A anterior redacción obviaba as embarcacións por baixo de determinadas esloras e establecía o paradoxo de que a inclusión no Banco agrario se realizase “por solicitude das persoas interesadas cuxa explotación estea incluída no Banco”
A Xunta vén aproveitando a tramitación dos seus orzamentos de cada ano para aprobar con eles sucesivas leis de acompañamento que non sempre teñen relación coas contas públicas senón que son aproveitadas para mudar todo tipo de normas previas dun xeito máis rápido e con menos debate que se o fixese por separado. Así o volveu facer este ano, mudando ao tempo 27 leis dispares e mesmo introducindo o PP emendas de última hora ás propostas iniciais da Xunta. Unha sucesión de mudanzas legais na que a Xunta admite que se cometeron “erros” e que obrigaron este xoves a publicar diversas correccións no Diario Oficial de Galicia (DOG).
As catro páxinas publicadas agora de correccións de erros na lei de acompañamento dos orzamentos que está en vigor desde o pasado 1 de xaneiro deixan en evidencia que a redacción orixinal da norma obviara a existencia de embarcacións por baixo de determinadas esloras. A lei de acompañamento pretendía actualizar as taxas que todo tipo de embarcacións deben pagar a Portos de Galicia polo uso das súas instalacións para amarrar, descargar ou outras actividades.
Son taxas que nalgúns casos teñen como criterio de cobro a eslora ou lonxitude da embarcación, pero en cinco casos as escalas de lonxitudes foron comezadas na redacción agora corrixida cun primeiro nivel no que en lugar de falar de esloras menores ou iguais a 8 ou 10 metros, segundo cada concepto, a Xunta puxo só o símbolo =, e obviouse o <. Iso facía que as embarcacións con menos desa lonxitude quedasen exentas da taxa, o que agora corrixe engadindo o símbolo <.
Outro dos erros agora corrixidos era un paradoxo que impedía a incorporación de novas explotacións agrarias ao banco que a Xunta creou para intentar garantir a continuidade e o relevo xeracional das mesmas. A lei de acompañamento deste ano estableceu que a inclusión de explotacións no banco debía iniciarse “por solicitude das persoas interesadas cuxa explotación estea incluída no banco”, e agora corríxese esa redacción pola de que a inclusión iniciarase “por solicitude das persoas interesadas en que a súa explotación estea incluída no banco”.
A norma pasa de permitir que persoas con terras en reestruturación parcelaria poidan "asignar" a outras compromisos de venda ou arrendamento a que os poidan "asinar" elas mesmas
As catro páxinas de corrección de erros tamén mudan verbas que cunha soa letra facían variar notablemente o significado e aplicación da norma en cuestión. Así, nun artigo referido ás persoas propietarias de terras que vaian ser obxecto de reestruturación parcelaria, a redacción de hai mes e medio establecía que poderían “asignar” a outras persoas compromisos de venda ou arrendamento, e agora a nova redacción di que o que poden é “asinar” elas ese tipo de compromisos.
A lei de acompañamento que agora se corrixe xa foi empregada pola Xunta para corrixir outra reforma legal previa coa que borrara "por erro" máis de 300 palabras
Estas correccións á lei de acompañamento en vigor desde hai mes e medio engádense ás correccións que a propia lei de acompañamento realizou precisamente dunha norma previa sobre terras agrarias. O pasado maio a Xunta borrou "por erro" da lei agraria o proceso para trasladar concentracións parcelarias ao catastro. Ao querer engadir nesa lei 26 palabras para ampliar un prazo, redactou mal a reforma e borrou máis de 300 palabras que deixaron sen contido unha disposición que foi recuperada a través da lei de acompañamento.