O tribunal de garantías atende o recurso do Goberno de España e anula os artigos da lei de acompañamento dos primeiros orzamentos de Rueda nos que se limitaba a actuar contra obras ilegais no litoral rematadas nun máximo da anterior década e media
O pasado abril o Goberno galego do PP logrou unha relevante vitoria política co aval do Tribunal Constitucional á lei do litoral. En síntese, e á espera da publicación íntegra da sentenza, o tribunal de garantías avalou a competencia da Xunta para xestionar as autorizacións de uso e ocupación da costa ao abeiro do Estatuto de 1981, sen ter que modificalo.
Este 8 de maio, non obstante, o TC vén de avanzar outro pronunciamento que embaza un chisco os plans do Executivo galego na materia. Faino declarando inconstitucional unha das múltiplas reformas introducidas na lei de acompañamento dos Orzamentos de 2022, os primeiros con Alfonso Rueda como presidente. A través dese controvertido mecanismo lexislativo, a Xunta autolimitouse cun máximo de 15 anos o período no que podería actuar contra obras ilegais existentes na costa. Agora o Constitucional anula eses preceptos.
Concretamente, o pleno do TC estima o recurso interposto polo Goberno de España contra os artigos 10 e 11 e unha disposición transitoria da norma. Comeza anulando o artigo 10.1, no que a Xunta indicaba que as súas competencias para obrigar a desfacer "actuacións contrarias ao disposto na lexislación en materia de costas" ou indemnizar "danos irreparables" na zona de servidume de protección do dominio público marítmo-terrestre (os 100 metros lindeiros cos terreos públicos da beira do mar, nalgúns casos ampliables a 200) se limitaban a "quince anos contados dende a terminación" das obras ou actuacións ilegais. É dicir, dende 2008.
O TC considera que o prazo fixado pola Xunta non está amparado pola lei estatal de costas
Indica o TC que declara inconstitucional esa decisión porque ese prazo de quince anos non está cuberto pola Lei de Costas, unha norma estatal "de carácter básico" que é a que corresponde "establecer limitacións no uso" destes terreos. E, no caso no que lexislou a Xunta, non fixa "ningún prazo" máximo para actuar contra as ilegalidades.
Ademais, suprime o artigo 11 porque reproduce un artigo da devandita lei estatal (o 95.1), o que sitúa en 15 anos a prescrición dunha orde da administración para reverter unha obra ilegal na costa. Pero non o fai para "facilitar a comprensión da lexislación autonómica de desenvolvemento", senón introducindo "alteracións a respecto do contido da lei estatal".
Por último, o TC elimina tamén os artigos que desenvolvían os recorridos polo Goberno de España. Tamén a disposición transitoria no que a Xunta indicaba é que ese máximo de 15 anos sería aplicable a obras e construcións "existentes no momento da entrada en vigor desta lei", isto é, o 1 de xaneiro de 2023. Como no caso do aval á lei do litoral, esta sentenza tamén incluirá un voto particular, neste caso asinado por Enrique Arnaldo, maxistrado nomeado a proposta do PP cuxo nomeamento foi acompañado dunha ampla controversia pola súa traxectoria anterior.