O Goberno galego emprega outra volta a lei de acompañamento dos orzamentos para manter en 2022 decisións “derivadas da situación de emerxencia sanitaria”, que desactivará a próxima semana, e incluír novas mudanzas
Como cada ano desde que Feijóo preside a Xunta o Goberno galego volverá empregar a lei de orzamentos que prevé entregar a próxima semana no Parlamento de Galicia para tramitar con ela de xeito acelerado e con menos debate unha lei de acompañamento coa que mudará todo tipo de normas previas. Entre elas, este ano volverase reformar a Lei de Emprego Público de Galicia, de 2015 e que nestes seis anos xa foi corrixida en oito ocasións de xeito directo ou indirecto entre reiteradas críticas dos sindicatos por falta de diálogo.
Desta volta, os cambios afectarán a unha vintena de disposicións da norma existente ata agora. Algunhas delas, para manter en 2022 medidas tomadas pola pandemia e outras para introducir novas mudanzas como ampliar os prazos de traslados voluntarios a “sectores prioritarios” ou as sancións por fraude en oposicións.
Na lei de acompañamento do pasado ano a Xunta estableceu diversas medidas “derivadas da situación de emerxencia sanitaria” para facilitarse a contratación de persoal sanitario con carácter laboral temporal ou funcionario interino. Esa situación de emerxencia sanitaria, segundo avanzou esta semana o presidente Feijóo, será levantada a próxima semana, polo que a nova lei de acompañamento mantenas “durante o ano 2022” pero agora sen ampararse nesa figura.
Entre as medidas que poderá seguir tomando a Xunta están as de contratar ese persoal, cando non o atope nas súas listas de contratación, directamente nas oficinas do servizo público de emprego ou entre o persoal penalizado nas listas. Tamén poderá seguir contratando persoal sen certificado de coñecemento da lingua galega cando non o haxa nas listas de contratación.
Amplía os prazos de traslados voluntarios a “sectores prioritarios” ou as sancións por fraude en oposicións, ademais de manter a posibilidade de contratar persoal sanitario nas oficinas de emprego ou sen certificado de galego
Por outra banda, a lei de acompañamento tamén mudará os prazos para os traslados voluntarios de persoal a “sectores prioritarios da actividade pública con necesidades específicas de efectivos”. Se ata agora a lei de emprego público prevía seis meses prorrogables por outros seis, agora pasa a ser un ano prorrogable por outro ano.
A reforma legal que se introducirá xunto cos orzamentos tamén inclúe como novas faltas moi graves ou graves novos tipos de fraudes nos procesos de selección de persoal. Cando unha persoa intente obter os resultados dunha proba de acceso con dispositivos electrónicos será considerada falta moi grave, e cando o intente sen eses dispositivos será falta grave, situacións que serán sancionadas con cinco e dous anos sen poder participar novamente en procesos selectivos.
A reforma da Lei de Emprego Público que se fará a través da lei de acompañamento dos orzamentos tamén regulará distintos aspectos da funcionarización de empregados públicos e, segundo denunciou este mesmo xoves o sindicato CSIF, recortará o dereito á promoción interna dos funcionarios de carreira. Todas estas reformas legais, sexan para manter un ano máis medidas temporais pola pandemia que decaerían ou mudar outras disposicións do emprego público serán agora tramitadas de xeito acelerado grazas á lei de acompañamento e evitando un debate máis amplo cos sindicatos, aos que a Xunta entregou este xoves o borrador do texto que pretende levar xa a próxima semana ao Parlamento.