A Xunta atasca cos novos buses do Barbanza máis dun ano despois de anunciar a rescisión a Monbus

A Xunta atasca cos novos buses do Barbanza máis dun ano despois de anunciar a rescisión a Monbus CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego somete a alegacións a nova concesión, na que quere buses directos Ribeira-Santiago cada hora, mentres Monbus segue prestando o servizo ata que se convoque un novo concurso

Tras anos de queixas polo mal funcionamento do servizo, en xullo do pasado ano o conselleiro con competencias en Mobilidade, Diego Calvo, anunciou aos alcaldes do Barbanza que a Xunta ía rescindir a concesión de buses que comunica a comarca entre si e esta con Santiago. Desde 2020 o servizo viña prestándoo Monbus, que seguiu encargada de facelo á espera de que o Goberno galego adxudicase un novo concurso público. 

Máis dun ano despois o servizo segue en mans de Monbus, o novo concurso non ten data e aínda foi este luns cando o Goberno galego aprobou, para sometelo a alegacións, o proxecto da nova concesión, na que vai meter máis cartos públicos para lograr melloras como buses directos Ribeira-Santiago cada hora en días laborables.

Unha das manifestacións para esixir melloras nas conexións do transporte público do Barbanza, en Ribeira en novembro de 2023 © Plataforma Transporte Público Digno Barbanza

A rescisión "de mutuo acordo" da concesión de buses XG847 Comarca do Barbanza foi comunicada pola Xunta en xullo do pasado ano. Pero non foi asinada ata o pasado febreiro e o Goberno galego non a fixo pública ata maio. Unha rescisión na que as dúas partes estableceron que Monbus seguiría a prestar o servizo ata que se adxudique un novo concurso público.

Tras anos de protestas cidadás, Xunta anunciou a rescisión da concesión do Barbanza en xullo do pasado ano, pero non a asinou ata febreiro

14 meses despois do anuncio da Xunta, este luns o Consello da Xunta aprobou o proxecto de servizos dese novo concurso público para o transporte no Barbanza, que aínda non ten data. Segundo avanzou o presidente Rueda, que en ningún momento se referiu a ningún problema coa concesión anterior, o novo contrato prevé a creación de catro novas liñas e ampliar a flota de autobuses a 48, cinco máis que os actuais. Con eses maiores recursos a Xunta quere crear "unha liña por autoestrada cada hora entre Ribeira e Santiago" en xornadas laborables e cada dúas horas nas fins de semana, segundo detallou o propio Rueda.

Concellos atinxidos pola concesión orixinal de autobuses da Xunta no Barbanza outorgada a Monbus que agora o Goberno galego vai reformular CC-BY-NC-SA Xunta

"Recollemos moitas das demandas que estaban formulando os veciños", dixo Rueda, que puxo como exemplos de novos servizos, e polo tanto que antes non se estaban a prestar, "conexións cos centros educativos e sobre todo cos centros sanitarios". Será un redeseño da concesión "para atender as necesidades reais de mobilidade da comarca", di agora a Xunta, á que o Consello de Contas criticou por reordenar as liñas de bus en 2020 sen ter en conta os medios de transporte de cada núcleo de poboación.

Agora o novo proxecto de explotación someterase a exposición pública para recibir alegacións e despois a Xunta aínda deberá convocar e resolver o concurso público, no que nada impide que se volva presentar e gañar Monbus.

A concesión de buses do Barbanza foi a terceira rescindida por insuficiente pola Xunta tras a gran reorganización do transporte por estrada que rematou en 2020 obrigada por unha condena do Tribunal Supremo. Malia que as concesións debían durar dez anos, ata 2030, a mediados de 2024 o Goberno galego xa admitía erros propios e rescindía por "inviable" a primeira concesión, A Coruña-Lugo-A Mariña, que volveu sacar a concurso con melloras grazas a inxectarlle máis cartos públicos. 

Resolución de mutuo acordo da concesión do Barbanza asinada en febreiro pero que segue a prestar Monbus mentres a Xunta non convoque un novo concurso CC-BY-SA Praza Pública

Son xa oito as concesións frustradas en toda Galicia tras a reorganización de liñas de 2020 que o Goberno galego presentou como un "caso de éxito"

Despois a Xunta rescindiría tamén por "mutuo acordo" a concesión A Coruña-Ferrol-Ortigueira-Viveiro-Vilalba-Lugo e a agora redeseñada do Barbanza. E a comezos deste mes fixo o mesmo con outras cinco concesións do sur da provincia de Pontevedra, como avanzou Praza.gal en exclusiva o pasado venres. Deste xeito son xa oito as concesións frustradas tras a reorganización de 2020 que o Goberno galego presentou como un "caso de éxito".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.