O preacordo de sindicatos e patronal paraliza a folga indefinida de autobuses

Asemblea do persoal na estación de Santiago CC-BY-NC-SA CIG

O presidente da Xunta sinalou este martes pola mañá en sede parlamentaria os que, ao seu xuízo, son os principais culpables do conflito do transporte de viaxeiros que a esa hora aínda mantiña en firme a convocatoria de folga indefinida: a CIG e a patronal, acusou o presidente da Xunta, estaban a facer "unha pinza" contra o Goberno galego e o seu novo plan de autobuses. Apenas doce horas despois sindicatos e patronal, sentados á mesma mesa ao abeiro do Consello Galego de Relacións Laborais, acadaban un preacordo laboral que suspende polo momento o paro indefinido e recupera o marco galego de negociación, isto é, un foro xeral -como pedía o persoal- que se combinará con catro provinciais -como reclamaban as empresas- para abordar a revisión dos convenios colectivos.

Estes novos comités provinciais terán o obxectivo de abordaren a negociación cun "compromiso" xa adquirido. "A revisión das táboas salariais será dun 2%" xa de xeito "inmediato" e, a partir deste acordo inicial, negociaranse o resto de aspectos. A mesa galega recoñécese a si mesma como lexitimada para "presidir" a negociación, "recoñecéndose as partes" a "plena lexitimidade e capacidade" para que o espazo de discusión sexa, en última instancia, o galego.

O preacordo recupera a mesa galega de negociación combinada coas provinciais e implica unha revisión salarial inmediata do 2%

Sobre esta base a comezos da vindeira semana -o luns ou o martes- reuniranse esas comisións provinciais e o mércores, día 19, volverá xuntarse a mesa galega. Será nese punto no que se analice se a folga segue suspendida ou, pola contra, é retomada pola falta de avances nas negociacións. O preacordo acadado na noite deste 12 de xullo estivo supeditado, en calquera caso, á decisión das asembleas do persoal, que o ratificaron este xoves en asembleas celebradas nas estacións de todo o país "por práctica unanimidade", informan os sindicatos.

Tras a ratificación do preacordo por parte do persoal a CIG considerou, a través do seu responsable de Transporte, Xesús Pastoriza, que o pacto non sería posible "sen a solicitude de medicación ao Consello Galego de Relacións Laborais" formulada por este sindicato. "O diálogo e o marco galego saltaran polos aires ao levantarse a patronal da mesa", decisión que "xustificaba por mor da sinatura por parte de CC.OO. e UGT do acordo coa Xunta", di, decisión que ao seu xuízo "só servía para lavarlle a cara á conselleira".

Este novo escenario desactiva, cando menos de momento, o punto de bloqueo ao que chegaran as conversas entre sindicatos e patronal. Como informou este diario, a patronal veu usando a indefinición económica que, di, trae consigo o novo plan de transporte para frear a actualización económica dos convenios. O feito de que ambas partes volvan negociar provocará, en certo xeito, que a Xunta teña que mudar tamén a súa estratexia, toda vez que o Goberno galego agardaba que as empresas perdesen forza nos seus argumentos cando algunhas delas comezasen a ser adxudicatarais das novas liñas, proceso que está a piques de iniciarse.

Un autobús urbano cun cartel informando de que forma parte dos servizos mínimos da folga de transporte CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.