ANÁLISE | A folga na que a patronal quixo marcar o ritmo

Autobuses parados durante a folga na estación da Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Ata agora os paros de martes e mércores, cos que os traballadores obtiveron melloras da Xunta, mesmo permitiron a algunhas empresas reducir custos por non ter que operar as liñas regulares, pero a súa extensión ás fins de semana e o verán en xeral ameazaba os ingresos por servizos discrecionais

A folga de condutores de autobuses que vén de ser suspendida á espera de como avancen as negociacións entre sindicatos e patronal sobre o convenio colectivo do sector ten múltiples motivacións. Convocada polos traballadores en reclamación de melloras dos convenios colectivos e en contra do novo modelo de transporte da Xunta, nesa segunda reivindicación coincidían os seus intereses cos da patronal, xa que as dúas partes consideran que a intención do Goberno galego de integrar o transporte regular co escolar suporá unha redución de servizos e con ela de empregos e empresas. Con esa folga agora en suspenso, que non cancelada, os traballadores veñen sendo de momento os máis beneficiados, pero os ritmos temporais da mesma non están a prexudicar aos empresarios todo o que poderían noutras circunstancias.

Os traballadores obtiveron un incremento dos cartos que a Xunta destinará a subvencionar os seus salarios dentro do novo plan de transporte

Pola parte dos sindicatos, grazas ao conflito destas últimas catro semanas, estes veñen de obter por parte do Goberno galego un incremento das subvencións que a Xunta achegará ás adxudicatarias do novo sistema para que estas garantan a subrogación dos traballadores actuais e mesmo un incremento salarial. Pero a cesión principal por parte dos empresarios, a de admitir que deben subir os soldos por convenio, non chegou ata que os riscos que estaban a sufrir pola folga se viron esta semana incrementados de xeito notable.

A folga foi convocada inicialmente para os martes e mércores. Pero só os dous primeiros días afectaron ao transporte escolar, un ámbito co que o conflito logrou unha importante visibilidade. Eses dous días de paro inicial poderían supor ata o momento o principal custo para moitos dos empresarios implicados, xa que ao non prestar os servizos escolares pola folga dos traballadores, eles tampouco os cobrarán da Xunta.

Porén, durante os martes e mércores das seguintes tres semanas, os paros dos traballadores permitiron a algunhas empresas reducir perdas. Ao non ser xa período lectivo, non perderon cartos por deixar de prestar os servizos escolares. E, ao mesmo tempo, ao parar tamén os servizos regulares, houbo empresas que aforraron os custes (gasoil e mesmo salarios dos empregados en folga) de facer circular autobuses por liñas das que obteñen pouco beneficio ou mesmo perdas.

Se unha folga entre semana e xa sen transporte escolar pode ser incluso beneficiosa para algunha empresa, en fin de semana e en verán suponlles perder importantes ingresos

Pero esta semana a folga ía estenderse dos martes e mércores iniciais a todos os días da semana, tamén ás fins de semana, e os paros introducíanse ademais no verán. E as fins de semana, e os meses de xullo e agosto en xeral, é un dos momentos  nos que máis beneficios obteñen as empresas grazas a través de servizos discrecionais por excursións e eventos festivos de todo tipo. Isto é, se unha folga entre semana e xa sen transporte escolar pode ser incluso beneficiosa para algunha empresa, en fin de semana e en verán suponlles perder importantes ingresos.

As conversas estenderanse ata xusto antes da posta en marcha do novo modelo e a patronal ten na súa man negarse daquela a asinar os convenios ou xogar cos tempos e reavivar a conflitividade laboral

Neste contexto é no que a última hora deste mércores a patronal aceptou un principio de acordo cos sindicatos para subir os salarios nos convenios colectivos. Pero é un principio de acordo para seguir negociando ao longo das tres próximas semanas e cun calendario que estende esas conversas ata o 2 de agosto, unha semana antes de que comece a aplicarse o novo modelo de transporte da Xunta. Isto é, se o novo sistema non se desenvolve nos próximos días, cando a Xunta comece a adxudicar os contratos, segundo os seus intereses, a patronal (ou a parte dela que se sinta máis prexudicada) ten nas súas mans a posibilidade de, no último momento, negarse a asinar os convenios cos sindicatos ou xogar cos tempos da negociación e provocar que se reavive a conflitividade laboral no sector xusto cando vaian implantarse os novos contratos integrados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.