Monbus perde (de momento) a batalla coa veciñanza do Barbanza

Autobuses de Monbus, sobre un mapa da concesión XG-847 de transporte público da Xunta, que cobre a comarca do Barbanza CC-BY-NC-SA Praza.ga

A finais de 2020 a Xunta culminou as adxudicacións do novo mapa de autobuses interurbanos de Galicia. Tivera que renovalo non por iniciativa política propia, senón obrigada polo Tribunal Supremo, que cinco anos antes anulara a prórroga xeral de 10 anos que concedera a estas concesións por quebrantar a normativa europea.

A finais de 2020 a Xunta culminou a reestruturación do mapa de buses que acometeu por orde do Supremo. Moitas das novas concesións deron lugar a recorrentes protestas por deficiencias no servizo

Esta reestruturación estivo condicionada por múltiples demoras e remudas internas no departamento de Mobilidade do Goberno galego. Tamén foi parella a diversos conflitos con empresas e persoal. A implantación do novo mapa, non obstante, non trouxo consigo o acougo. E non só porque o Consello de Contas advertirse ao fiscalizalo que a Xunta o trazara sen ter en conta os medios de transporte de cada núcleo de poboación ou porque o TSXG sentenciase que Monbus e Alsa se repartiron o mercado o concurso contravindo as normas da competencia.

Concellos atinxidos pola concesión de autobuses da Xunta no Barbanza, nun mapa incluído no seu plan de explotación en 2020 -no orixinal, coa lenda en castelán- CC-BY-NC-SA Xunta

Moitas das novas concesións deron lugar a queixas diversas en incontables puntos do país por deficiencias dos servizos. Dende atrasos recorrentes a falta de prazas, servizos non prestados ou vehículos en mal estado. Nun gran número de ocasións as protestas das persoas usuarias teñen no albo ao grupo Monbus, a gran dominadora das concesións. Non en van, segundo datos de Contas, a compañía presidida por Raúl López está presente en 49 dun total de 127 cun negocio de 36 millóns ao ano.

Monbus gañou a concesión do Barbanza, que atinxe a concellos que suman máis de 250.000 habitantes, cunha unión de seis empresas do propio grupo xunto a outras catro historicamente ligadas a conexións entre vilas da zona

Unha das contornas nas que estas protestas adquiriron maior dimensión é a comarca do Barbanza a respecto das liña destinada a comunicar a comarca entre si e con Santiago, que suma concellos nos que residen máis de 250.000 persoas. Ata o punto de que, a principios de mes, a Xunta confirmou que accede a rescindir o contrato e sacar o servizo de novo a concurso. Atende así a reclamación aprobada por unanimidade no Parlamento a partir dunha iniciativa do BNG a finais do pasado ano pero, sobre todo, alivia a presión dunhas queixas que mesmo deron lugar á constitución dunha plataforma veciñal apoiada polos concellos da contorna.

Para xestionar a concesión do autobús da comarca do Barbanza presentáranse dúas ofertas formuladas por outras tantas unións temporais de empresas. Unha a UTE Hércules SUR, conformada por oito compañías locais, de pouca dimensión. A outra, a UTE XG-847 (referencia alfanumérica a concesión), compúñana 10 compañías, seis delas do grupo Monbus: Castromil, Empresa Monforte, Eleuterio López y Cía., Auto Industrial e La Hispano Igualadina. Xunto a elas, outras catro de menor dimensión, historicamente ligadas ás conexións entre localidades da zona: Hermanos Ferrín, Agustín Sarasquete, Autos Ramón Outeiral e Autocares Muíños, titulares das concesións previas nunha contorna na que a única grande do sector que operaba era Arriva.

Unha das manifestacións para esixir melloras nas conexións do transporte público do Barbanza, en Ribeira en novembro de 2023 © Plataforma Transporte Público Digno Barbanza

En outubro de 2020 a Xunta culminou a adxudicación á oferta de Monbus, ás que os técnicos atribuíran durante o proceso "valores anormais ou desproporcionados". Unha posible incursión en "temeridade" que, non obstante, deron por aclarada cando a compañía completou o trámite para presentar a documentación que lle requiriron para xustificalo.

As protestas que acabaron levando a Xunta a rescindir o contrato confluíron nunha plataforma que vén denunciando eivas como demoras, supresións de conexións, descoordinación, carencia de prazas ou autobuses en mal estado

Foi así como, en plena pandemia da COVID, Monbus comezou a prestar o servizo no Barbanza. E, pouco despois, agromaron as protestas que contra finais de 2023 confluíron nun único colectivo, a Plataforma por un transporte público digno para o Barbanza. A ela sumáronse dende veciñas e veciños a título individual ata organizacións como asociacións de nais e pais, que unían a problemática específica do transporte escolar á táboa reivindicativa sobre un servizo que, indicaban, tampouco mellorara con engádegas como unha liña específica entre o hospital comarcal e o CHUS de Santiago.

A plataforma reuniu e expuxo ante as institucións o que viña sendo reiterado en moitos ámbitos da contorna. O problema dos autobuses non vén sendo só de puntualidade, que tamén. Ao "incumprimento dos horarios" uniuse a práctica recorrente de "eliminacións de autobuses previstos sen previo aviso", agravando un panorama de "frecuencias escasas nalgunhas parroquias" ou incumprimentos de servizos programados.

O conselleiro Diego Calvo e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reunidos o pasado 4 de xullo cos alcaldes da Pobra, Boiro e Rianxo para confirmarlles que prevén rescindir o contrato con Monbus CC-BY-SA Xunta

Claridade nos horarios, "unha mínima coordinación" entre liñas -como o transporte escolar compartido e o ordinario- para, por exemplo, "non ter que botar dúas horas para chegar dende unha parroquia ao hospital" ou uso de autobuses con prazas suficientes e "en bo estado" engrosaron unha táboa reivindicativa que non deixou de medrar. Mentres, a indignación con Monbus subía de intensidade con episodios concretos coma o da Noiteboa de 2022, cando a supresión de servizos sen previo aviso deu lugar a escenas de forte tensión entre pasaxeiros e persoal condutor ao bordo das bágoas.

A Xunta di esperar un "acordo" para rescindir o contrato a Monbus, que seguirá prestando o servizo ata que sexa adxudicado o novo, ao que tamén podería concorrer

A cancelación do contrato adxudicado en 2020 a Monbus e os seus socios resulta, daquela, unha vitoria das protestas veciñais. Cando menos, momentánea. O agora conselleiro con competencias en materia de Mobilidade, Diego Calvo, indicou aos alcaldes da comarca que prevé resolver o contrato "de mutuo acordo" coa empresa, que será a que continúe prestando o servizo "ata a implantación do novo contrato", o cal mesmo podería eventualmente volver recaer en Monbus, aínda que condicións económicas ou de servizo diferentes.

Mentres, ata chegar ao novo escenario o Goberno galego debe elaborar "un novo anteproxecto de explotación" e sometelo aos diversos trámites, caso da información pública e a audiencia aos concellos. A Xunta evita, polo momento, ofrecer un horizonte temporal concreto para a nova adxudicación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.