Unha ducia de naufraxios na historia da costa galega
Galicia é terra de mar e as súas costas foron historicamente -e seguen a selo- un punto obrigado de paso nas comunicacións marítimas. Isto, unido a condicións meteorolóxicas non sempre favorables e ao carácter recortado e rochoso do litoral -especialmente na Costa da Morte- provocaron un gran número de naufraxios que deixaron, segundo cálculos conservadores, máis de oito mil pecios afundidos, con milleiros de vítimas mortais. Dende o Serpent ao Prestige, repasamos algúns deles ás portas do vinte aniversario do desastre do petroleiro.
-
01
Segunda Armada Invencible (1596)
Naufraxios houbo sempre. O Catálogo de Naufraxios da Costa da Morte, publicado por Rafael Lema detalla algúns desastres de navíos romanos, normandos, andalusís ou barcos de peregrinos que buscaban chegar a Compostela na Idade Media. Un dos primeiros grandes naufraxios documentados tivo lugar en 1596 preto de Fisterra, con máis de 1.700 mariñeiros mortos procedentes de 14 buques afundidos da Armada española que se dirixían a Irlanda a apoiar os rebeldes daquel país na súa loita contra os ingleses, nun desastre (de novo provocado polos "elementos") que tivo lugar apenas uns anos despois dos da Armada Invencible e da Contraarmada de Drake.
-
02
Batalla de Rande (1702)
A ría de Vigo foi escenario en 1702 dunha gran batalla naval entre as escuadras angloneerlandesa e hispanofrancesa no marco da Guerra de Sucesión española. Morreron unhas 2.800 persoas e ducias de barcos ficaron afundidos, algúns deles cunha valiosa carga.
-
03
Santa María Magdalena (1810)
Non só a Costa da Morte foi escenario de grandes naufraxios. En 1810 afundiron en Viveiro a fragata Santa María Magdalena e o bergantín Palomo, no marco da Guerra de Independencia contra Francia, morrendo uns 550 mariñeiros. A expedición partira da Coruña co obxectivo de recuperar Santoña, en mans francesas. Porén, os temporais cantábricos acabaron cos dous buques no fondo do mar.
-
04
RMS Solway (1843)
A segunda metade do século XIX tiveron lugar algúns dos naufraxios máis icónicos da Costa da Morte, que asentaron esta denominación. En 1843 o RMS Solway, un vapor de correo e pasaxeiros, afundiu preto de Baldaio, con 35 vítimas mortais. O suceso tivo unha gran repercusión no Reino Unido, que criticou a España pola ausencia de elementos que mellorasen a seguridade marítima. Durante décadas as embarcacións británicas evitaron o porto da Coruña, optando polo de Vigo.
-
05
HMS Captain (1870)
O buque de guerra británico HMS Captain afundiu en 1870 en Fisterra, un naufraxio no que morreron case 500 persoas debido á forte treboada que atopou na Costa da Morte, pero tamén a importantes erros no seu deseño
-
06
HMS Serpent (1890)
Dúas décadas máis tarde un novo buque de guerra británico afundiu na Costa da Morte. Durante días os cadáveres dos 172 mariñeiros do Serpent foron chegando á costa, onde nos días seguintes foron soterrados no actual Cemiterio dos Ingleses. Só houbo tres superviventes, que levaban algúns dos escasos chalecos salvavidas que había no barco, cuxo uso se xeneralizou nos anos seguintes. O naufraxio tivo tamén un importante impacto no país británico.
-
07
Salier (1896)
O vapor alemán Salier partira de Bremen en dirección a La Plata, en Arxentina, con escalas na Coruña e Vigo. Levaba case 300 emigrantes polacos, rusos e galegos. Á altura de Basoñas, en Porto do Son, as malas condicións do mar provocaron o seu afundimento e a morte de todos os pasaxeiros
-
08
Vapor Santa Isabel (1921)
O Vapor Santa Isabel saíra de Vilagarcía de Arousa en dirección a Cádiz, pero pouco despois de partir, unha forte treboada fixo que chocase contra unhas rochas na Illa de Sálvora. Morreron 213 persoas e só boubo 56 superviventes. Paula Cons levou a súa historia ao cine no filme A Illa das Mentiras.
-
09
As guerras mundiais
Aínda que España non participou nas dúas guerras mundiais, as costas galegas foron escenario de importantes combates nos dous conflitos. Na Primeira Guerra Mundial os submarinos alemáns afundiron 153 barcos no litoral galego, cun número indeterminado de mortes. Na Segunda Guerra Mundial de novo os submarinos alemáns provocaron o afundimento de 75 buques aliados; de igual xeito, os aliados acabaron con 38 submarinos nazis, nos que viaxaban uns 1.400 soldados.
-
10
Centos de pesqueiros
Nesta relación de naufraxios non poden faltar os centos de pesqueiros galegos afundidos preto da costa. No último século cada xeración tivo os seus desastres de sona, nomes que ficaron na memoria (como o Villa de Pitanxo na actualidade) e que se viñan engadir a unha sucesión de traxedias. O Marbel (27 mortos en 1978 nas Cíes), o Azaña (22 mortos en 1932 en Sálvora), o Bahía (10 mortes en 2004 nas Sisargas), o Ave de Mar (26 mortos en Moaña en 1956), o Bonito (8 mortos en Fisterra en 1960), ou o Los Tonechos (9 mortos en 1991 en Laxe) son son algúns deles
-
11
Cason (1987)
O 5 de decembro de 1987 o Cason, un cargueiro panameño que transportaba unha carga de 1.100 toneladas de produtos químicos, acabou varando na Punta do Castelo da praia do Rostro por mor dun temporal fronte ás costas de Fisterra. Morreron 23 dos 31 tripulantes do navío, todos de nacionalidade chinesa. Nos días seguintes houbo desinformación, descoordinación e mentiras oficiais por parte dos gobernos e os bidóns foron paseados por media Galicia, dende a costa da Morte a Guitiriz e despois a San Cibrao.
-
12
Prestige (2002)
Nas últimas décadas, ademais de pesqueiros, a costa galega viviu unha sucesión de afundimentos e accidentes de buques que transportaban mercadorías perigosas, dende petróleo a outras substancias tóxicas. Nas mobilizacións que tiveron lugar a raíz da catástrofe do Prestige, repetíase unha letanía de nomes que evocaban unha sucesión de traxedias demasiado recentes: Polycommander, Urquiola, Andros Patria, Casón, Mar Egeo, Prestige... En dúas semanas conmemórase o 20 aniversario do afundimento deste último buque. Con esta peza interactiva contamos en Praza o 15 aniversario