A ocupación privada da costa segue no centro da axenda política. Quer polas reivindicacións ecoloxistas ou medidas gobernamentais encamiñadas a previr ou paliar as consecuencias do cambio climático, quen pola ansia da Xunta por controlar e prorrogar durante décadas esas ocupacións.
Nesa campaña o Goberno galego do PP obtivo nos últimos tempos unha notable vitoria política co aval do Tribunal Constitucional á súa lei do litoral. Pero tamén unha derrota, ao anular o propio TC a súa intención de limitar a 15 anos contados dende 2023 o período no que actuar contra construcións ilegais existentes na costa.
Con este pano de fondo e mentres a lexislación estatal e europea vai na liña de liberar de ocupación privada o dominio público marítimo-terrestre (a franxa litoral) e a súa contorna, en Galicia agroman de cando en vez exemplos sobre a complexidade de facela efectiva. E, máis concretamente, do dificultoso e lento é rexenerar ou recuperar zonas costeiras ocupadas en contraste coa rapidez e estabilidade que logran as novas ocupacións. É o que vén de suceder no lugar da Ribeiriña, no concello barbanzán da Pobra do Caramiñal.
A rexeneración ambiental da contorna onde foi construída en 1908 a conserveira 'La onza de oro' permite "reverter ao seu estado natural" uns 5.500 metros cadrados e mesmo 'resucitar' un anaco de praia
A finais do pasado abril o Goberno de España e o Concello da Pobra ratificaron a apertura "para o goce da cidadanía" da costa da Ribeiriña tras a súa "rexeneración ambiental". Trátase dunha intervención iniciada en 2023 ao abeiro de 800.000 euros dos Fondos Europeos de Recuperación, pero procurada dende moito antes para tentar recuperar os terreos onde noutrora operaran dúas industrias, a conserveira La Onza de Oro e a fábrica de fariñas de peixe Hadasa, que cesaron as súas actividades a mediados dos 90 e a principios deste século, respectivamente.
No caso da factoría, a nave que ocupaba foi derrubada en 2010. Non así a de Hadasa, esquelete ruinoso que se mantén en pé entre preitos e recursos dos acredores da antiga empresa, virando así en dificultade para uns traballos que, non obstante, conseguiron "reverter ao seu estado natural unha área de aproximadamente 5.500 metros cadrados", destacan dende o Concello pobrense, cuxo alcalde, José Carlos Vidal (Nós Pobra), reitera que a intención do consistorio é "seguir traballando" para lograr derrubala.
A rexeneración da Ribeiriña, que mesmo logrou resucitar un anaco de praia sepultado dende 1908, coa construción de La Onza de Oro, implicou demoler unha explanada, coieiras e ramplas da antiga fábrica. Ademais, onde antes había unha instalación industrial e os seus restos agora quedou aberta unha senda peonil que actúa tanto como paseo de lecer como de espazo "de transición" entre litoral e vivendas da zona.
A zona litoral rexenerada está a apenas tres quilómetros de dous exemplos no sentido contrario: senllos recheos executados en 2001 e 2014 para usar como aparcadoiro de coches privados e instalar unha gasolineira
Dáse a circunstancia de que esta recuperación de terreos ocupados á beira ou mesmo sobre o mar -en rigor, sobre a ría de Arousa- foi lograda a apenas tres quilómetros de cando menos dous exemplos xusto no sentido contrario executados non como a devandita conserveira hai máis de cen anos, senón xa no século XXI. O máis recente foi a concesión outorgada pola Xunta en 2014 para a construción e explotación dunha gasolineira preto do porto que implicou un novo recheo de 1.500 metros cadrados. Malia á forte oposición veciñal, as obras foron executadas e a gasolineira segue operando baixo a marca Avia.
Apenas unha década antes, en 2001, Portos de Galicia impulsou outro recheo na ría, este en pleno núcleo da Pobra e cuns 10.000 metros cadrados, co obxectivo principal de destinalo a aparcadoiro de coches privados, finalidade que mantén na actualidade. Como na instalación da gasolineira, a obra tivo o visto e prace e mesmo o aplauso do daquela goberno local do PP, que perdeu a alcaldía en 2015 e estivo a piques de retornar a ela tras uns comicios municipais de 2023 nos que o seu candidato, Manuel Durán, incluíu en carteis da súa propaganda unha fotografía panorámica, precisamente, dese recheo-aparcadoiro.