Ademais de admitir os populares “erros” nas sucesivas redaccións propostas para a nova norma, o Goberno galego escenifica a participación do seu comité de expertos económicos na elaboración dun texto que leva dous meses a tramitación no Parlamento
A Lei de Reactivación Económica que o PP está a tramitar no Parlamento de Galicia desde hai dous meses e que reforma diversas normas previas seguirá abrindo a man en cuestións ambientais, agora tamén nos prazos de caducidade das avaliacións de impacto de determinados plans e proxectos con efectos sobre o territorio. Será a través dunha "corrección de erros" formulada polos populares ás súas propias emendas realizadas a un texto proposto por eles mesmos. Ao tempo, e malia que a iniciativa é do PP e leva dous meses en tramitación no Parlamento, o Goberno galego escenifica agora a suposta colaboración no mesmo do seu comité de expertos económicos.
Foi o 7 de decembro cando o PP -e non a Xunta, como adoita ser habitual- presentou no Parlamento a súa proposición de Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, na que se reforman diversas normas previas para dar “seguridade xurídica” ás empresas. Coa nova norma a Xunta deixará en mans de entidades de colaboración parte da tramitación ambiental de proxecto empresariais, poderá autorizar parques eólicos non previstos na súa propia planificación para o sector, contratará empresas para axudar a outras empresas a obter os seus permisos ou substituirá autorizacións administrativas por declaracións responsables previas.
Mes e medio despois de presentar ese texto no Parlamento, cun total de 64 artigos, o PP formulou 46 emendas contra si mesmo coas que engadiu outros 13 artigos completamente novos. Entre outras cuestións reduciu os requisitos para xustificar subvencións da Xunta e estableceu mecanismos para que o Goberno galego poida trasladar o seu funcionariado de consellerías.
Pero non quedaron aí os cambios e posteriormente os populares aínda presentaron unha “corrección de erros” das súas propias emendas contra si mesmos. Un documento co que retiran unha emenda e mudan outra para engadir ao texto orixinal tres novas particularidades aos procedementos de avaliación ambiental estratéxica.
A nova "corrección de erros" amplía ata seis ou oito anos a vixencia das declaracións ambientais coas que a Xunta autoriza plans con impacto no territorio
O texto anterior facía referencia a unha suposta mudanza dos prazos de vixencia e caducidade das declaracións ambientais que autorizan e condicionan determinadas proxectos, pero esa mudanza non se concretaba. É agora na “corrección de erros” na que se establece que a vixencia das declaracións ambientais estratéxicas ordinarias rematará aos catro anos da súa publicación no Diario Oficial de Galicia se mentres non se aproba o plan para o que foron emitidas, e establece a posibilidade dunha prórroga doutros dous anos se así o decide a propia Xunta, co que a caducidade desas declaracións esténdese ata os seis anos desde a súa formulación.
Pola súa banda, para os procedementos de avaliación ambiental estratéxica simplificada -cando os efectos das actuacións sobre o territorio se entende que son menores-, a vixencia das declaracións cesará se non se aproba o plan para o que se emitiron nun prazo de seis anos, pero establecendo tamén unha posible prórroga doutros dous anos, co que a caducidade elévase ata os oito anos. A corrección de erros tamén reduce outros prazos previos de tramitación desas declaracións.
O comité de expertos económicos fai agora achegas á Xunta a unha norma que tramita o PP e que o propio Feijóo gabou desde o atril de presidente do Goberno galego
Por outra banda, con estas emendas e correccións de erros xa presentadas a unha lei que leva dous meses a tramitación no Parlamento, o mércores o presidente Feijóo presidiu unha reunión co comité de expertos económicos que asesora o seu Goberno que lle fixeron “unha serie de achegas concretas á futura lei”. Son achegas formuladas á Xunta e non ao PP, que é quen está a tramitar a norma no Parlamento, e prodúcense despois de que o propio Feijóo anunciase a presentación da norma por parte do seu partido desde o atril de presidente do Goberno galego, gabando desde alí o traballo dunha formación política e non da Xunta.
Dous meses despois de iniciar esa tramitación o PP, agora a Xunta di que o comité de expertos sinalou este mércores “a necesidade de afondar en liñas de traballo adicionais” ás avanzadas no texto e que “fixeron unha serie de achegas concretas á futura lei, na liña de mellorar a coordinación entre organismos administrativos; axilizar a tramitación de convenios; potenciar as oficinas virtuais; ou axilizar convenios financiables con fondos europeos”. A denominada Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación non está a ter unha tramitación simple.