, acabou integrando o 53% das liñas escolares, servizo cuxos ingresos estables permiten compensar as perdas que poidan xeran os servizos regulares. Pero o restante 47% do transporte escolar seguiu prestándose a través de servizos exclusivos, dependentes aínda da Consellería de Educación, que agora admite que o concurso chamado a simplificar ese eido, reducindo a disparidade de contratos existentes ata agora a 57 lotes, foi mal deseñado, con “erros non subsanables”.
Tras non investigar varias denuncias sobre posibles acordos entre as grandes do sector, a Xunta vén de multar con 150.000 euros a tres pequenas empresas por intentar amañar dous contratos de bus escolar de 32.000 con ofertas pactadas entre elas
Se Educación, que rexeitou responder ás preguntas deste medio sobre como deseñou o concurso, non chega a tempo de culminar un novo procedemento antes do comezo do próximo curso escolar, podería acabar prorrogando novamente os contratos xa existentes para garantir que se siga prestando o servizo. Pero nos últimos anos non todo foron prórrogas e á espera de culminar a reestruturación do transporte por estrada en Galicia foron sacándose a concurso por duracións limitadas diversos servizos. Nun deles, para dar servizo a varias liñas de transporte escolar no curso 2018-19 por 500.000 euros, a Comisión Galega da Competencia da Xunta vén de multar a tres pequenas empresas con 150.000 euros por considerar que intentaron amañar dous lotes daquel concurso por importe de 32.000 euros pactando entre elas as súas ofertas.
Fronte a esa actuación sancionadora contra esas pequenas compañías por poñerse de acordo para intentar gañar ese concurso escolar de reducido importe, a Xunta desbotou sequera pedir a Competencia que investigase as denuncias que a CIG formulou contra unha ducia de empresas ás que acusou de evitar loitar entre elas para repartirse o maior concurso da reestruturación das liñas regulares, de 237 millóns de euros durante dez anos. Dividido en 29 lotes, o sindicato chamou a atención sobre o feito de que dúas das grandes como Monbus e Alsa concorreron xuntas en catro lotes e evitaron competir entre elas noutros dez.
Nesa reestruturación xeral do transporte regular a xustiza tamén estableceu que outra das grandes do sector, Arriva, deu á Xunta datos erróneos cos que se desfixo de persoal que traballaba para ela e que intentou que fose asumido por outra pequena empresa que lograra gañar en concurso liñas que viña prestando a multinacional.
A Xunta di carecer de persoal especializado e vén recorrendo a consultoras externas para xestionar o sector do transporte
Para facer fronte a todas estas circunstancias nun sector con tantos intereses cruzados e fragmentado (en Galicia hai catro federacións de asociacións de empresas: Anetra, Fegabús, Transgacar e Fegatravi) a Xunta vén recorrendo a sucesivos contratos de consultoría externa pola súa declarada falta de persoal especializado na materia nas consellerías tanto de Infraestruturas e Mobilidade como na de Educación, na que seguiu quedando a xestión da metade dos servizos escolares e a supervisión da outra metade xestionada polo outro departamento. Unha área de Mobilidade que é das máis inestables do Goberno galego, na que foi durante anos subdirector xeral de Transporte quen despois se puxo á fronte de Fegatravi, e que presenta carencias materiais e de persoal en diversos eidos.
Tras este historial de conflitos e irregularidades, Educación anula agora o concurso para a metade do transporte escolar porque entre outras cuestións admite que os seus pregos de condicións “xeran unha confusión considerable”. Unha convocatoria do concurso e a súa posterior anulación que asina o secretario xeral de Educación, Manuel Vila, que antes de ascender a postos políticos en diversas consellerías foi, entre 1996 e 2002, xefe do servizo que xestiona os servizos educativos complementarios, como o do transporte escolar.