En 1921 catro mozas ribeirenses salvaron de morrer afogados a 56 dos pasaxeiros do vapor Santa Isabel que chocara contra unhas rochas na illa de Sálvora
Na madrugada do 2 de xaneiro de 1921 o vapor Santa Isabel chocou contra unhas rochas a 200 metros ao suroeste da illa de Sálvora cando se dirixía a Vilagarcía de Arousa. O buque, equipado con radioteléfono, emitiu unha mensaxe de socorro, "Estamos encima de las rocas de Sál…”, que se interrompeu ao cortarse a electricidade e ningún outro barco puido acudir no seu auxilio. No Santa Isabel viaxaban preto de 300 persoas.
Nese momento María Fernández Oujo, Cipriana Crujeiras, Cipriana Oujo Maneiro e Josefa Parada, catro mozas entre 14 e 24 anos, que vivían na Illa de Sálvora, foron ao rescate dos pasaxeiros nas súas pequenas embarcacións pesqueiras, dornas nas que os ían trasladando aos poucos a terra firme no medio dun forte temporal. No naufraxio faleceron 213 persoas, pero as Heroínas de Sálvora salvaron 56 vidas. En 2019 o filme A illa das mentiras, de Paula Cons, relatou os feitos.
Este venres presentouse nas Palmas o novo buque do Salvamento Marítimo, bautizado como Heroínas de Sálvora, en homenaxe ás catro mozas
Este venres presentouse nas Palmas de Gran Canaria o novo buque do Salvamento Marítimo, a embarcación máis grande, moderno e versátil da frota, bautizado como Heroínas de Sálvora, en homenaxe ás catro mozas. No acto participou o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco e o alcade de Ribeira, Luís Pérez Barral.
No buque investíronse 56,3 millóns de euros e, segundo Óscar Puente, “trátase do mellor buque da frota do noso país destinado a garantir a seguridade marítima e loitar contra a contaminación nos nosos mares"
Puente subliñou que "o novo remolque garantirá unha volta segura á terra de todas as persoas que traballan no mar, que navegan por el ou que gozan del". "Esa tarefa é a que quixemos resaltar ao bautizar o barco co nome de Heroínas de Sálvora", sinalou, "catro valentes mulleres rescatadoras desa illa galega no concello de Ribeira e ao que esta embarcación rende homenaxe”.
No buque investíronse 56,3 millóns de euros e, segundo Óscar Puente, “trátase do mellor buque da frota do noso país destinado a garantir a seguridade marítima e loitar contra a contaminación nos nosos mares" e supón "outro exemplo da aposta decidida deste goberno por modernizar os medios cos que conta SASEMAR”.
“É un buque polivalente que engloba as funcións que ten encomendadas SASEMAR: a procura e o rescate en naufraxios, o remolque de embarcacións avariadas, a extinción de incendios nos buques ou a loita contra verteduras contaminantes na mar”, engadiu Puente antes de detallar que é unha embarcación única e pioneira polas novas tecnoloxías das que dispón.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral (BNG), destacou que “coma ribeirenses estamos orgullosos de que este moderno buque faga homenaxe ás Heroínas de Sálvora co seu nome"
Pola súa banda, o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral (BNG), destacou que “coma ribeirenses estamos orgullosos de que este moderno buque faga homenaxe ás Heroínas de Sálvora co seu nome" e engadiu que "tamén nos honra que 8 galegos conformen esta tripulación dos cales cinco son de Ribeira”.
O rexedor transmitiulle ás autoridades presentes a disponibilidade do concello para que o novo buque recale en Ribeira para que a veciñanza poda contemplalo. Pérez Barral declarou finalmente que “é un motivo de ledicia que o buque permita coñecer a historia do noso Concello e unir máis aínda se cabe os lazos entre Ribeira e as illas Canarias”.
Finalmente, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, agradeceu a "sensibilidade" do Ministerio e
destacou "a forza e solidaridade" desas catro mulleres “que representan o mellor de Galicia”.