0 Gardados para despois

Feijóo acusa a CIG e patronal de facer unha “pinza” contra a Xunta polo plan de transporte

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O rexeitamento da patronal segue a ser o principal obstáculo que atopa a Xunta ao novo modelo de transporte para o rural que quere implantar en parte de Galicia a partir de agosto. O Goberno galego garantiu aos sindicatos a subrogación dos empregados por parte dos novos adxudicatarios e vén de sumar outros 4 millóns de euros de subvención pública para garantir os soldos, co que xa daba por superada a vertente laboral do conflito. Pero os empresarios son reticentes a trasladar ese acordo Xunta-sindicatos aos convenios colectivos pendentes de asinar entre eles e os traballadores co argumento de que o novo modelo suporalles perdas económicas. A última hora deste mércores, sindicatos e patronal, segundo avanzou Europa Press na súa web, chegaron a un principio de acordo para avanzar nese incremento salarial e suspenderon ata o día 2 de agosto a folga que a partir deste xoves ía estenderse a todos os días da semana de xeito indefinido. A suspensión, en todo caso, deberá ser ratificada polos traballadores en asemblea. Ademais, o día 8 de agosto está previsto que entre en funcionamento o novo modelo da Xunta.

O Goberno galego incrementa en 4 millóns a subvención pública para pagar aos condutores e desactivar a vertente laboral do conflito e dá en parte a razón ao PSdeG, que reclamaba un incremento de 6 millóns

Ese novo modelo de transporte suporá a integración das liñas escolares coas regulares, no que patronal e sindicatos ven unha redución de servizos e, con ela, de empregos e empresas. As cesións da Xunta aos traballadores nas últimas semanas non impediron que a oposición da patronal seguise a ser frontal, o que sumado ao rexeitamento da CIG de parte dos acordos acadados polo goberno galego con CCOO e UGT fixo que que este mércores o presidente Feijoo acusase á portavoz do BNG, Ana Pontón, de defender “á patronal” e promover unha “pinza” entre esta e o sindicato nacionalista.

Nesa mesma intervención parlamentaria, Feijóo cuantificou a cesión económica que fixo a Xunta aos traballadores a raíz das súas protestas. A subrogación dos postos de traballo vai acompañada dun incremento dun 25% das partidas que a Xunta prevé que cada nova concesionaria teña que destinar ao pagamento de salarios, para que non só se poida garantir a antedita subrogación senón tamén a suba dos salarios con convenios actualizados. Ese incremento do 25% no orzamento que a Xunta prevé que as concesionarias teñan que dedicar a soldos irá acompañado dun incremento similar da subvención que a Xunta destinará a cada concesión, e suporá un total duns catro millóns de euros para os dous anos que durarán as novas concesións -en 2019 a Xunta estenderá o novo modelo a toda Galicia e volverá sacar a concurso as áreas de transporte actualmente a debate, que se concentran fundamentalmente en Ourense-.

A achega por parte da Xunta deses 4 millóns de euros a maiores do previsto inicialmente prodúcese despois de que o PSdeG propuxese destinar 6 millóns de euros máis ao transporte público. Unha medida a socialista, rexeitada polo PP, que propuxo a través dunha emenda á lei pola que a Xunta incorporou esta semana de xeito urxente aos seus orzamentos uns 250 millóns de euros recibidos a maiores do Goberno central unha vez aprobados os orzamentos estatais.

A patronal segue a usar a indefinición económica que di que lle suporá o novo plan como argumento para rexeitar unha actualización dos convenios colectivos, o que á súa vez impide que os traballadores desconvoquen a súa folga

Porén, todo isto non serve para desactivar o conflito porque a patronal segue a usar a indefinición económica que di que lle suporá o novo plan como argumento para frear unha actualización dos convenios colectivos. Fontes da Xunta confíaban en que esta situación se desbloquease agora que o Goberno galego vén de iniciar o proceso de recollida de ofertas e adxudicación das novas concesións. Os argumentos da patronal contrarios ao plan se debilitarán, din, cando as empresas a título individual concorran ao novo plan e comecen a resultar adxudicatarias, lexitimando así implicitamente o novo modelo da Xunta á espera de que a realidade do que suceda a partir de agosto dea e quite razóns a uns e outros.

Para forzar en certo sentido que as propias empresas amosen interese por concursar ao plan que din rexeitar, a Xunta ten na súa man a baza de poder adxudicar os novos servizos a dedo se non atopa empresas interesadas. Isto é, o Goberno galego confía en que as empresas desconfíen unhas de outras e comecen a romper a unidade e a presentarse ao novo plan polo medo de que outras o fagan e sexan elas as que queden sen novos servizos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.