O Goberno galego reforma por novena vez a lei de incendios de 2007 tras prometer unha nova e admite erros e confusións en normas que el mesmo elaborou
Como cada ano desde que Feijóo ocupa a presidencia da Xunta, o Goberno galego está a impulsar a través dunha lei de acompañamento dos orzamentos para o próximo ano a reforma de todo tipo de normas previas. Desta volta serán 27 leis as que mudarán cun procedemento de tramitación acelerada e con menos debate que Fraga empregou na metade dos anos que estivo na Xunta e ao que renunciou o executivo de PSdeG e BNG. Pola contra, o actual Goberno galego, que se publicita como "fiable", non só o emprega todos os anos senón que o fai para reformar leis aprobadas nese mesmo ano, como nesta ocasión ocorrerá con tres normas aprobadas en 2021, as de ordenación do territorio de xaneiro, reactivación económica de febreiro e recuperación da terra agraria de maio.
Na lei de acompañamento deste ano a Xunta admite que non dá tramitado todos os parques eólicos que lle piden e establece que ata as municipais de 2023 só impulsará os que ela mesma considere relevantes e muda a lei de emprego público para prorrogar medidas tomadas pola pandemia. Tamén reforma a reforma que o PP aprobou en febreiro da Lei de Saúde de 2008 para permitir a vacinación obrigatoria. O Goberno de España levou ese precepto ao Tribunal Constitucional e agora o Goberno galego culmina a súa rectificación dando marcha atrás e mudando novamente a lei de saúde, por décima vez e a través da lei de acompañamento, para deixar claro o “carácter voluntario” da vacinación.
O número de leis totais que a Xunta muda cos orzamentos de 2022, 27, é similar ao dos últimos anos, con 26 leis reformadas na lei de acompañamento para 2021, 30 no ano anterior e 24 na lei de acompañamento para 2019. Tamén se repite a insistencia en mudar todos os anos as mesmas leis, de xeito que durante o que vai desta lexislatura e cando menos durante toda a anterior, ao longo de seis anos consecutivos, a Xunta mudou cada ano a través das leis de acompañamento as leis do solo (orixinal de 2016 e xa mudada dez veces, seis a través das leis de acompañamento e outras catro a través doutras leis), de servizos sociais (de 2008 e mudada 14 veces) e de emprego público (de 2015 e mudada un total de oito veces). Estes son algúns dos principais cambios deste ano, en ocasións motivados por "erros" ou "confusións" nas leis previas impulsadas polo propio Goberno galego:
Obriga de xestionar a biomasa para previr incendios durante “todo o ano”
Na presentación hai un ano dos seus orzamentos para este 2021 o conselleiro de Medio Rural anunciou que a Xunta impulsaría unha nova lei de incendios que actualizase a de 2007, que neste tempo foi mudada oito veces. Porén, esa nova lei aínda non ten data e a Xunta opta por reformar novamente, por novena vez, a anterior, desta volta para “clarexar que a obriga de xestionar a biomasa se estende a todo o ano” e mudar o sistema de xestión dese tipo de limpezas para previr lumes.
Vivendas protexidas de adxudicación directa e rebaixa de sancións
Inclúese a posibilidade “adxudicación directa” por parte da Xunta de vivendas protexidas, sen pasar polo habitual sistema de listas de solicitantes e sorteo, “para atender a necesidades urxentes” como “especial vulnerabilidade social ou risco de exclusión”, perda da vivenda habitual como consecuencia de castástrofes ou mulleres vítimas de violencia de xénero en situación de precariedade económica.
Nese mesmo eido da vivenda protexida rebáixanse os distintos niveis de sancións por usos ilegais ao entender a Xunta que as contías que rexían ata agora eran excesivas “xa que na práctica supón que persoas cun baixo nivel de ingresos poidan ser sancionadas con multas que poden chegar a quintuplicar o valor da vivenda”. Se ata agora as sancións moi graves como usar máis dunha vivenda protexida sen autorización, vendelas antes do prazo legal ou alugalas implicaban multas de 30.001 a 600.000 euros, agora pasan a entre 15.001 e 30.000 euros.
Tamén se crea un fondo de cooperación para financiar a compra e promoción de vivendas por parte dos concellos. Serán préstamos sen xuros que procederán das fianzas de arrendamentos que os propietarios teñen a obriga de depositar ante a Xunta.
“Flexibiliza” os usos do territorio
Ademais de poder autorizar usos non previstos en espazos protexidos para facilitar “novas estratexias de produción” ou de autorizar nas zonas de maior valor ecolóxico da Rede Natura peches e valados opacos e mesmo de formigón, a lei de acompañamento muda as leis do solo e do territorio para flexibilizar outro tipo de usos do mesmo. Por unha banda “preténdese facilitar a implantación de usos industriais ou terciarios nos pequenos concellos que non conten con planeamento urbanístico xeral ou Plan Básico Autonómico, sen limitar a que tales actuacións teñan que ser necesariamente de carácter público”.
Consolidación da lei de acompañamento de 2017 como “a regulación sectorial de maior calado” no sector do transporte
A aposta da Xunta polas leis de acompañamento como vía para lexislar de xeito acelerado chega este ano ao punto de que o Goberno galego admite que a través destas normas non só muda outras leis previas senón que mesmo está a crear nova lexislación de carácter xeral. Na lei de acompañamento deste ano a Xunta a di que a lei de acompañamento de 2017 “estableceu a principal regulación da nosa Comunidade Autónoma en materia de transprote público de viaxeiros/as” e engade que “en defecto dunha norma legal de carácter xeral, a dita lei vén a constituír a regulación sectorial de maior calado neste ámbito”. Así, agora a Xunta decide crear nova lexislación a respecto das estacións de autobuses (requisitos técnicos, das súas concesións, ou financiamento), cuestións que se obviaran na gran regulación do sector do transporte aprobada en 2017, e faino modificando aquela lei de acompañamento a través da deste ano.
Suba de taxas e mantemento de bonificacións ao xogo
O obxectivo inicial que tiñan as leis de acompañamento era o de mudar outras leis de tipo económico que tiveran relación directa cos ingresos e gastos previstos nos orzamentos, como as leis reguladoras de taxas ou impostos. Neste caso a deste ano concreta a mudanza do sistema de treitos autonómicos do IRPF avanzada polo presidente Feijóo, reducindo un 0,10% os tipos aplicables nos treitos máis baixos e mudando os límites e subindo os tipos nos treitos medios e altos. Tamén rebaixa un 25% a cota do imposto sobre o patrimonio, que en 2019 afectou a unhas 8.000 persoas cun patrimonio duns 50.000 millóns de euros. Igualmente, o tipo normal do imposto de transmisións patrimoniais baixará do 10% ao 9%.
Pero ao tempo tamén soben as taxas de contía fixa que cobra a Xunta por algúns dos seus trámites ou servizos. E mantéñense diversas bonificacións ao xogo en liña coas xa aplicadas hai un ano para “paliar os efectos” da pandemia.
Estas son todas as leis previas que muda a lei de acompañamento dos orzamentos de 2022:
- Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais man común
- Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas
- Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación
- Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais
- Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais
- Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais
- Lei 8/2008, de 10 de xullo, de saúde
- Lei 8/2009, de 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental
- Lei 8/2011, do 3 de decembro, de pesca
- Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias
- Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes
- Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda
- Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario
- Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas
- Lei 14/2013, do 26 de decembro de racionalización do sector público autonómico
- Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público
- Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria
- Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo
- Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración Xeral
- Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos
- Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas
- Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade
- Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio
- Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica
- Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria
- Decreto Lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.
- Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia