De avaliacións ambientais máis "simples" a expropiacións por non limpar leiras: a Xunta usa os orzamentos para mudar 34 leis

Matogueiras no Macizo Central ourensán, protexido pola Rede Natura 2000, espazos nos que se facilitan as rozas e queimas CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego substitúe a licenza de primeira ocupación das vivendas que tiñan que outorgar os concellos por unha comunicación previa por parte do propietario e facilita novos parques eólicos afectados pola moratoria que aprobou hai un ano

34 leis e nove decretos, cifras notablemente superiores ás de anos anteriores. Son as que o Goberno galego modificará a través da lei de acompañamento dos orzamentos para o próximo ano, reducindo así o debate que terían todas esas reformas se as fixese de xeito individual. 

Son mudanzas legais que afectarán a todo tipo de normas sectoriais, desde as urbanísticas e ambientais ata as económicas e sanitarias, e en moitos casos serán reformas de textos xa reformados en anos anteriores a través doutras leis de acompañamento ou de leis elaboradas hai menos de dous anos, como as de recuperación da terra agraria, xa corrixida hai un ano, ou a de reactivación económica.

Vivendas en Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

En materia de urbanismo, unha das mudanzas máis significativas será a substitución das licenzas de primeira ocupación de vivendas que ata agora outorgaban os concellos a petición dos interesados por unha comunicación previa por parte do propietario, en liña con outros eidos de actividade económica nos que nos últimos anos o Goberno galego vén substituíndo o control a priori pola supervisión a posteriori ou a introdución de empresas colaboradoras que axilicen os trámites das administracións. 

Neste caso, a Xunta argumenta que “dada a amplitude dos prazos de resolución das licenzas de primeira ocupación, particularmente nos concellos que teñen que tramitar un elevado número de solicitudes, óptase por dar un paso máis na senda da simplificación administrativa iniciada hai anos pola administración autonómica galega, substituíndo o réxime de licenza urbanística polo de comunicación previa para a primeira ocupación dos edificios”. 

O Goberno galego tamén elevará de 30 a 50 anos o réxime de protección das vivendas protexidas de promoción pública, para “garantir que estas vivendas se destinen efectivamente ás persoas que realmente as necesitan”. Igualmente, flexibilizará determinadas construcións en solo rústico, reformula as esixencias de abastecemento de auga para construír en núcleos rurais.

Asemade, facilitará queimas e rozas en determinados hábitats protexidos pola Rede Natura 2000 que afondarán na autorización de novos usos introducida o pasado ano e dotarase de maior capacidade de actuación sobre terreos privados que non sexan limpados polos seus propietarios. Incidce mesmo na posibilidade de expropialos “no caso de que os custos acumulados da execución subsidiaria dos traballos de xestión da biomasa” superen o valor catastral da parcela.

Parques eólicos na serra do Xistral CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta tamén corrixe obrigada varios cambios legais previos que o Goberno de España ameazou con levar ao Tribunal Constitucional

A Xunta tamén simplificará determinados procedementos de avaliación ambiental, que implicaban que tras unha primeira petición por parte do promotor do proxecto sinalando os seus posibles efectos ambientais, a administración emitía un denominado “documento de alcance” no que se fixaban os criterios e grao de detalle que debían ter as avaliacións ambientais que debían realizarse a continuación. Fronte a ese documento de alcance específico ditado pola administración para cada proxecto concreto, agora a Xunta terá documentos “de referencia” para avaliar ambientalmente cada grupo de proxectos do mesmo tipo.

Outra das modificacións que impulsa a Xunta irá dirixida a corrixir a moratoria de novos parques eólicos que ela mesma aprobou hai un ano ata a primavera do próximo ano, ás portas das eleccións municipais. Ela mesma admitiu que non era quen de tramitar todas as solicitudes que recibía e vetou a entrada de novas peticións, deixándose a porta aberta a validar as que considerase que teñen especial incidencia territorial. Pero agora a esa excepción engade outra, a de que se poidan tramitar os proxectos que solicitasen permiso de conexión á rede antes da entrada en vigor da moratoria e o obtivesen despois.

A Xunta tamén aproveita a nova lei de acompañamento para aclarar que a súa moratoria só afecta aos parques eólicos de competencia autonómica, os de menos de 50 MW, e non aos de competencia estatal, aos que por outra parte tamén será de aplicación a axilización de prazos de tramitación contemplada na figura da iniciativa empresarial prioritaria que creou en 2017.

A correción no eido eólico a petición do Estado é só unha das varias reformas que o Goberno galego se ve obrigado a facer agora despois de que o central o ameazase con levalo ao Tribunal Constitucional por invadir as súas competencias. A Xunta tamén aproveita a nova lei de acompañamento para corrixir a súa invasión de competencias estatais nas disposicións coas que na lei de acompañamento do ano pasado fixou obrigas de planificar as rozas preventivas contra incendios e facilitou compensacións económicas a empresas adxudicatarias de obras públicas por encarecementos de materiais.

Porto de Ribadeo, titularidade da Xunta © Turgalicia

Ademais das xa avanzadas rebaixas de impostos do patrimonio e da renda, tamén se reducen taxas de ocupación de espazos públicos nos peiraos

En materia económica a lei de acompañamento tamén confirma as rebaixas nos impostos do patrimonio e da renda xa anunciadas nas últimas semanas e incorpora diversas novas rebaixas ou conxelacións de taxas, como unha exención da taxa por ocupación de espazos públicos nos peiraos de Portos de Galicia. A Axencia Tributaria Galega, pola súa banda, irá asumindo as funcións de recadación que ata agora a Xunta delegara en colaboradores territoriais. O Goberno galego tamén eleva as contías da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e introduce as mulleres vítimas de explotación sexual como colectivo que tamén pode recibir a prestación periódica para as mulleres vítimas de violencia de xénero. E en materia sanitaria créase legalmente o Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades..

Estas son algunhas das moitas mudanzas que introduce a lei de acompañamento en todo tipo de normas previas, pero poderían non quedar aquí xa que en anos anteriores o PP xa recorreu á estratexia de introducir coas súas emendas parlamentarias novas cuestións non contempladas inicialmente pola Xunta no proxecto remitido ao parlamento. De entrada xa é previsible cando menos unha corrección técnica da lei xa que o documento remitido pola Xunta comete o erro de repetir textualmente varios artigos referentes a mudanzas no eido do Medio Rural. 

Leis que muda a lei de acompañamento dos orzamentos de 2023 [aquí o PDF co texto íntegro da lei]:

  • Lei 6/1995, do 28 de xuño, pola que se crea o Consello Económico e Social
  • Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos por estrada
  • Lei 10/2003, do 26 de decembro, sobre o acceso ao contorno das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia
  • Lei 11/2004, do 19 de novembro, de inspección de consumo
  • Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais
  • Lei 11/2007, do 27 de xullo para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero
  • Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde
  • Lei 8/2009, de 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental
  • Lei 9/2010, de 4 de novembro, de augas
  • Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior
  • Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico
  • Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias
  • Lei 6/2012 do 19 de xuño, de xuventude
  • Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes
  • Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, entrega o proxecto de orzamentos e a lei de acompañamento para 2023 CC-BY-SA Xunta de Galicia
  • Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación
  • Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas
  • Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social
  • Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza
  • Lei 2/2015, de 29 de abril, de emprego público
  • Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo
  • Lei 4/2016, do 4 de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público
  • Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural
  • Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de companía
  • Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais
  • Lei 7/2017, do 14 de decembro, de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica
  • Lei 3/2019 de 2 de xullo, de ordenación farmacéutica
  • Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital
  • Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade
  • Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados
  • Lei 8/2021, do 25 de febreiro, de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde
  • Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica
  • Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria
  • Lei 18/2021, de 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

Decretos que muda a lei de acompañamento dos orzamentos de 2023:

  • Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000
  • Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes
  • Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada
  • Decreto 84/2012, do 10 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre
  • Decreto 149/2013 , do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo
  • Decreto 14/2019, do 31 de xaneiro, de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, no relativo á tramitación da renda de inclusión social de Galicia e das axudas de inclusión social
  • Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro
  • Decreto 202/2012, do 18 de outubro polo que se aproba o Estatuto da Axencia Tributaria de Galicia
  • Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.